Noticias

Galicia mantense entre as cinco comunidades autónomas cunha menor taxa de abandono educativo temperá, por debaixo do 10%

O sistema educativo galego mantense entre as cinco Comunidades Autónomas onde o alumnado menos abandona os estudos sen un título na man. Segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa, a media do abandono educativo temperá en Galicia no ano 2022 foi do 9,9%. Isto supón que só tres CCAA teñen un dato mellor, en concreto País Vasco, Navarra e Cantabria. Castela e León, queda á par de Galicia cun 9,9%. Cómpre salientar que só estas Comunidades cumprimos o obxectivo que a Unión Europea marcou como meta para o ano 2020 (9,9%). Os datos reflicten unha subida xeneralizada, tras o acusado descenso do ano pasado pola influencia da pandemia, ocasión na que o noso ensino rexistrou un mínimo histórico do 8,1%.

Malia ao leve incremento de 2022, o novo dato continúa a situarnos entre as mellores CCAA e é o segundo mellor dato desde que existen rexistros ao respecto, continuando ademais 4 puntos por debaixo da media española.

Este reaxuste da taxa despois da pandemia supón, aínda así, un descenso de 2,7 puntos en Galicia respecto do abandono educativo rexistrado no ano 2019, o último curso sen impacto da pandemia. Desde o ano 2009 (no que se rexistrou un 25,8) o abandono educativo temperá en Galicia reduciuse en 15,9 puntos, ao abeiro dos programas de mellora impulsados desde o Goberno galego en prol do esforzo e o éxito escolar.

A Xunta continuará a desenvolver políticas educativas que manteñan o ensino galego entre os que rexistran un abandono educativo máis baixo, cumprindo os obxectivos europeos. Para iso, continuarase apostando por iniciativas que atendan ás necesidades concretas de cada centro, como os Contratos-Programa ou polo impulso da FP a través da Estratexia de FP Galicia 2030.

Ademais, a través da Estratexia Galega de Convivencia Escolar Educonvives 2025 continuarase traballando na mellora do clima escolar e favorecendo o maior éxito persoal e académico do alumnado. A maiores, as follas de ruta en materia de linguas estranxeiras (Edulingüe 2030) e novas tecnoloxías (Edudixital 2030) dan resposta ás novas competencias e desafíos aos que o alumnado do século XXI sen ten que enfrontar na súa vida.

R., 2023-01-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (al-majisti-festival.jpg) O festival Al–Majisti' vaise desenvolver os vindeiros 17,18 e 19 de maio neste concello da alta montaña galega. Trátase dun certame literario no rural de Galicia que propón un diálogo entre literatura, astronomía e música, con afán de converterse nunha das citas culturais máis importantes da provincia. O nome 'Al–Majisti' é o topónimo árabe traducido como 'o máis grande, o grande tratado' e empregado polos astrónomos ata a Alta Idade Media, incluídos os navegantes dos descubrimentos; por iso o festival ten a súa partida en dúas grandes estrelas da cultura astronómica, Claudio Ptolomeo e Afonso X O Sabio.
Foto de la tercera plana (20240509-uvigo.jpg) Catro traballos que versan sobre a liberdade vixiada, a crise dos pellets, a ocupación de vivendas e a intelixencia artificial foron galardoados este xoves co III Premio Xurídico de Investigación en lingua galega Xosé Luís Franco. Os catro gañadores, dúas estudantes da Universidade de Vigo, un de Santiago de Compostela e outra da Coruña, déronse a coñecer este xoves na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, impulsora destes premios, no transcurso dun acto co gallo do Día das Letras Galegas.

Notas

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Joseba Sarrionandia, escritor vasco, como Escritor Galego Universal en 2024, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade da súa obra, así como por defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional de Euskadi. Joseba Sarrionandía (Bizkaia, 1958), formou parte nos anos oitenta da banda literaria Pott, xunto con Bernardo Atxaga, Jon Juaristi e Ruper Ordorika.
Galiciencia, a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade, estase a desenvolver ata o venres no Parque Tecnolóxico de Galicia, baixo o lema 'Mellor, de Madeira'. A finalidade desta proposta é espertar as vocacións científicas entre o alumnado de Primaria, Secundaria, Educación Especial, FP e Bacharelato.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES