Noticias

Publicada a normativa do Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa 2021-2027 co de que o 100% das masas de auga da conca acaden o bo estado

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a normativa do Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa 2021-2027, na que se recollen as directrices deste instrumento fundamental para a xestión da auga en Galicia durante os vindeiros anos, e fixa como obxectivo lograr que o 100% das masas de auga da conca acaden o bo estado. O Plan Hidrolóxico de Galicia, que entrou en vigor o pasado 10 de febreiro coa súa publicación no Boletín Oficial do Estado, eríxese como unha folla de ruta con rango de lei. Foi aprobado por parte do Consello da Xunta hai xa oito meses, malia que non foi ata o pasado 24 de xaneiro cando foi autorizado en Consello de Ministros por parte do Goberno central.

Cómpre lembrar que a demora do Goberno central na aprobación dos plans hidrolóxicos nacionais ten derivado na apertura dun expediente de infracción a España por parte da Comisión Europea por non ter finalizado a revisión dos plans no prazo establecido pola Directiva Marco da Auga.

O novo Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa inclúe 79 medidas de carácter normativo para establecer normas adaptadas ás problemáticas actuais do uso da auga, á xestión máis sustentable, ao contexto climático e a garantir un mellor cumprimento dos obxectivos ambientais. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://acortar.link/fbiFat ,

Galicia, que foi comunidade pioneira ao aprobar o seu plan de conca, dispón así dun instrumento de planificación que ten vixencia de 6 anos, no que se ten moi en conta a necesidade de adaptar a xestión da auga ao novo contexto de cambio climático, tanto no relativo ao risco de inundacións como aos episodios de seca.

Tamén permitirá velar pola calidade de todos os ríos que nacen e morren na comunidade, das augas costeiras asociadas e das augas de transición.

O Plan hidrolóxico recolle ademais un programa de 212 medidas e 1.885 M€ de investimento. O maior esforzo económico destinarase ás actividades máis importantes para a calidade das augas: o saneamento e a depuración, prevendo unha mobilización de 973 M€; e o abastecemento, con máis de 560 M€, absorbendo o 80% do orzamento do plan.

Máis en concreto, un total de 110 das 212 medidas previstas con carácter de investimentos disporán de financiamento autonómico, é dicir, máis de 605 M€. Polo tanto, a Xunta asume o 52% das medidas recollidas no plan e o 63% do investimento previsto.

Preservación e protección das masas de auga

O plan inclúe novidades normativas para a preservación das masas de auga, como a limitación de plantacións en zonas de servidume do dominio público hidráulico e de traballos que supoñan o deterioro dos ecosistemas dos ríos, fomentando a vexetación de ribeira.

Así, daranse facilidades aos cidadáns para realizar plantacións, sementas ou traballos de mantemento en zona de policía pero fóra de servidume, labores que poderán facerse sen autorización de Augas de Galicia.

O plan tamén recolle unha maior protección das masas da auga cunha mellor xestión dos xurros, establecendo a obrigatoriedade de impermeabilizar o seu almacenamento e cubrilos axeitadamente, para evitar posibles vertidos ao medio.

En canto aos caudais ecolóxicos, incorpóranse diversas previsións para contribuír a clarificar a súa aplicación así como o control do seu cumprimento, pois estes caudais son de aplicación directa e inmediata e, polo tanto, de obrigado cumprimento.

Estableceranse, ademais, medidas contra o uso abusivo da auga.

Participación pública e consenso

A Xunta realizou un inxente traballo de campo para elaborar o novo plan, que incluíu a revisión e actualización do plan anterior (2015-2021), realizando unha completa análise e primando a participación.

Para isto, acometéronse 55.000 analíticas nas masas de auga con distintos parámetros, físico-químicos, biolóxico e hidromorfolóxicos, para avaliar o seu estado e a súa calidade.

Ademais fomentouse a participación pública, coa divulgación dos contidos e a sensibilización sobre a importancia da protección dos recursos hídricos, acadando un consenso maioritario coa incorporación de achegas recibidas.

R., 2023-02-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ángel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES