Noticias

O primeiro Premio Internacional de Poesía Carlos Oroza conmemorará o centenario do escritor

O galardón convocarase cunha periodicidade bienal e será unha das moitas iniciativas para celebrar o centenario do autor. Desta forma, outro dos actos culturais será unha exposición itinerante que comezará en Vigo e percorrerá as principais cidades galegas. Tamén se editará o libro 'Oroza 100', no que participarán cen artistas, intelectuais e escritores aportando a súa visión do autor e as súas propias experiencias. Carlos Oroza (Viveiro, 1923 – Vigo, 2015) foi un dos grandes creadores que viviu na cidade de Vigo, e con todo, o seu nome e a súa obra aínda son unha grande descoñecida entre os galegos, polo que estamos ante unha oportunidade única para afondar na divulgación do traballo do poeta e creador.

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, anunciaron este xoves a creación do primeiro Premio Internacional de Poesía Carlos Orozapara conmemorar o centenario do nacemento do escritor que residiu na cidade durante gran parte da súa vida. Segundo avanzaron durante a presentación do certame literario xunto ao presidente da Asociación Évame Oroza, Xabier Romero, a iniciativa enmárcase nos actos arredor da figura do poeta que se completarán con exposicións e unha obra na que participarán 100 artistas e intelectuais.

“É unha honra anunciar este acordo que ven a cumprir a petición por unanimidade do Parlamento Galego para divulgar a obra do poeta e que hoxe materializamos co anuncio para convocar un premio literario que converterá a Vigo en punto de referencia cultural en todo o territorio”, sinalou a representante autonómica. Segundo avanzou a delegada, o vindeiro mes de marzo será convocado o primeiro Premio Internacional de Poesía Carlos Oroza en dúas modalidades (galego e castelán), cada unha delas cunha dotación económica de 6.000 euros, e un terceiro recoñecemento á mellor iniciativa musical de divulgación da poesía (premiado cunha obra de arte).

O galardón, segundo explicou Fernández-Tapias, convocarase cunha periodicidade bienal e será unha das moitas iniciativas para celebrar o centenario do autor. Desta forma, outro dos actos culturais será unha exposición itinerante que comezará en Vigo e percorrerá as principais cidades galegas. Ademais, o acordo entre a Xunta e a Asociación Évame-Oroza inclúe a edición do libro “Oroza 100”, na que participarán cen artistas, intelectuais e escritores aportando a súa visión do autor e as súas propias experiencias.

Pola súa banda, o director xeral de Cultura destacou a figura do escritor Carlos Oroza (Viveiro, 1923 – Vigo, 2015) e a súa etapa na cidade olívica. “Foi un dos grandes creadores que viviu na nosa cidade e con todo o seu nome e a súa obra aínda son unha grande descoñecida entre os galegos, polo que estamos ante unha oportunidade única para afondar na divulgación do traballo do poeta e creador”, apuntou.

Ademais de Fernández-Tapias e Anxo Lorenzo, no acto de presentación participaron o presidente de Évame-Oroza, Xabier Romero, e outros membros destacados do colectivo cultural como os artistas Antón Pulido e Menchu Lamas, o músico Antón Reixa ou o xornalista Alberto Avendaño.

“Recuperar o pulso cultural”

A delegada territorial sinalou que Vigo ten un “potencial cultural inmenso que por desgraza non recibe apoio de ningunha outra administración e isto queda probado coa resposta que estamos recibindo a nosas iniciativas”. Tamén indicou que desde os primeiros contactos coa Asociación Évame-Oroza percibiron que existe “unha grande expectación por recuperar o pulso cultural na cidade”.

“Seguiremos traballando nesta dirección porque creemos que Vigo o necesita, Vigo ten que recuperar a posición que tivo nas vangardas culturais. Estamos nunha cidade que marcou unha época no despertar musical do país, pero tamén nunha cidade que a día de hoxe é líder na produción editorial, en ningún outro lugar de Galicia edítanse máis libros que en Vigo”, destacou.

Dinamización do Casco Vello

A presentación tamén serviu como estrea para a nova sede da Asociación Évame-Oroza nun edificio emblemático da praza do Abanico. O local foi adxudicado a través do concurso convocado polo Consorcio Casco Vello de Vigo que permitiu dinamizar a zona con novos negocios e emprendedores. “Estamos no primeiro local que inauguramos tras a iniciativa que levamos a cabo desde o Consorcio para reactivar o barrio histórico vigués e a pesar dos atrancos aquí está a proba de que a medida foi un acerto e o resultado e un éxito”, concluíu.

Foto: Fundación Laxeiro

R., 2023-01-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (al-majisti-festival.jpg) O festival Al–Majisti' vaise desenvolver os vindeiros 17,18 e 19 de maio neste concello da alta montaña galega. Trátase dun certame literario no rural de Galicia que propón un diálogo entre literatura, astronomía e música, con afán de converterse nunha das citas culturais máis importantes da provincia. O nome 'Al–Majisti' é o topónimo árabe traducido como 'o máis grande, o grande tratado' e empregado polos astrónomos ata a Alta Idade Media, incluídos os navegantes dos descubrimentos; por iso o festival ten a súa partida en dúas grandes estrelas da cultura astronómica, Claudio Ptolomeo e Afonso X O Sabio.
Foto de la tercera plana (20240509-uvigo.jpg) Catro traballos que versan sobre a liberdade vixiada, a crise dos pellets, a ocupación de vivendas e a intelixencia artificial foron galardoados este xoves co III Premio Xurídico de Investigación en lingua galega Xosé Luís Franco. Os catro gañadores, dúas estudantes da Universidade de Vigo, un de Santiago de Compostela e outra da Coruña, déronse a coñecer este xoves na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, impulsora destes premios, no transcurso dun acto co gallo do Día das Letras Galegas.

Notas

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Joseba Sarrionandia, escritor vasco, como Escritor Galego Universal en 2024, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade da súa obra, así como por defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional de Euskadi. Joseba Sarrionandía (Bizkaia, 1958), formou parte nos anos oitenta da banda literaria Pott, xunto con Bernardo Atxaga, Jon Juaristi e Ruper Ordorika.
Galiciencia, a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade, estase a desenvolver ata o venres no Parque Tecnolóxico de Galicia, baixo o lema 'Mellor, de Madeira'. A finalidade desta proposta é espertar as vocacións científicas entre o alumnado de Primaria, Secundaria, Educación Especial, FP e Bacharelato.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES