Notas de prensa

Volven as representacións internacionais á Miteu de Vigo

Un mes de teatro universitario con representacións chegadas desde Galicia, León e Colombia. Así será a XXVI Mostra Internacional de Teatro Universitario de Vigo, Miteu 2024, un evento cultural co que a Universidade convida á cidadanía a achegarse ao campus e gozar do teatro universitario máis actual, tanto do que sae das aulas galegas como daquel que se forxa máis aló da nosas fronteiras.

Con entrada de balde ata completar a capacidade da sala, as representacións arrancarán este mércores coa actuación da Aula de Teatro do Campus de Pontevedra e continuarán o xoves 18 coa compañía Teatro El Mayal da Universidad de León. Será en ambos casos ás 18.30 horas no Teatro Vidal Bolaño, hora e escenario no que se levarán a cabo as seis actuacións previstas desde esta semana ata o vindeiro 15 de maio.

Da Estupidez artificial ao berro dunha terra esquilmada

Para estrear esta XXVI edición da mostra elixiuse a obra Estupidez Artificial, dirixida por Omar Ferrín e Salvador del Río, na que se contan tres historias que teñen como nexo común a Intelixencia Artificial, unha ferramenta chamada a revolucionar a maneira que os seres humanos teñen ou terán que relacionarse. A busca da compañía para escapar da soidade, a procura de inspiración dun artista frustrado ou a indagación arredor da fórmula que permita dominar o mundo constitúen as máximas dos protagonistas da montaxe. Cun elenco de seis actores, a música correrá a cargo de Xaime Reboiras e o vestiario de Sonia Rúa.

O xoves cambiarase o acento galego polo castelán coa representación da obra Sangre carbón, da Universidad de León. Dirixida por Javier R. De la Varga, a peza xurde como o berro dunha terra esquilmada polos homes. Serán 10 actores e actrices sobre o escenario narrando a historia dunha transgresión: a que comete Mara, a súa protagonista, para salvar a vida da súa irmá Marusina, “unha viaxe ao interior da terra e tamén ao fondo de si mesma, unicamente por amor”.

A vindeira semana chegará o teatro máis internacional e os anfitrións

A vindeira semana volverase contar con dobre representación. O martes será o día máis internacional coa participación da compañía colombiana Sin mente teatro, que representará Tomás, cuando el silencio es complicidad, dirixida por Germán Frasio Montegimeno e interpretada por Diana Rocha Torres, Edna Rocío León e Diego Cañón. A través da linguaxe corporal, actoral, visual, musical e o manexo de monicreques, esta obra bríndalle á persoa espectadora unha posta en escena cargada de imaxes e sensacións que transitan entre alegrías e penas.

Tamén a vindeira semana, neste caso o mércores, será a quenda dos anfitrións, a Aula de Teatro do Campus de Vigo, que representará a obra Soño dunha noite de verán, baixo a dirección de Casilda Alfaro e Sonia Rúa e coa participación dun elenco composto por máis dunha ducia de actores que levan meses preparándose para esta actuación.

Ata o 15 de maio

No mes de maio haberá dúas representacións, o mércores 8 e o 15. O mércores 8 actuará Trifásico Teatro, da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia, ESAD Galicia, que, nesta ocasión, representará a obra Hámster, baixo a dirección artística de Natalia Feijoo e interpretada por Alba Lago e Ãlvaro Lourido. Contarán unha historia na que ‘elaÂ’ é a femia, ‘elÂ’ o macho, e ambos habitan un espazo que é seu e, á vez, que non escolleron, comen o que teñen ao seu alcance, dan voltas procurando a súa propia identidade, actúan para uns espectadores que non decidiron ter e que nunca deixan de mirarÂ…

O cartel da XXVI edición da Miteu pecharase o 15 de maio coa representación de Desequilibrios, interpretada polo grupo Maricastaña da Aula de Teatro Universitario de Ourense. Baixo a batuta de Fernando Dacosta as espectadoras e espectadores transportaranse a un manicomio, o lugar onde van parar as persoas que son diferentes, que non encaixan nunha sociedade que busca o (seu) equilibrio para poder ter todo controlado de cara á produtividade. O tolo, o desequilibrado, é recluído e tratado co fin de recuperarse para esa sociedade: non debe saír dos canons establecidos.

Universidade de Vigo, 2024-04-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (portugal_galicia.jpg) O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, reuniuse esta mañá cos responsables da AECT Rio Minho para coñecer de primeira man as prioridades e os proxectos que ten en marcha este instrumento de cooperación que abrangue 16 concellos da provincia de Pontevedra e 10 da CIM Alto Minho. Esta é unha primeira visita que o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, continuará co resto de AECTs. Deste xeito, está previsto que se entreviste tamén cos responsables da AECT Chaves-Verín, e da futura AECT da Raia Seca.
Foto de la tercera plana (cdc-01.jpg) A Cidade da Cultura volve acoller a colorida e festiva carreira Holi Gaiás, que vai pola súa sexta edición. A proba terá lugar o sábado 8 de xuño nos exteriores do complexo e nesta ocasión contará cun percorrido especial para a cativada entre 4 e 9 anos, a Peque Holi. A actividade lúdico festiva contará un ano máis coa súa tradicional poeira de cores e con animación previa e posterior á proba, con música e coreografías que animarán aos participantes durante a mañá. A carreira celébrase co obxectivo de gozar coa práctica deportiva nun enclave singular como é o Gaiás, coa súa característica arquitectura e co seu gran pulmón verde, o Bosque de Galicia. Está artellada co ánimo de que os participantes o pasen ben durante o percorrido e no fin de festa.

Notas

A mostra presentase en paneis explicativos, documentos e material inédito, xunto con exemplares de revistas orixinais. O director mostra, en cinco etapas, a historia de tan senlleira publicación. No ano 1956 a revista pasa a ter a súa sede editorial na cidade de Lugo, parece ser que nun dos chalés das chamadas 'Casas Baratas' e alí permanecerá ate o ano 1962.
A muiñeira, que é tanto unha danza tradicional galega como a composición musical que a acompaña, converteuse no século XIX nun “elemento identitario” de Galicia que acompañou o rexurdir político e cultural da época, segundo comprobou Julio Alonso Monteagudo nas investigacións que lle permitiron elaborar a súa tese, ‘Música e identidade galega. Do baile da gaita á muiñeira (S. XVII-XIX)’.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES