Noticias

O Play-Doc presenta a programación da súa 20ª edición

O Play-Doc celebra os seus 20 anos en Tui, cunha edición que despregará durante cinco días unha programación con seccións cinematográficas competitivas, espectáculos musicais, actividades formativas e propostas para todos os públicos. O festival tudense caracterízase pola súa especialización na non ficción e por ser modelo na difusión neste xénero ao pousar a ollada nun cinema que experimenta e explora os diferentes xeitos de abordar a realidade na pantalla. As tendencias do documental en todo o mundo teñen o seu reflexo no festival a través de retrospectivas, homenaxes e unha competición internacional á que aspiran ingresar centos de obras cada ano. A coidada selección fílmica inclúe cada ano estreas en España e absolutas.

Todo isto sen deixar de promover e impulsar cada ano o audiovisual producido no país, representado na sección Competición Galicia, que nesta vixésima edición presenta 13 filmes a concurso: 12 de maio de 1937, de Mar Caldas, Aurora, de Area Erina, Corre o vento, de Paula Fuentes e Guillermo Cabrera, Lavadoiro, de Anna Amado e Lois Patiño, Non te vexo e Platónico, platónica, de Xacio Baño, O auto das ánimas, de Pablo Lago Dantas, Os espazos en branco, de Bruno Arias, Pechar caixas abrir caixas, de Hugo Amoedo, Queimar cando morra, de Inés Pintor, Salvaxe, salvaxe, de Emilio Fonseca Martín, Segunda II, de Anita Pico, e Viaxar aos teus recordos é buscar pelexa, de Daniel Pérez Silva.

Ademais, o apoio do Play-Doc á creación galega plásmase na súa condición de punto de encontro do sector e na apertura de espazos de presentación de proxectos audiovisuais en desenvolvemento. Durante os días do festival, o público ten a oportunidade de coñecer traballos documentais que están en preparación, a través de conversas coas persoas responsables de cada proxecto.

Nova sección Sombras

A principal novidade do Play-Doc deste ano é o nacemento da sección Sombras, con fondos dixitalizados pola Filmoteca de Galicia e dedicada a recuperar películas galegas ou de cineastas galegos cuxa obra ten sido pouco difundida. O guionista e produtor Pepe Coira é o encargado deste novo apartado, que se estreará coa figura de Tony Román, director de películas emblemáticas nos anos 40 e que na súa primeira etapa cultivou un estilo vangardista e experimental, con influencias de mestres como Eisenstein, Ruttmann e Flaherty.

A súa obra presentarase nunha dobre sesión, conducidas e comentadas polo propio Coira. A primeira incluirá os filmes Ciudad encantada (1936) e O carro e o home (1940); en tanto que na segunda proxectarase Canto de emigración (1935), nun pase que contará coa interpretación musical en vivo a cargo da Orquestra Clásica de Vigo.

O 20ª Play-Doc celébrase do 1 ao 5 de maio en diferentes espazos de Tui como o Teatro Municipal e o Seminario Menor. O espectáculo inaugural virá da man do músico tudense Víctor Coyote xunto a Javi Álvarez cunha proposta de música ao vivo ao redor da película El crack de José Luis Garci. Entre os destaques de programación desta edición especial figuran a primeira retrospectiva europea do brasileiro Leon Hirszman, o programa dedicado a Willian Friedkin, director da lendaria El exorcista, e a proposta Cinema Percorridos, que convida ao público a gozar de performances audiovisuais nocturnas na zona monumental de Tui.

R., 2024-04-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros.jpg) Máis de 3.000 alumnos e alumnas, tras ler as obras finalistas, emitiron as súas valoracións para escoller as obras gañadoras das sete categorías. Os títulos seleccionados na categoría Infantil foron Caderno de cores e cancións, de Magín Blanco e Sonia García, como ilustradora, e está editado por Galaxia. Na de primeiro e segundo curso de Educación primaria foi distinguido Violeta parapluie e outras historias de xente pouco corrente de Ramón D. Veiga, publicada por Edicións Embora. Na segunda categoría distinguiuse A pulga espacial de Xabier Domínguez e Alba de Evan.
Foto de la tercera plana (comunicacion.jpg) A Xunta publica a consulta previa para unha nova Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, que se adecúe á normativa europea e á realidade que trouxeron consigo os cambios tecnolóxicos dos últimos anos. As modificacións introducidas pola Directiva comunitaria 2018/1808, polo Regulamento comunitario 2024/1083 e pola recente Lei 13/2022 xeral de comunicación audiovisual, xunto cos avances tecnolóxicos, obrigan a reconsiderar o vixente texto legal.

Notas

O próximo día 8 de maio terá lugar no Xardín das Pedras que falan (xardín traseiro do Colexio de Fonseca), ás 20.00 horas e con entrada libre, a segunda edición do MilongUSC. Nesta ocasión, contará coa participación dos alumnos do curso de Danza-tango 23/24 da USC que, baixo as ensinanzas dos profesores Chusa Pérez de Vallejo e Ezequiel Merlo, amosarán o aprendido neste curso.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu a xornada 'Inclusión e deporte. O deporte como clave para intervir socialmente'. Nela reivindicouse o papel da educación social no deporte, convidando a egresadas deste centro, educadoras sociais, a expor boas prácticas desenvolvidas neste eido en diferentes entidades da cidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES