Noticias

Galicia culmina a súa participación en Fitur con máximos históricos de participación

A promoción do destino Galicia na Feira Internacional de Turismo, Fitur, remata con elevados índices de participación tanto nas xornadas profesionais como nas do público xeral. Ao longo dos cinco días nos que se celebrou a feira, a Comunidade galega amosou e promoveu novos produtos e experiencias turísticas vencelladas, entre outras, co Camiño de Santiago, a natureza, a gastronomía ou a auga, a temática na que se centraba o novo expositor institucional da Xunta de Galicia, que acolleu preto de medio cento de presentación.

Un expositor que resultou premiado pola organización da Feira, polo seu deseño, atención ao público e calidade dos materiais de promoción, convertendo á Comunidade galega nunha das máis premiadas na historia do certame. O stand acolleu, ademais, presentacións e degustacións de productos gastronómicos, así como unha mostra de artesanía galega a cargo de dúas redeiras da Asociación de Redeiras de Corme. Tamén de música e cultura galegas a cargo de Ailá, Mondra e Lil Kids durante a fin de semana na que tamén se contou cunha representación dos persoeiros dos Entroidos galegos.

Proba do éxito de afluencia ao expositor galego foi que se esgotaron gran parte do material promocional durante a fin de semana. O espazo de negocios xestionado polo Clúster de Turismo de Galicia acolleu un total de 400 reunións nas que participaron máis de 1.500 profesionais do sector, a cifra máis alta de participación acadada ata o momento. México, Portugal e Estados Unidos foron os principais países que se interesaron polo destino Galicia.

Fitur é a primeira gran cita de promoción turística na que participa Galicia cada ano, á que lle darán continuidade durante este 2024 ao redor de 30 feiras de ámbito nacional e internacional dentro do plan anual de promoción do destino organizado por Turismo de Galicia.

R., 2024-01-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (20240510-xunta.JPG) Tivo lugar unha xornada de debate organizada pola Fundación Galicia Europa (FGE) no marco da celebración do Día de Europa co obxectivo de abordar coa mocidade universitaria o estado actual do proxecto de construción europea. No evento colaboraron a asociación xuvenil Equipo Europa e a asociación de debate universitario Retórica da Universidade de Vigo. No evento tratouse o impacto da Unión Europea e das eleccións ao Parlamento Europeo do próximo xuño. A fundación ten en marcha unha campaña en redes sociais para informar á cidadanía galega sobre o traballo das institucións da UE e sobre o seu impacto en Galicia. En liña co seu compromiso con achegar a Unión á xuventude, patente na iniciativa EuroXuventude, a campaña estará principalmente destinada á mocidade.
Foto de la tercera plana (outras-historias-posibles.jpg) A Cidade da Cultura de Galicia reivindica na exposición 'Outras historias posibles' a obra de seis artistas contemporáneas vinculadas a Galicia que despuntaron nos anos 80 do pasado século. A mostra, que abrirá a súas portas no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura a finais deste mes de maio, reúne unha ampla escolma dos traballos de Ana García Pan, Emilia Guimeráns, Anne Heyvaert, Tusi Sandoval, Blanca Silva e Laura Terré co obxectivo de celebrar o seu talento e contextualizar a súa obra, atendendo tanto ás influencias do contexto histórico como aos eventos da vida privada que determinaron o seu devir artístico.

Notas

Representantes dunha trintena de universidades españolas déronse cita en Vigo para avanzar na protección dos dereitos e no compromiso coa diversidade cultural, sexual e de xénero. Fixérono no cuarto encontro da Red de Universidades pola Diversidade, o órgano de representación das universidades españolas en diversidade sexual e de xénero (orientación sexual, diversidade corporal, afectiva, identidade de xénero e expresión de xénero) e diversidade por procedencia, cultura, crenza e afíns.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Joseba Sarrionandia, escritor vasco, como Escritor Galego Universal en 2024, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade da súa obra, así como por defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional de Euskadi. Joseba Sarrionandía (Bizkaia, 1958), formou parte nos anos oitenta da banda literaria Pott, xunto con Bernardo Atxaga, Jon Juaristi e Ruper Ordorika.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES