Noticias

A exposición 'Xuventude Crea, máis dunha década' remata con máis de 35.000 visitas recollidas e un coloquio final

A exposición itinerante 'Xuventude Crea, máis dunha década' pecha o seu percorrido cun coloquio no centro Mans da Fundación Paideia, moderado pola comisaria da exposición, Alexandra Rodríguez Rey, e na que participaron catro dos artistas gañadores: Sofía Rivas, Noelia Tojeiro, David Catá e Eva Antelo. Desde que comezou o seu percorrido, en maio do 2021, esta exposición, conformada por diferentes traballos de mozas e mozos galegos que participaron no programa Xuventude Crea, que promove o talento e a creatividade da mocidade galego, recibiu máis de 35.000 visitas.

Durante este tempo pasou polo mercado municipal de Ribeira, polo Espazo Xove de Lalín, polo Museo do Mar de Galicia en Vigo, polo Espazo Xove de Tui, polo Café Moderno de Pontevedra, pola biblioteca pública de Lugo e Ourense Nós, polo Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, pola sede Afundación Abanca en Ferrol e polo Espazo Xove de Noia.

O programa Xuventude Crea leva trece anos premiando a creatividade da xuventude galega. Máis de 4300 persoas entre os 18 e 30 anos de idade levan participado nas catorce edicións que se teñen celebrado ata a data de hoxe, a través das que se difundiron arredor de 3200 obras e proxectos creativos. Ademais de dalas a coñecer a través desta exposición itinerante, todas as creacións premiadas ao longos dos últimos anos exhíbense nun museo dixital recen estreado: www.museoxuventudecrea.gal.

Éxito da última edición

A última edición contou coa participación de 350 artistas que presentaron 280 obras. As disciplinas que se premiaron foron: teatro, música, poesía, videocreación, banda deseñada, arte urbana, moda, deseño de xoias, cociña, danza moderna, creación de videoxogos, fotografía e artes plásticas (esta última comprendeu as modalidades de pintura e escultura).

R., 2023-01-31

Actualidad

Foto del resto de noticias (20240510-xunta.JPG) Tivo lugar unha xornada de debate organizada pola Fundación Galicia Europa (FGE) no marco da celebración do Día de Europa co obxectivo de abordar coa mocidade universitaria o estado actual do proxecto de construción europea. No evento colaboraron a asociación xuvenil Equipo Europa e a asociación de debate universitario Retórica da Universidade de Vigo. No evento tratouse o impacto da Unión Europea e das eleccións ao Parlamento Europeo do próximo xuño. A fundación ten en marcha unha campaña en redes sociais para informar á cidadanía galega sobre o traballo das institucións da UE e sobre o seu impacto en Galicia. En liña co seu compromiso con achegar a Unión á xuventude, patente na iniciativa EuroXuventude, a campaña estará principalmente destinada á mocidade.
Foto de la tercera plana (outras-historias-posibles.jpg) A Cidade da Cultura de Galicia reivindica na exposición 'Outras historias posibles' a obra de seis artistas contemporáneas vinculadas a Galicia que despuntaron nos anos 80 do pasado século. A mostra, que abrirá a súas portas no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura a finais deste mes de maio, reúne unha ampla escolma dos traballos de Ana García Pan, Emilia Guimeráns, Anne Heyvaert, Tusi Sandoval, Blanca Silva e Laura Terré co obxectivo de celebrar o seu talento e contextualizar a súa obra, atendendo tanto ás influencias do contexto histórico como aos eventos da vida privada que determinaron o seu devir artístico.

Notas

Representantes dunha trintena de universidades españolas déronse cita en Vigo para avanzar na protección dos dereitos e no compromiso coa diversidade cultural, sexual e de xénero. Fixérono no cuarto encontro da Red de Universidades pola Diversidade, o órgano de representación das universidades españolas en diversidade sexual e de xénero (orientación sexual, diversidade corporal, afectiva, identidade de xénero e expresión de xénero) e diversidade por procedencia, cultura, crenza e afíns.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Joseba Sarrionandia, escritor vasco, como Escritor Galego Universal en 2024, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade da súa obra, así como por defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional de Euskadi. Joseba Sarrionandía (Bizkaia, 1958), formou parte nos anos oitenta da banda literaria Pott, xunto con Bernardo Atxaga, Jon Juaristi e Ruper Ordorika.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES