Notas de prensa

Especialistas de 21 países abordan en Ourense os cambios e tendencias a longo prazo na atmosfera

Do 6 ao 10 de maio o campus de Ourense acolle a celebración do 12 Taller internacional sobre cambios e tendencias a longo prazo na atmosfera (Trends 2024). Nel participan de xeito presencial ou virtual 77 especialista de 21 países e procedentes de 51 institucións, entre elas a Nasa, o Massachusetts Institute of Technology (MIT), o National Center for Atmospheric Research dos EEUU e as academia de Ciencias de países como China, India e Chequia, ademais de España.

O 12th International Workshop on Long-Term Changes and Trends in the Atmosphere está organizado polo Grupo Environmental Physics Laboratory (EphysLab-Centro de Investigación Mariña) da Universidade de Vigo co patrocinio da Unión Internacional de Xeodesia e Xeofísica, a Asociación Internacional de Meteoroloxía e Ciencias Atmosféricas, o Comité Científico de Física Solar-Terrestre do Consello Científico Internacional e o Comité Internacional de Ciencias Espaciais. Juan Antonio Añel, físico da Universidade de Vigo coordinador do evento, explica que Trends é “o foro de referencia para as persoas e institucións que estudamos a alta atmosfera”, polo que amosou a súa satisfacción por acoller a súa celebración no campus de Ourense, sendo a primeira vez que se celebra en España. A cita, lembra, pon en común cada dous anos ás e aos especialistas que traballan en temas moi diversos pero relacionados coas capas altas da atmosfera.

Diversidade de propostas

Ao longo das sesións previstas, a comunidade científica participante tanto de xeito presencial como on-line abordará, nun contexto de cambio climático, as variacións e tendencias a longo prazo na atmosfera media e alta. Concretamente, os eixos temáticos do evento que se celebra en Ourense son, sempre nun contexto de consideración a longo prazo, a abordaxe das tendencias de variacións na atmosfera media; os cambios e tendencias na ionosfera e a termosfera; os mecanismos dinámicos, físicos, químicos, solares e radiactivos de variacións e tendencias e os cambios na atmosfera media e alta e os seus vínculos coa navegación por satélite e o lixo espacial.

A programación arrancou este luns cunha conferencia de Jan Laštovička, do Instituto de Física Atmosférica da Academia de Ciencias de República Checa, sobre o escenario de tendencias do sistema estratosfera-mesosfera-termosfera-ionosfera á vista dos novos datos dispoñibles nas dúas últimas décadas. Con ela abriuse un intenso programa no que se tratarán temas moi diversos, como os avances nos vínculos entre o cambio climático e a evolución de temperatura mesosférica; a resposta do hidróxeno termosférico ao aumento dos gases de efecto invernadoiro e aos cambios na actividade solar; a evolución da ionosfera e a termosfera durante o Holoceno ou o impacto dos cambios nas emisións antropoxénicas na aparición de burbullas de plasma ecuatoriais.

Liña de investigación prioritaria

A celebración de Trends 2024 en Ourense culmina dous anos de traballo que arrancaron coa presentación da candidatura de EphysLab para acoller esta cita e a súa elección por parte do comité científico internacional do evento. Desde hai case dúas décadas, EphysLab ten como unha das súas liñas de investigación prioritarias a atmosfera, desenvolvendo numerosos proxectos de ámbito estatal e/ou europeo con entidades presentes tamén neste taller. Entre eles, desde maio de 2022, un equipo internacional liderado polo propio Juan Antonio Añel leva a cabo un proxecto financiado polo Instituto Internacional de Ciencias Espaciais (International Space Science Institute-ISSI) sobre os impactos do cambio climático sobre a atmosfera alta do planeta, a orbitación de satélites e o lixo espacial.

Universidade de Vigo (UVigo), 2024-05-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ángel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES