Notas de prensa

A USC revisita o legado do SEG no volume 'As disciplinas do Seminario de Estudos Galegos onte e hoxe'

Un equipo de persoal investigador revisita, cen anos despois da fundación do Seminario de Estudos Galegos (SEG), o labor daquela mocidade que en 1923 puxo “os alicerces dunha construción, cultural e científica, monumental”. Este é o cometido da obra As disciplinas do Seminario de Estudos Galegos onte e hoxe, editada polo Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC e que se presentou no Salón de Graos do Colexio de San Xerome.

O SEG pretendía atender diversos campos do saber que non eran obxecto de estudo como materia galega na universidade, tanto dende o punto de vista investigador como formativo e divulgador. Estas páxinas avalían, precisamente, o estado actual das disciplinas que constituíron as diferentes seccións integradas no SEG. O libro é o resultado das xornadas de investigación que Filoloxía organizou no mes de outubro para ofrecer un balance das devanditas disciplinas a través da mirada do estudantado de doutoramento da USC.

Na presentación desta obra, o reitor Antonio López agradeceu un traballo que recupera a filosofía do Seminario de Estudos Galegos e o achega ao público máis novo, “situando Galicia como eixo de estudo con absoluta normalidade”, se ben esta situación —lembrou— é resultado dunha traxectoria longa e de esforzo colectivo. O reitor alentou o equipo promotor do libro a seguir traballando na procura dunha mellora continuada dos logros xa alcanzados e particularmente da perspectiva galega.

O volume As disciplinas do Seminario de Estudos Galegos onte e hoxe remarca a importancia de recuperar a vocación de intervir dende a Universidade, afirmou Helena Martínez Cabrera en representación do equipo de persoal investigador implicado no desenvolvemento do seminario e do correspondente volume. O traballo desenvolvido permitiu conectar distintas disciplinas e ir máis alá dos espazos propios de intervención de cada unha das persoas especialistas que participaron para definir liñas compartidas, engadiu Lúa Blanca Garea Garrido.

Esta transversalidade é un dos sinais de identidade do traballo presentado xunto coa súa vocación de transferencia do eido investigador cara á sociedade, remarcou no acto o decano da Facultade de Filoloxía Elias J. Feijó Torres. Como engadiu, a publicación deste volume permite avanzar na edificación dunha idea de Seminario de Estudos Galegos que poida ter continuidade con periodicidade anual e posibilite profundar “nos estudos de Galicia, pero tamén nos realizados dende Galicia” sobre calquera outra disciplina. Deste xeito afóndase nunha mellor comprensión das distintas formas nas que se manifesta a cultura galega, engadiu a vicedecana do centro e coordinadora do volume Alejandra Ulla Lorenzo.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2023-11-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (20240510-xunta.JPG) Tivo lugar unha xornada de debate organizada pola Fundación Galicia Europa (FGE) no marco da celebración do Día de Europa co obxectivo de abordar coa mocidade universitaria o estado actual do proxecto de construción europea. No evento colaboraron a asociación xuvenil Equipo Europa e a asociación de debate universitario Retórica da Universidade de Vigo. No evento tratouse o impacto da Unión Europea e das eleccións ao Parlamento Europeo do próximo xuño. A fundación ten en marcha unha campaña en redes sociais para informar á cidadanía galega sobre o traballo das institucións da UE e sobre o seu impacto en Galicia. En liña co seu compromiso con achegar a Unión á xuventude, patente na iniciativa EuroXuventude, a campaña estará principalmente destinada á mocidade.
Foto de la tercera plana (outras-historias-posibles.jpg) A Cidade da Cultura de Galicia reivindica na exposición 'Outras historias posibles' a obra de seis artistas contemporáneas vinculadas a Galicia que despuntaron nos anos 80 do pasado século. A mostra, que abrirá a súas portas no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura a finais deste mes de maio, reúne unha ampla escolma dos traballos de Ana García Pan, Emilia Guimeráns, Anne Heyvaert, Tusi Sandoval, Blanca Silva e Laura Terré co obxectivo de celebrar o seu talento e contextualizar a súa obra, atendendo tanto ás influencias do contexto histórico como aos eventos da vida privada que determinaron o seu devir artístico.

Notas

Representantes dunha trintena de universidades españolas déronse cita en Vigo para avanzar na protección dos dereitos e no compromiso coa diversidade cultural, sexual e de xénero. Fixérono no cuarto encontro da Red de Universidades pola Diversidade, o órgano de representación das universidades españolas en diversidade sexual e de xénero (orientación sexual, diversidade corporal, afectiva, identidade de xénero e expresión de xénero) e diversidade por procedencia, cultura, crenza e afíns.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Joseba Sarrionandia, escritor vasco, como Escritor Galego Universal en 2024, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade da súa obra, así como por defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional de Euskadi. Joseba Sarrionandía (Bizkaia, 1958), formou parte nos anos oitenta da banda literaria Pott, xunto con Bernardo Atxaga, Jon Juaristi e Ruper Ordorika.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES