Noticias

Galicia arma a estratexia de defensa da súa frota no recurso contra o veto á pesca de fondo decretado por Bruxelas

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, mantivo hoxe un encontro de traballo con representantes da Organización de Produtores Pesqueiros de Burela (OPP-7) e do bufete de avogados J&A Garrigues co obxectivo de afondar na estratexia de defensa dos intereses da frota galega ante o veto á pesca de fondo decretado por Bruxelas en 87 áreas de augas comunitarias.

Nesa xuntanza abordaron distintas cuestións vitais para dar solidez ao recurso presentado pola entidade lucense ante a Xustiza europea e no que a Xunta se vai presentar como parte coadxuvante.

O Executivo galego avanza así na liña de traballo marcada desde o primeiro momento polos xuristas especializados aos que solicitou asesoramento e que incidían en que a mellor fórmula dunha rexión para defender os intereses do seu sector ante o regulamento de execución aprobado pola Comisión Europea era acompañalo como parte coadxuvante. A opción de iniciar unha acción directa, aclaraban, tería poucas posibilidades de prosperar.

Ante esta situación, a Consellería do Mar recorreu ao bufete J&A Garrigues, con xuristas especializados en dereito comunitario e coñecedores da materia, para apuntalar a estratexia galega e obter os mellores resultados posibles ante unha medida que pretende protexer zonas que contan con ecosistemas vulnerables ou nas que é posible que existan.

De feito, unha vez que o recurso da Organización de Produtores Pesqueiros de Burela saíu publicado no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) -o pasado 6 de febreiro- a comunidade ten un prazo de seis semanas -ata o 20 de marzo- para exercer a súa potestade de actuar como parte coadxuvante. Precisamente, esta reunión enmárcase no traballo previo e de preparación da intervención da Xunta no procedemento iniciado polos armadores da OPP-7 para tratar de anular o veto á pesca de fondo.

Deste xeito, o Executivo galego reforza o seu apoio ao sector na loita contra esta decisión pois no seu momento xa lle aportou tanto os argumentos recompilados por distintos xuristas especializados consultados como as estimacións do impacto que este veto podía ter na frota. Esas mesmas teses e información foron trasladadas tamén ao Goberno central para reforzar o seu recurso contra o veto decretado por Bruxelas.

Finalidade

O obxectivo da frota de Burela e da Consellería do Mar é acadar tanto a suspensión temporal da aplicación desta prohibición como a súa anulación definitiva tendo en conta que se trata dunha medida adoptada de xeito totalmente arbitrario, sen contar cos correspondentes informes biolóxicos e socioeconómicos que a avalen.

Neste sentido, boa mostra de que o veto se aprobou malia carecer das correspondentes avaliacións técnicas é o paradoxo de que unha das artes máis selectivas que existen, o palangre de fondo, sexa a máis afectada polas limitacións neses 87 espazos de augas comunitarias.

A prohibición da pesca de fondo afecta a arredor de 200 buques galegos de xeito directo ben porque non poden traballar nas zonas vedadas ben polo solapamento de áreas de pesca, é dicir, pola concentración no mesmo espazo das embarcacións que viñan faenando tradicionalmente alí e das expulsadas polas novas restricións.

R., 2023-02-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ángel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES