Noticias

Seleccionan á UVigo para participar na creación dos dispositivos que marcarán o futuro da enerxía solar

O Centro de Investigación en Nanomaterias e Biomedicina, CINBIO, da Universidade de Vigo é unha das nove entidades seleccionadas para participar no consorcio europeo Adaptation, financiado con 3,6 millóns de euros de axudas Pathfinder da Unión Europea e que ten como principal obxectivo a creación dos novos dispositivos que marcarán o futuro da enerxía solar. Farano inspirándose nos procesos naturais de xestión enerxética máis eficientes da Terra: a fotosíntese e o arrefriamento radiativo terrestre. O proxecto arrancou este mes e nel a participación viguesa chega da man Grupo de NanoBioMateriais Funcionais, FunNanoBio, dirixido pola catedrática Isabel Pastoriza Santos, quen explica que o seu grupo de investigación achegará a este proxecto toda a súa experiencia en Química Coloidal e Materiais.

“O noso principal labor vai consistir en desenvolver partículas baseadas en pigmentos e colorantes capaces de captar enerxía solar e con capacidade de refrixeración, que despois serán empregados para fabricar os dispositivos sostibles que xeren electricidade e regulen a súa temperatura”, salienta a docente da Facultade de Química, quen conta cunha longa traxectoria investigadora no campo do deseño e aplicación de materiais nanoestruturados durante máis de 20 anos, realizando achegas relevantes na síntese de nanopartículas de ouro e prata mediante a Química Coloidal.

Apto para todo tipo de superficies e adaptable a toda Europa

Coordinado pola Universidade do Minho e con socios de cinco países -Portugal, España, Francia, Austria e Países Baixos-, Adaptation contribuirá a lograr unha economía limpa e resiliente fronte ao cambio climático producindo o primeiro material captador de luz apto para todo tipo de superficies e adaptable a todas as zonas xeográficas de Europa.

Por diante quedan catro anos de traballo nos que a idea é chegar a crear unha serie de dispositivos que absorban a enerxía solar para convertela en electricidade á vez que sexan capaces de arrefriarse a si mesmos, evitando perdas de enerxía. Para conseguilo traballarase a nivel molecular da mesma maneira que se organiza o tecido fotosintético natural de cara a xerar eses novos materiais que serán a base dos novos dispositivos.

Eses futuros aparellos estarán formados por varias estruturas nanométricas e terán as propiedades necesarias de absorción e transporte de enerxía, así como de control térmico.

Noves entidades de cinco países

Adaptation está financiado coas denominadas axudas Pathfinder da Unión Europea, destinadas ao financiamento de proxectos disruptivos que apoian o desenvolvemento en fases iniciais de tecnoloxías futuras, baseadas en investigación de alto risco e alta ganancia de tecnoloxía.

Neste caso participan nove entidades de cinco países distintos:a a Universidade de Minho e o Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía (INL), por parte de Portugal; a Universidade de Vigo, o CSIC e as empresas Avanzare Innovation Tecnológica SL e Cooling Photonics; a Universidade de Estraburgo, por parte de Francia; a Universidade de Utrech, dos Países Baixos, e a empresa Sunplugged-solare Energiesysteme, de Austria.

A IP do proxecto é a investigadora galega Sara Núñez Sánchez, experta en Nanofotónica. Despois de diferentes estancias internacionais (Bristol, Exeter...) esta investigadora formou parte ata 2023 do cadro de persoal investigador do CINBIO, onde xa colaborou con Pastoriza en diferentes proxectos de investigación, entre eles Catarsis , dirixido tamén a “desenvolver os fundamentos dunha nova tecnoloxía de captación de enerxía solar inspirándonos na natureza, máis concretamente, en como a enerxía é capturada e transportada na fotosíntese”.

R., 2024-04-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (portugal_galicia.jpg) O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, reuniuse esta mañá cos responsables da AECT Rio Minho para coñecer de primeira man as prioridades e os proxectos que ten en marcha este instrumento de cooperación que abrangue 16 concellos da provincia de Pontevedra e 10 da CIM Alto Minho. Esta é unha primeira visita que o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, continuará co resto de AECTs. Deste xeito, está previsto que se entreviste tamén cos responsables da AECT Chaves-Verín, e da futura AECT da Raia Seca.
Foto de la tercera plana (cdc-01.jpg) A Cidade da Cultura volve acoller a colorida e festiva carreira Holi Gaiás, que vai pola súa sexta edición. A proba terá lugar o sábado 8 de xuño nos exteriores do complexo e nesta ocasión contará cun percorrido especial para a cativada entre 4 e 9 anos, a Peque Holi. A actividade lúdico festiva contará un ano máis coa súa tradicional poeira de cores e con animación previa e posterior á proba, con música e coreografías que animarán aos participantes durante a mañá. A carreira celébrase co obxectivo de gozar coa práctica deportiva nun enclave singular como é o Gaiás, coa súa característica arquitectura e co seu gran pulmón verde, o Bosque de Galicia. Está artellada co ánimo de que os participantes o pasen ben durante o percorrido e no fin de festa.

Notas

A muiñeira, que é tanto unha danza tradicional galega como a composición musical que a acompaña, converteuse no século XIX nun “elemento identitario” de Galicia que acompañou o rexurdir político e cultural da época, segundo comprobou Julio Alonso Monteagudo nas investigacións que lle permitiron elaborar a súa tese, ‘Música e identidade galega. Do baile da gaita á muiñeira (S. XVII-XIX)’.
Baixo o título Love Velo, ata finais de maio pode visitarse na entrada do Edificio de Ferro do campus de Ourense unha exposición biográfica arredor da figura de Xosé Velo, que a principios de 1961 dirixiu o secuestro do transatlántico Santa María para denunciar internacionalmente as dúas ditaduras ibéricas. Xosé Velo Mosquera, explícase na exposición, naceu en Celanova en 1916. Membro do primeiro Consello Nacional da Federación de Mocedades Galeguistas, chegou a ser elixido secretario xeral desta organización en 1935.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES