Noticias

O encontro Artesanía de Galicia terá lugar no Courel do 9 ao 13 de agosto

No programa de actividades inclúense 12 obradoiros de iniciación a diferentes oficios como a cestería, a carpintería, o bordado, a estampaxe ou a ourivería e técnicas coma o macramé, para os que é necesaria realizar unha inscrición previa na web da Fundación Artesanía de Galicia, e oito talleres gratuítos e abertos a todos os públicos que se acheguen ata Folgoso do Courel durante estes cinco días. As actividades desenvolveranse no Centro Sociocultural Fondo de Vila (Folgoso) e en Froxán, en horario de 10:30 a 13:30 horas e de 16:00 a 18:00 horas, así como en tres localizacións da aldea de Parada: a sede da Fundación Uxío Novoneyra, a antiga escola unitaria e mais o aloxamento rural A Carbiña. O horario das actividades de Parada será de 11:00 a 13:30 e de 16:00 a 18:00 horas.

A Consellería de Economía, Industria e Innovación promove a terceira edición do encontro Artesanía de Galicia no Courel, co obxectivo de impulsar a divulgación dos oficios artesanais galegos. O evento vaise celebrar entre os días 9 e 13 de agosto en diferentes localizacións de Folgoso do Courel e conta coa colaboración do Concello de Folgoso do Courel e da Fundación Uxío Novoneyra.

No programa de actividades inclúense 12 obradoiros de iniciación a diferentes oficios como a cestería, a carpintería, o bordado, a estampaxe ou a ourivería e técnicas coma o macramé, para os que é necesaria realizar unha inscrición previa na web da Fundación Artesanía de Galicia, e oito talleres gratuítos e abertos a todos os públicos que se acheguen ata Folgoso do Courel durante estes cinco días.

As actividades desenvolveranse no Centro Sociocultural Fondo de Vila (Folgoso) e en Froxán, en horario de 10:30 a 13:30 horas e de 16:00 a 18:00 horas, así como en tres localizacións da aldea de Parada: a sede da Fundación Uxío Novoneyra, a antiga escola unitaria e mais o aloxamento rural A Carbiña. O horario das actividades de Parada será de 11:00 a 13:30 e de 16:00 a 18:00 horas.

Por unha banda, os cursos que requiren inscrición previa celebraranse na Antiga Escola Unitaria de Froxán, na Carbiña e na Fundación Uxío Novoneyra. En Froxán desenvolveranse dous cursos de cestería impartidos por Julia de la Cal, de La Parabólica (O Porriño): un sobre cesta redonda de vimbio, do 9 ao 11 de agosto, e outro cesto de costelas, os días 12 e 13.

Na Escola Unitaria de Parada terán lugar os obradoiros de Iniciación á ourivería, con Susi Gesto (Santiago de Compostela), do 9 ao 13 de agosto; e dous obradoiros de macramé a cargo de Nai Diseños (Vigo): un centrado na elaboración dun tapiz, que se celebrará entre os días 9 e 11 de agosto, e outro centrado nun bolso, os días 12 e 13.

No aloxamento rural A Carbiña están previstas seis actividades de formación, dúas por cada temática, a primeira terá lugar do 9 ao 11 de agosto e a segunda os días 12 e 13. Natalia Moreno (Baiona) será a encargada de impartir os cursos sobre degradados e sombreados sobre téxtil; Minia Banet de Variopinto (Santiago de Compostela) dirixirá os cursos de bordado sobre fotografía; e Lola García de Logaro (Ourense) impartirá os cursos de bordado en la. Por último, na Fundación Uxío Novoneyra celebrarase cursos de elaboración dun banco de madeira, a cargo de Rodrigo Mosquera de Tresoficios (Teo), que terá lugar do 9 ao 13 de agosto.

En canto aos talleres gratuítos e abertos a todo tipo de públicos, a maior parte concentraranse no Centro Cultural Fondo de Vila (Folgoso). Os cursos de cerámica celebraranse durante todos os días do evento, do 9 ao 13 de agosto, e estarán impartidos polos artesáns vigueses Carlos San Claudio, Torno cerámico, e Nerea Carpente de Peixe Nero, que dirixirá o de Pezas cerámicas en mesa.

Sandra Betanzos, de Amorote Printing Workshop (Ames), encargarase de catro obradoiros de estampaxe que terán lugar en días diferentes. O 9 e o 13 de agosto celebrarase o de estampaxe de postais con selos, o 10 o de serigrafía téxtil, o 11 o de estampaxe creativa en téxtil e o 12 de agosto o de elaboración dun selo de follas autóctonas e estampaxe en papel.

Na sede da Fundación Uxío Novoneyra (Parada) terán lugar os obradoiros abertos impartidos por María José Martínez e José Antonio Carrera, de Peixesapop (Vigo), que se encargarán dos obradoiros Polos pés, entre o 9 e o 11 de agosto, e o de Serigrafía e estampaxe, que se celebrará o 12 e o 13 de agosto.

O obxectivo destas actividades é divulgar os oficios artesanais e todos os valores que implica o feito á man para que futuros consumidores entendan o valor engadido da artesanía e mesmo futuros profesionais do sector vexan a artesanía como un modo de vida.

R., 2023-07-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (20240510-xunta.JPG) Tivo lugar unha xornada de debate organizada pola Fundación Galicia Europa (FGE) no marco da celebración do Día de Europa co obxectivo de abordar coa mocidade universitaria o estado actual do proxecto de construción europea. No evento colaboraron a asociación xuvenil Equipo Europa e a asociación de debate universitario Retórica da Universidade de Vigo. No evento tratouse o impacto da Unión Europea e das eleccións ao Parlamento Europeo do próximo xuño. A fundación ten en marcha unha campaña en redes sociais para informar á cidadanía galega sobre o traballo das institucións da UE e sobre o seu impacto en Galicia. En liña co seu compromiso con achegar a Unión á xuventude, patente na iniciativa EuroXuventude, a campaña estará principalmente destinada á mocidade.
Foto de la tercera plana (outras-historias-posibles.jpg) A Cidade da Cultura de Galicia reivindica na exposición 'Outras historias posibles' a obra de seis artistas contemporáneas vinculadas a Galicia que despuntaron nos anos 80 do pasado século. A mostra, que abrirá a súas portas no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura a finais deste mes de maio, reúne unha ampla escolma dos traballos de Ana García Pan, Emilia Guimeráns, Anne Heyvaert, Tusi Sandoval, Blanca Silva e Laura Terré co obxectivo de celebrar o seu talento e contextualizar a súa obra, atendendo tanto ás influencias do contexto histórico como aos eventos da vida privada que determinaron o seu devir artístico.

Notas

Representantes dunha trintena de universidades españolas déronse cita en Vigo para avanzar na protección dos dereitos e no compromiso coa diversidade cultural, sexual e de xénero. Fixérono no cuarto encontro da Red de Universidades pola Diversidade, o órgano de representación das universidades españolas en diversidade sexual e de xénero (orientación sexual, diversidade corporal, afectiva, identidade de xénero e expresión de xénero) e diversidade por procedencia, cultura, crenza e afíns.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Joseba Sarrionandia, escritor vasco, como Escritor Galego Universal en 2024, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade da súa obra, así como por defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional de Euskadi. Joseba Sarrionandía (Bizkaia, 1958), formou parte nos anos oitenta da banda literaria Pott, xunto con Bernardo Atxaga, Jon Juaristi e Ruper Ordorika.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES