Noticias

A Valedora do Pobo e as tres universidades galegas premian os mellores traballos en materia de igualdade e dereitos das mulleres

Ana Souto Mínguez, Cinthia Piñeiro Acevedo e Carmen Castrillo Sotelo. As tres son mulleres, as tres se formaron nas universidades galegas e as tres están comprometidas coa loita pola igualdade. Elas son as gañadoras da terceira edición dos Premios Valedora do Pobo aos mellores Traballo Fin de Grao e Traballo Fin de Máster en materia de igualdade e dereitos das mulleres e este luns recibiron os seus galardóns nun acto celebrado na sala de xuntas Manolo Ramos do edificio Ernestina Otero.

Esta actividade contou coa participación, entre outras autoridades, da conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana; a Valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Mónica Valderrama, e a delegada do reitor para temas de Igualdade da Universidade de Santiago de Compostela, Marta Pérez.

Nesta edición presentáronse 32 traballos de Fin de Grao e 11 de Fin de Master e o xurado dictaminou outorgar o premio ao mellor Traballo Fin de Máster ao titulado Conquistando o baleiro: as voces de profesoras e alumnas en ciclos formativos masculinizados, de Ana Souto Mínguez, da Universidade da Coruña. No caso dos Traballo Fin de Grao, ex aequo, os premios foron para Carmen Castrillo Sotelo, da Universidade de Santiago de Compostela por A xestación por substitución no Dereito Civil español: a aceptación tácita dos efectos dun contrato nulo, e para Cinthia Piñeiro Acevedo, tamén da USC, por Quen son elas? O deporte dende a perspectiva de xénero.

“Sorpréndenos a participación, a visión e a magnitude dos enfoques"

Con esta van xa tres edicións dos premios e, tal e como recalcou durante o acto a valedora, Dolores Fernández, a experiencia está a ser magnífica. “Cada ano sorpréndenos a participación, a visión e a magnitude dos enfoques cos que chegan os novos traballos”, subliñou a valedora, ao tempo que fixo fincapé en que todos os anos os traballos premiados anticipan debates sociais que no momento da concesión do premio non estaban aínda sobre a mesa. “Tamén constatamos a motivación que lles supuxo ás autoras, sempre mulleres, orientar as súas investigacións cara a posición das mulleres na nosa sociedade, tal e como pretendemos na convocatoria destes premios”, recalcou Fernández Galiño. Durante o acto de entrega a valedora destacou tamén a importancia de que o coñecemento que se atesoura nas universidades se transmita ás novas xeracións e, neste senso, lembrou que a convocatoria destes premios busca fomentar o estudo e a investigación, para abrir novos espazos ao coñecemento humano cos que identificar e nomear as discriminacións e as desigualdades e investigar medidas para erradicalas e seguir a avanzar na loita pola igualdade. “Con vosos traballos estades a contribuír á creación dun corpo de doutrina nesta materia, feito desde a nosa contorna, as nosas universidades”, subliñoulles ás tres alumnas premiadas.

Pola súa banda a conselleira de Igualdade, Mª Jesús Lorenzana, aproveitou a súa presenza nesta acto para reivindicar que a nova lei galega de igualdade situará a Galicia “á vangarda da loita contra calquera discriminación contra a muller”, nomeadamente no eido laboral, ao regular o concepto de sustentabilidade social empresarial que contribuirá a crear unha verdadeira cultura empresarial para atraer e reter talento e crear equipos diversos. A maiores, lembrou tamén a importancia de ir creando conciencia para, “pouco a pouco”, ir combatendo as desigualdades que aínda persisten entre os homes e as mulleres. “A discriminación por razón de xénero é a discriminación máis estendida en todo o mundo e en todas as épocas da historia, unha discriminación que adopta formas do máis diversas, desde as máis evidentes como a violencia física, ata outras máis difíciles de recoñecer, como as inxustizas, a falta de oportunidades e a precariedade que a veces se xera polo mero feito de ser muller”, subliñou a conselleira, que tamén resaltou a importancia de ir derruíndo os roles de xénero. “Desigualdades segue a haber e, polo tanto, temos que identificar as causas e, a partir de aí pór as medidas correctoras para, de forma conxunta toda a sociedade, seguir avanzando. Todos somos axentes claves nos cambios e nos avances que se teñen que dar”, engadiu a conselleira.

Desde as universidades galegas tanto Julio Abalde como Mónica Valderrama fixeron fincapé no papel que están a levar a cabo as tres universidades galegas en todo o que ten que ver na loita pola igualdade, desde as medidas máis simbólicas, como o renomeamento dos edificios con nomes de mulleres que a historia se encargou de invisibilizar, ata outras de máis calado en favor da promoción das mulleres. “As universidades galegas somos un exemplo conxunto do traballo a favor da igualdade”, salientou Abalde.

Xunto a todas elas e eles o acto contou tamén coa participación de José Luis Costa Pillado, presidente do Consello Consultivo de Galicia; a presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, Antía Sández; a secrataria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella; a presidenta da Comisión de Igualdade do Parlamento de Galicia, Marisol Díaz, así como numerosos integrantes da comunidade universitaria das tres universidades galegas.

“Pioneiras e afoutas”, “mulleres bravas”, “invisibilizadas”...

O xurado dos premios, que na súa meirande parte asistiu tamén ao acto, estivo constituído pola valedora do pobo e a súa adxunta, Mª Xosé Porteiro; María Castro, técnica de igualdade da Valedora do Pobo; Águeda Gómez Suárez, directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo; Marta Pérez Pereiro, representante da USC e Ana María Neira Pena, representante da UDC. Fernando de Andrés Alonso, secretario xeral da Valedora do Pobo, actuou como secretario do xurado e, no acto de hoxe foi o encargado de ir nomeando ás gañadoras para recoller os seus diplomas.

Nas súas intervencións cada unha expuxo os motivos que as levaron a investigar sobre estas temáticas. Arroupadas polas súas familias, explicaron con emoción, a importancia de pór en valor as historias de mulleres “pioneiras e afoutas”, “mulleres bravas”, “mulleres invisibilizadas”.

Cunha dotación económica de 1000 euros, as tres investigacións, tal e como se anunciou no acto, foron xa publicadas na web da Valedora do Pobo, no espazo Falamos de Feminismo.

R., 2023-05-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (medio-ambiente.jpg) Os apoios, que poden chegar aos 3 millóns de euros por proxecto, son de ata o 45% do investimento subvencionable no caso dos proxectos de grandes empresas, mentres que no caso das pemes serán do 45% ou do 55% en función da porcentaxe de redución de emisións xustificada. Con estas axudas que xestiona o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) búscase incentivar a transformación ecolóxica da actividade industrial de cara a unha economía baixa en carbono e a súa competitividade nun mercado global, diminuíndo o consumo de enerxía e promovendo a introdución da mellor tecnoloxía dispoñible. Ao mesmo tempo, estas axudas que se enmarcan na Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 e na Axenda Enerxética de Galicia 2030 contribúen a reactivar e dinamizar a economía da provincia tras o peche das centrais térmicas.
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

Achegar á cidadanía o traballo do persoal investigador da Universidade e os beneficios dos seus estudos para o avance da sociedade, así como contribuír ao fomento de vocacións científicas. Estes son os obxectivos da expo-feira A ciencia que vén, que a UVigo organizará por primeira vez en Pontevedra o 31 de maio. A praza da Ferraría acollerá 14 carpas nas que grupos de investigación ofrecerán unha serie de obradoiros e actividades, dirixidas a un público familiar, que permitirán achegarse dun xeito lúdico e divertido ás aplicacións dos seus traballos en múltiples ámbitos.
A UDC inaugurou na Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas, o Congreso Internacional Emerging Trends in Applied Mathematics and Mechanics 2024. No programa figuran charlas de temas de especial interese e máxima actualidade como o derretemento das capas de xeo, que aborda un dos problemas ambientais máis críticos do noso tempo, vital para prever e mitigar os impactos do cambio climático.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES