Noticias

Galicia esixe a convocatoria conforme á legalidade vixente da conferencia sectorial de medio ambiente na que se repartirán fondos estatais en materias clave

Ante a recente convocatoria da Conferencia sectorial de Medio Ambiente realizada polo Goberno central, Galicia e outras 13 comunidades e cidades autónomas acaban de impulsar unha fronte común para esixir que se volva convocar a este órgano multilateral conforme á legalidade vixente ao entender que, en caso contrario, se lles negaría a oportunidade de debater sobre asuntos clave para os seus respectivos territorios. A celebración desta reunión levaba pendente desde o pasado verán e entre os aspectos a tratar figura a distribución territorializada de varias partidas de fondos estatais.

Nunha carta conxunta remitida hoxe á vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, os representantes autonómicos de Galicia, Andalucía, Cantabria, A Rioxa, Murcia, Valencia, Aragón, Estremadura, Baleares, Madrid, Castela e León, Ceuta e Melilla consideran que a referida convocatoria por escrito “adoece dun vicio de nulidade” o que impide a súa celebración e, por conseguinte, faría imposible a adopción de ningún acordo válido.

Por este motivo, solicitan unha rectificación do Ministerio e que proceda á suspensión da Conferencia Sectorial por escrito, fixada desde o 21 de outubro ata o 31 do mesmo mes, mentres non se proceda á súa convocatoria na forma legalmente prevista.

Ademais, trátase da primeira vez na historia en que o Goberno central convoca ao pleno da Conferencia sectorial recorrendo á modalidade escrita, un tipo de procedemento que, tal e como se recolle na misiva, resérvase “por lei” a supostos nos que o único punto na orde do día sexa analizar un proxecto normativo, algo que non sucede neste caso.

De feito, entre os 9 asuntos incluídos na orde do día cómpre subliñar a territorialización dos orzamentos do Estado de 2023 para previr e paliar os danos do lobo, as partidas das subvencións para proxectos nas áreas de influencia dos parques nacionais ou os fondos correspondentes ao Plan PIMA Refuxios climáticos.

Neste sentido e tendo en conta a transcendencia que ten para as comunidades autónomas este reparto, os conselleiros asinantes consideran que se está furtando o seu dereito a dialogar e a permitir a necesaria intercomunicación entre os membros do referido órgano multilateral en materias clave de temática medioambiental.

R., 2023-10-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (20240510-xunta.JPG) Tivo lugar unha xornada de debate organizada pola Fundación Galicia Europa (FGE) no marco da celebración do Día de Europa co obxectivo de abordar coa mocidade universitaria o estado actual do proxecto de construción europea. No evento colaboraron a asociación xuvenil Equipo Europa e a asociación de debate universitario Retórica da Universidade de Vigo. No evento tratouse o impacto da Unión Europea e das eleccións ao Parlamento Europeo do próximo xuño. A fundación ten en marcha unha campaña en redes sociais para informar á cidadanía galega sobre o traballo das institucións da UE e sobre o seu impacto en Galicia. En liña co seu compromiso con achegar a Unión á xuventude, patente na iniciativa EuroXuventude, a campaña estará principalmente destinada á mocidade.
Foto de la tercera plana (outras-historias-posibles.jpg) A Cidade da Cultura de Galicia reivindica na exposición 'Outras historias posibles' a obra de seis artistas contemporáneas vinculadas a Galicia que despuntaron nos anos 80 do pasado século. A mostra, que abrirá a súas portas no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura a finais deste mes de maio, reúne unha ampla escolma dos traballos de Ana García Pan, Emilia Guimeráns, Anne Heyvaert, Tusi Sandoval, Blanca Silva e Laura Terré co obxectivo de celebrar o seu talento e contextualizar a súa obra, atendendo tanto ás influencias do contexto histórico como aos eventos da vida privada que determinaron o seu devir artístico.

Notas

Representantes dunha trintena de universidades españolas déronse cita en Vigo para avanzar na protección dos dereitos e no compromiso coa diversidade cultural, sexual e de xénero. Fixérono no cuarto encontro da Red de Universidades pola Diversidade, o órgano de representación das universidades españolas en diversidade sexual e de xénero (orientación sexual, diversidade corporal, afectiva, identidade de xénero e expresión de xénero) e diversidade por procedencia, cultura, crenza e afíns.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Joseba Sarrionandia, escritor vasco, como Escritor Galego Universal en 2024, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade da súa obra, así como por defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional de Euskadi. Joseba Sarrionandía (Bizkaia, 1958), formou parte nos anos oitenta da banda literaria Pott, xunto con Bernardo Atxaga, Jon Juaristi e Ruper Ordorika.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES