Noticias

A cuarta edición do Nachiños Fest traerá a Ferrol o único concerto en Galicia da banda internacional Crystal Fighters

Presentouse a cuarta edición do Nachiños Fest, que terá lugar os días 8 e 9 de setembro no campo das Cabazas, en Covas, e que conta este ano con figuras internacionais como a banda londiniense Crystal Fighter que ofrecerá na cidade o seu único concerto en Galicia. Xunto a eles haberá outras caras coñecidas do panorama nacional como Alizzz, Cupido, Anabel Lee, Besmaya, Julia Nar ou Alison Darwin que compartirán escenario coas formacións galegas The Rapants, Galician Army e Berto. O Nachiños Fest aporta unha oferta musical diferente á temporada estival en Ferrolterra, a música indie, que conxuga con elementos tan identificadores da comarca como son o surf e a natureza.

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na tenda Waves Ferrol na presentación da cuarta edición do Nachiños Fest que terá lugar os días 8 e 9 de setembro no campo das Cabazas, en Covas, e que volve contar un ano máis co respaldo do Goberno galego a través de Turismo de Galicia.

Acompañada do alcalde da cidade, José Manuel Rey Varela, e de representantes da organización, Aneiros destacou o “salto cualitativo” do cartel deste ano con figuras internacionais como a banda londiniense Crystal Fighter que ofrecerá na cidade o seu único concerto en Galicia. Xunto a eles haberá outras caras coñecidas do panorama nacional como Alizzz, Cupido, Anabel Lee, Besmaya, Julia Nar ou Alison Darwin que compartirán escenario coas formacións galegas The Rapants, Galician Army e Berto.

“O Nachiños Fest aporta unha oferta musical diferente á temporada estival en Ferrolterra, a música indie, que tan ben conxuga con elementos tan identificadores da nosa comarca como son o surf e a natureza”, salientou a delegada territorial, “e é precisamente esa oferta variada de diferentes estilos e para diferentes públicos o que pretendemos promover desde a Xunta de Galicia ano tras ano”.

Martina Aneiros destacou o “excepcional medio” que festivais como o Nachiños supoñen á hora de difundir os atractivos turísticos, patrimoniais e gastronómicos cos que conta a Comunidade Autónoma, “á vez que serven para atraer visitantes ás contornas onde se celebran” e agradeceu o traballo dos “promotores e organizadores deste evento musical” pola súa contribución a “poñer a cidade e Galicia á vangarda do panorama musical nacional e mesmo europeo”.

O prezo das entradas, á venta a través da páxina oficial do festival, oscilan entre os 33 euros das entradas diarias e os 49,50 do abono de dúas xornadas. Ademais haberá dispoñible unha zona de acampada á que se poderá acceder por un custo de 22 euros por persoa por ámbolos dous días.

R., 2023-08-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (20240510-xunta.JPG) Tivo lugar unha xornada de debate organizada pola Fundación Galicia Europa (FGE) no marco da celebración do Día de Europa co obxectivo de abordar coa mocidade universitaria o estado actual do proxecto de construción europea. No evento colaboraron a asociación xuvenil Equipo Europa e a asociación de debate universitario Retórica da Universidade de Vigo. No evento tratouse o impacto da Unión Europea e das eleccións ao Parlamento Europeo do próximo xuño. A fundación ten en marcha unha campaña en redes sociais para informar á cidadanía galega sobre o traballo das institucións da UE e sobre o seu impacto en Galicia. En liña co seu compromiso con achegar a Unión á xuventude, patente na iniciativa EuroXuventude, a campaña estará principalmente destinada á mocidade.
Foto de la tercera plana (outras-historias-posibles.jpg) A Cidade da Cultura de Galicia reivindica na exposición 'Outras historias posibles' a obra de seis artistas contemporáneas vinculadas a Galicia que despuntaron nos anos 80 do pasado século. A mostra, que abrirá a súas portas no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura a finais deste mes de maio, reúne unha ampla escolma dos traballos de Ana García Pan, Emilia Guimeráns, Anne Heyvaert, Tusi Sandoval, Blanca Silva e Laura Terré co obxectivo de celebrar o seu talento e contextualizar a súa obra, atendendo tanto ás influencias do contexto histórico como aos eventos da vida privada que determinaron o seu devir artístico.

Notas

Representantes dunha trintena de universidades españolas déronse cita en Vigo para avanzar na protección dos dereitos e no compromiso coa diversidade cultural, sexual e de xénero. Fixérono no cuarto encontro da Red de Universidades pola Diversidade, o órgano de representación das universidades españolas en diversidade sexual e de xénero (orientación sexual, diversidade corporal, afectiva, identidade de xénero e expresión de xénero) e diversidade por procedencia, cultura, crenza e afíns.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Joseba Sarrionandia, escritor vasco, como Escritor Galego Universal en 2024, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade da súa obra, así como por defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional de Euskadi. Joseba Sarrionandía (Bizkaia, 1958), formou parte nos anos oitenta da banda literaria Pott, xunto con Bernardo Atxaga, Jon Juaristi e Ruper Ordorika.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES