Noticias

A Fundación Paideia Galiza impulsa os Premios Mans Futuro para recoñecer a excelencia do alumnado dos conservatorios superiores

A Xunta de Galicia e a Fundación Paideia Galiza impulsan a XVIII edición dos Premios Mans Futuro, que recoñecen a excelencia do alumnado dos conservatorios superiores de música de Galicia e promoven a súa proxección. Este ano a convocatoria recupera as probas presenciais. Poderá concorrer a estes premios, financiados pola Fundación Paideia Galiza, o alumnado dos conservatorios superiores de música dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, situados na Coruña e Vigo. Deberán ter sobresaliente ou matrícula de honra no traballo fin de estudos na especialidade de interpretación.

A persoa que resulte galardoada co primeiro premio realizará unha gravación discográfica, mestura, edición e masterización dun repertorio de 45 minutos, xa sexa como solista ou cun máximo de dous acompañantes, en sistema de gravación a disco duro en HD 3 de Pro Tools. Ademais poderá gravar un vídeo en falso directo cunha duración máxima de tres minutos.

No caso dos recoñecidos coas dúas mencións de honra, os premios consisten na gravación dunha maqueta dun repertorio de 25 minutos e a gravación dun vídeo en falso directo cunha duración máxima de tres minutos. Todas as gravacións desenvolveranse nos Estudios Mans da Coruña no prazo de tres meses contados a partir da data de publicación da concesión dos premios.

Prazos e requisitos

Para participar os interesados deberán cumprimentar o formulario de inscrición e presentalo na secretaría do conservatorio no que cursase as ensinanzas entre o 1 e o 21 de setembro de 2023, ambos os dous días incluídos.

As persoas inscritas que cumpran os requisitos deberán realizar unha proba de instrumento, ou de canto, segundo corresponda, nos Estudios Mans no mes de novembro de 2023, que consistirá na execución dun programa de concerto, integrado por obras libremente elixidas. O repertorio deberá estar formado por tres pezas (obras ou fragmentos da obra) de diferentes estilos, dunha dificultade acorde co nivel destas ensinanzas e cunha duración máxima de 30 minutos entre as tres. A persoa aspirante unicamente se poderá presentar ao premio de xeito individual realizando a interpretación como solista, con acompañamento da agrupación que precise, se é o caso.

R., 2023-08-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (20240510-xunta.JPG) Tivo lugar unha xornada de debate organizada pola Fundación Galicia Europa (FGE) no marco da celebración do Día de Europa co obxectivo de abordar coa mocidade universitaria o estado actual do proxecto de construción europea. No evento colaboraron a asociación xuvenil Equipo Europa e a asociación de debate universitario Retórica da Universidade de Vigo. No evento tratouse o impacto da Unión Europea e das eleccións ao Parlamento Europeo do próximo xuño. A fundación ten en marcha unha campaña en redes sociais para informar á cidadanía galega sobre o traballo das institucións da UE e sobre o seu impacto en Galicia. En liña co seu compromiso con achegar a Unión á xuventude, patente na iniciativa EuroXuventude, a campaña estará principalmente destinada á mocidade.
Foto de la tercera plana (outras-historias-posibles.jpg) A Cidade da Cultura de Galicia reivindica na exposición 'Outras historias posibles' a obra de seis artistas contemporáneas vinculadas a Galicia que despuntaron nos anos 80 do pasado século. A mostra, que abrirá a súas portas no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura a finais deste mes de maio, reúne unha ampla escolma dos traballos de Ana García Pan, Emilia Guimeráns, Anne Heyvaert, Tusi Sandoval, Blanca Silva e Laura Terré co obxectivo de celebrar o seu talento e contextualizar a súa obra, atendendo tanto ás influencias do contexto histórico como aos eventos da vida privada que determinaron o seu devir artístico.

Notas

Representantes dunha trintena de universidades españolas déronse cita en Vigo para avanzar na protección dos dereitos e no compromiso coa diversidade cultural, sexual e de xénero. Fixérono no cuarto encontro da Red de Universidades pola Diversidade, o órgano de representación das universidades españolas en diversidade sexual e de xénero (orientación sexual, diversidade corporal, afectiva, identidade de xénero e expresión de xénero) e diversidade por procedencia, cultura, crenza e afíns.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Joseba Sarrionandia, escritor vasco, como Escritor Galego Universal en 2024, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade da súa obra, así como por defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional de Euskadi. Joseba Sarrionandía (Bizkaia, 1958), formou parte nos anos oitenta da banda literaria Pott, xunto con Bernardo Atxaga, Jon Juaristi e Ruper Ordorika.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES