Noticias

Galicia rexistrou preto de 47.100 raios en 2023, un 66 % máis que o ano anterior

Galicia rexistrou 47.099 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior, o que o converte no segundo ano con máis descargas eléctricas da serie ao estar só por detrás dos 47.937 detectados en 2017. Máis polo miúdo, houbo 77 días de treboada, destacando o mes de xuño con 15 días; maio, con 13, e setembro, con 12. Así, o mes de xuño destaca con 16.640 raios, o 35% do total do ano, mentres que, en setembro e maio, se rexistraron 13.675 e 13.583, respectivamente. O día con maior número de raios detectados foi o 9 de setembro, con 10.204 descargas. Nesa xornada, Galicia atopábase baixo a influencia dunha extensa zona de baixas presións relativas en superficie acompañada por unha depresión en altura ao noroeste da Península.

Esta situación derivou nunha elevada inestabilidade atmosférica, ao ter lugar nunha época do ano na que en superficie as masas de aire aínda son moi cálidas.

Por provincias, Lugo rexistrou o 34% do total rexistrado, seguida de Ourense -28%-, Pontevedra -20%- e A Coruña -18%-. Neste senso, cómpre lembrar que MeteoGalicia conta desde finais de 2009 cunha rede de detección de descargas eléctricas nube-terra que permite a monitorización de treboadas en tempo real. A maiores, o sistema tamén permite estimar as posibles evolucións a moi curto prazo destes fenómenos.

A rede está composta por 4 detectores de raios: no Alto do Rodicio (Ourense), Castro Ribeiras de Lea (Lugo), Mabegondo (A Coruña) e Vigo Campus (Pontevedra).

En canto á radiosondaxe, cómpre indicar que se trata dun método de exploración da atmosfera que permite coñecer a estrutura vertical desde o chan ata unha altura de 25 km por medio da medida das principais variables termodinámicas (temperatura, humidade e presión). Lánzase unha vez á semana -os martes- ás 9,00 horas, aproximadamente.

Ao longo do ano 2023, as medidas evidenciaron que a altitude da tropopausa -zona de transición entre a troposfera e a estratosfera- variou entre os 10 km en febreiro e os 14 km en agosto, mentres que a do cero térmico oscilou entre 2 km (xaneiro) e 5 km (agosto). A nivel anual, a altura media da tropopausa achouse en 12,1 km e a do cero térmico a 3,2 km. Considerando a evolución de ditas variables, non se aprecian tendencias desde o comezo dos lanzamentos (ano 2011).

R., 2024-04-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (portugal_galicia.jpg) O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, reuniuse esta mañá cos responsables da AECT Rio Minho para coñecer de primeira man as prioridades e os proxectos que ten en marcha este instrumento de cooperación que abrangue 16 concellos da provincia de Pontevedra e 10 da CIM Alto Minho. Esta é unha primeira visita que o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, continuará co resto de AECTs. Deste xeito, está previsto que se entreviste tamén cos responsables da AECT Chaves-Verín, e da futura AECT da Raia Seca.
Foto de la tercera plana (cdc-01.jpg) A Cidade da Cultura volve acoller a colorida e festiva carreira Holi Gaiás, que vai pola súa sexta edición. A proba terá lugar o sábado 8 de xuño nos exteriores do complexo e nesta ocasión contará cun percorrido especial para a cativada entre 4 e 9 anos, a Peque Holi. A actividade lúdico festiva contará un ano máis coa súa tradicional poeira de cores e con animación previa e posterior á proba, con música e coreografías que animarán aos participantes durante a mañá. A carreira celébrase co obxectivo de gozar coa práctica deportiva nun enclave singular como é o Gaiás, coa súa característica arquitectura e co seu gran pulmón verde, o Bosque de Galicia. Está artellada co ánimo de que os participantes o pasen ben durante o percorrido e no fin de festa.

Notas

A muiñeira, que é tanto unha danza tradicional galega como a composición musical que a acompaña, converteuse no século XIX nun “elemento identitario” de Galicia que acompañou o rexurdir político e cultural da época, segundo comprobou Julio Alonso Monteagudo nas investigacións que lle permitiron elaborar a súa tese, ‘Música e identidade galega. Do baile da gaita á muiñeira (S. XVII-XIX)’.
Baixo o título Love Velo, ata finais de maio pode visitarse na entrada do Edificio de Ferro do campus de Ourense unha exposición biográfica arredor da figura de Xosé Velo, que a principios de 1961 dirixiu o secuestro do transatlántico Santa María para denunciar internacionalmente as dúas ditaduras ibéricas. Xosé Velo Mosquera, explícase na exposición, naceu en Celanova en 1916. Membro do primeiro Consello Nacional da Federación de Mocedades Galeguistas, chegou a ser elixido secretario xeral desta organización en 1935.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES