Noticias

Galicia aborda coa Comisión Europea a nova visión da acción exterior europea

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, inaugurou e moderou hoxe a primeira reunión de 2024 do ciclo de ‘Encontros Virtuais Xunta-UE’, o foro de debate entre o goberno galego e as institucións europeas organizado mensualmente pola Fundación Galicia Europa (FGE). A sesión de hoxe centrouse na Global Gateway, a estratexia que aglutina os esforzos da Unión Europea por aumentar a súa presencia global mentres promociona valores democráticos compartidos e contribúe ao desenvolvemento dos seus países socios. Neste marco estratéxico presentado en 2021, o Equipo Europa -composto pola UE, os Estados membros, as axencias nacionais de desenvolvemento e o Banco Europeo de Inversións- pretende mobilizar preto de 300.000 millóns de euros ata 2030 para crear vínculos globais que impulsen o investimento en infraestruturas climáticas, enerxéticas ou dixitais.

Isto ofrecerá “seguridade e equidade ós inversores, sostibilidade para os socios e beneficios a longo prazo para todos”. No encontro de hoxe, a visión institucional da Global Gateway foi presentada por Laurent Sillano, asesor na Dirección Xeral de Asociacións Internacionais (DG INTPA) da Comisión Europea.

A perspectiva galega foi abordada por José Manuel Blanco, subdirector xeral de Análise e Programación na Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, quen lle achegou aos asistentes a Estratexia galega de Acción Exterior (Egaex) para o período 2023-2027, o instrumento co que Galicia aproveita as oportunidades de internacionalización e avalía a súa influencia exterior.

Encontros virtuais entre a Xunta e as institucións europeas

O ciclo de Encontros Virtuais Xunta-UE reúne cada mes á Xunta de Galicia con representantes das institucións europeas para abordar de forma conxunta as políticas impulsadas desde a UE. Organizado pola Fundación Galicia Europa dende setembro do 2020, fomenta o debate de multitude de temas da axenda comunitaria, como a Estratexia Industrial para Europa, o Pacto Verde ou a Axenda Dixital Europea.

R., 2024-02-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (20240510-xunta.JPG) Tivo lugar unha xornada de debate organizada pola Fundación Galicia Europa (FGE) no marco da celebración do Día de Europa co obxectivo de abordar coa mocidade universitaria o estado actual do proxecto de construción europea. No evento colaboraron a asociación xuvenil Equipo Europa e a asociación de debate universitario Retórica da Universidade de Vigo. No evento tratouse o impacto da Unión Europea e das eleccións ao Parlamento Europeo do próximo xuño. A fundación ten en marcha unha campaña en redes sociais para informar á cidadanía galega sobre o traballo das institucións da UE e sobre o seu impacto en Galicia. En liña co seu compromiso con achegar a Unión á xuventude, patente na iniciativa EuroXuventude, a campaña estará principalmente destinada á mocidade.
Foto de la tercera plana (outras-historias-posibles.jpg) A Cidade da Cultura de Galicia reivindica na exposición 'Outras historias posibles' a obra de seis artistas contemporáneas vinculadas a Galicia que despuntaron nos anos 80 do pasado século. A mostra, que abrirá a súas portas no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura a finais deste mes de maio, reúne unha ampla escolma dos traballos de Ana García Pan, Emilia Guimeráns, Anne Heyvaert, Tusi Sandoval, Blanca Silva e Laura Terré co obxectivo de celebrar o seu talento e contextualizar a súa obra, atendendo tanto ás influencias do contexto histórico como aos eventos da vida privada que determinaron o seu devir artístico.

Notas

Representantes dunha trintena de universidades españolas déronse cita en Vigo para avanzar na protección dos dereitos e no compromiso coa diversidade cultural, sexual e de xénero. Fixérono no cuarto encontro da Red de Universidades pola Diversidade, o órgano de representación das universidades españolas en diversidade sexual e de xénero (orientación sexual, diversidade corporal, afectiva, identidade de xénero e expresión de xénero) e diversidade por procedencia, cultura, crenza e afíns.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Joseba Sarrionandia, escritor vasco, como Escritor Galego Universal en 2024, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade da súa obra, así como por defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional de Euskadi. Joseba Sarrionandía (Bizkaia, 1958), formou parte nos anos oitenta da banda literaria Pott, xunto con Bernardo Atxaga, Jon Juaristi e Ruper Ordorika.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES