Noticias

A Cidade da Cultura suma nos espazos verdes do Gaiás unha intervención artística de Acisclo Manzano concibida como lugar para a conexión espiritual e coa natureza

A Cidade da Cultura amplía os atractivos do Bosque de Galicia como espazo de lecer e cultura coa inauguración de O prisma dos sentidos, intervención artística realizada polo escultor Acisclo Manzano. Concibida como un lugar de recollemento e meditación e espiritual, a obra evoca as formas dunha capela contemporánea erixida na contorna do monte Gaiás. Pola súa localización e integración na contorna natural, a obra ofrece ademais un punto de vista privilexiado das torres da Catedral de Santiago e da paisaxe compostelá. As súas paredes, perforadas con rostros, ondas e estrelas, permiten que a luz, o vento e a auga da choiva se filtren formando xogos evocadores e multisensoriais.

O conselleiro de Cultura, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, subliñou o vencello que esta nova peza do recoñecido artista ourensán ten co Camiño de Santiago. Situada na ladeira do monte Gaiás que decorre paralela á Vía da Prata, O prisma dos sentidos inspírase nos santuarios e pequenos refuxios empregados polos peregrinos no seu camiñar.

Román Rodríguez inaugurou hoxe a instalación artística xunto con Acisclo Manzano e a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez. O escultor ourensán aclarou que esta capela non se identifica con ningunha deidade ou culto particular, aínda que entre as figuras hai algunha chiscadela á mitoloxía do Camiño, como a lousa que recrea a tumba dun suposto peregrino que finou nese mesmo lugar ao contemplar as torres da Catedral.

Esta obra escultórica de gran formato, realizada en formigón, engádese a outras intervencións artísticas de temática xacobea realizadas nos espazos verdes da Cidade da Cultura por creadores como Manolo Paz —Espellos—, Francisco Leiro —Zapatos no Camiño—, Clara Montoya —Constelacións II, coñecida tamén como “o banco do peregrino” —, ou Alicia Framis —Deixa aquí os teus medos—. Xuntas, constitúen un itinerario artístico que fai medrar o valor cultural das corenta hectáreas verdes do Gaiás.

Acisclo Manzano

Acisclo Manzano (Ourense, 1940) é un dos grandes representantes da escultura do noso tempo. Iniciou a súa formación na Escola de Formación Profesional e na Escola de Artes e Oficios de Ourense, continuando máis tarde a súa aprendizaxe en Santiago de Compostela, con Francisco Asorey e José Liste. Xa desde as súas primeiras encargas, cristos e figuras relixiosas en madeira, amosa unha clara tendencia á innovación formal.

Formou parte do grupo inicial de O Volter e tamén de Sete artistas galegos, e durante 60 anos expuxo a súa obra en Galicia e en grandes cidades de Europa e América. Recoñecido por críticos e historiadores, recibiu numerosos premios ao longo da súa traxectoria, como o Premio Nacional de Escultura en 1962 e 1968, o Premio Otero Pedrayo 2016 e a Medalla de Ouro de Ourense o pasado ano. É membro da Real Academia Galega de Belas Artes.

A súa escultura móvese esteticamente dentro do universo figurativo e o expresionismo, aínda que nalgúns momentos da súa carreira chegou a aproximarse ao territorio da abstracción.

R., 2023-05-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (al-majisti-festival.jpg) O festival Al–Majisti' vaise desenvolver os vindeiros 17,18 e 19 de maio neste concello da alta montaña galega. Trátase dun certame literario no rural de Galicia que propón un diálogo entre literatura, astronomía e música, con afán de converterse nunha das citas culturais máis importantes da provincia. O nome 'Al–Majisti' é o topónimo árabe traducido como 'o máis grande, o grande tratado' e empregado polos astrónomos ata a Alta Idade Media, incluídos os navegantes dos descubrimentos; por iso o festival ten a súa partida en dúas grandes estrelas da cultura astronómica, Claudio Ptolomeo e Afonso X O Sabio.
Foto de la tercera plana (20240509-uvigo.jpg) Catro traballos que versan sobre a liberdade vixiada, a crise dos pellets, a ocupación de vivendas e a intelixencia artificial foron galardoados este xoves co III Premio Xurídico de Investigación en lingua galega Xosé Luís Franco. Os catro gañadores, dúas estudantes da Universidade de Vigo, un de Santiago de Compostela e outra da Coruña, déronse a coñecer este xoves na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, impulsora destes premios, no transcurso dun acto co gallo do Día das Letras Galegas.

Notas

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Joseba Sarrionandia, escritor vasco, como Escritor Galego Universal en 2024, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade da súa obra, así como por defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional de Euskadi. Joseba Sarrionandía (Bizkaia, 1958), formou parte nos anos oitenta da banda literaria Pott, xunto con Bernardo Atxaga, Jon Juaristi e Ruper Ordorika.
Galiciencia, a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade, estase a desenvolver ata o venres no Parque Tecnolóxico de Galicia, baixo o lema 'Mellor, de Madeira'. A finalidade desta proposta é espertar as vocacións científicas entre o alumnado de Primaria, Secundaria, Educación Especial, FP e Bacharelato.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES