Noticias

O centro Gaiástech achega a vangarda tecnolóxica ás empresas de Galicia

A difusión entre empresas e profesionais de Galicia dos últimos avances en tecnoloxías intelixentes, neurotecnoloxía, estratexia empresarial, deseño ou marketing dixital, centrará nos próximos meses a actividade do Centro GaiásTech na Cidade da Cultura de Galicia. Este centro, que depende da AMTEGA, enmarca a súa actividade no eixo transversal da Estratexia Galicia Dixital 2030, para a especialización tecnolóxica na nosa Comunidade, así como nos eixos 1 e 3, cos obxectivos de avanzar nunha sociedade dixital e inclusiva e nunha economía dixital e sostible.

Neste contexto, o Centro GaiásTech organizará o vindeiro 28 de febreiro a xornada: “O futuro hoxe: as tecnoloxías que nos están cambiando”, que se celebrará na Cidade da Cultura. O obxectivo deste evento é reunir nun mesmo espazo as aplicacións que todas estas tecnoloxías teñen no día a día das empresas e, por tanto, ver a súa aplicabilidade no tecido produtivo.

A xornada contará con mesas redondas e relatorios moderados por persoas expertas en cada unha das tecnoloxías disruptivas: blockchain, big data, internet das cousas, intelixencia artificial e realidade virtual.

Este evento está dirixido tanto ao sector empresarial como á cidadanía en xeral, e mostrará as últimas tendencias en tecnoloxías disruptivas e o seu impacto no mundo empresarial. Desde as 9:00 h e ata as 17:45 h, as persoas asistentes poderán gozar dun completo programa con especialistas deste ámbito.

Para inscribirse no evento, as persoas interesadas poden visitar a páxina web do GaiásTech. O prazo para facelo xa está aberto e a inscrición é de balde.

Actividade do GaiásTech

O GaiásTech está a programar para este ano actividades orientadas a favorecer a través do coñecemento a transformación dixital das empresas de Galicia, das administracións públicas e da sociedade.

Entre estas actividades atópanse os talleres en neurotecnoloxía, “Neurotecnoloxía: conectando a mente a un ordenador. Introdución e práctica”, que se levarán a cabo o vindeiro venres 24 de febreiro. Desenvolverase tamén un ciclo de formación sobre a Tecnoloxías de lean e dixitalización, “LEAN E DIXITALIZACIÓN: a simbiose do método e a tecnoloxía “, programado para o mes de marzo. Para as vindeiras semanas celebraranse as últimas sesións do #MesDDeseño “Formación sobre fotografía en redes e creación de contidos dixitais”. Neste eixo, o GaiásTech tamén está preparando una programación específica no eido da iniciativa #MesD para o marketing .

GaiásTech é unha iniciativa da Xunta de Galicia para lograr a transformación dixital do tecido produtivo e xerar produtos, solucións e servizos cunha pegada tecnolóxica, que proporcionen maior valor, innovación e competitividade nun ámbito global. Así, a través de distintos servizos e actividades, o GaiásTech amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías.

R., 2023-02-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ángel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES