Notas de prensa

A Sala Alterarte abre unha nova etapa coa coordinación de Javier Blanco e o proxecto Reciprodicidade

A Sala Alterarte, o espazo expositivo do campus de Ourense, arrancou este curso académico cun novo coordinador, Javier Blanco Sierra, e un novo proxecto expositivo chamado Reciprodicidade. Con eles intentarase buscar unha maior relación deste espazo coa cidade e afondarase no seu carácter didáctico.

Javier Blanco Sierra (Ourense 1955), de nome artístico Xavier Riomao, é profesor da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense. É, ademais de galerista, comisario e crítico da arte, artista visual que ten realizando exposicións individuais e mostras colectivas dende os anos 80 do século pasado, estando a súa obra presente en colecciones individuais e públicas. Reciprocidade, explica Blanco Sierra, “é un proxecto onde se entende que o concepto de arte, como elemento de carácter social, derívase evidentemente de que o seu marco sexa a comunidade: só aquí, no ámbito comunitario enténdese, en toda a súa amplitude, algo chamado arte”.

O citado proxecto expositivo parte da idea de configurar a Sala Alterarte como “un potente lugar de encontro e intercambio de ideas, propostas e reflexións acordes aos intereses da nosa sociedade”. Así, sinala o seu coordinador, en Reciprocidade “emerxe a vontade de xerar un diálogo que propicie a presenza do espazo Alterarte, situado no campus de Ourense, coa cidadanía da cidade”. Alén de desenvolver o eido expositivo da sala, este proxecto tamén afondará “no seu ámbito cultural e didáctico”, apostando por atraer o interese de alumnado de centros da contorna relacionados co eido artístico e tamén da propia Facultade de Educación e Traballo Social, que entre as súas materias está a didáctica da arte. “A cultura é unha experiencia que necesariamente ten que ser transmitida desde os ámbitos educativos e universitarios aos diferentes estamentos que configuran a sociedade de proximidade, en sintonía coas tendencias da chamada arte relacional”, sinala Javier Blanco.

Diversidade de propostas

Para este curso 2023/24 son cinco as mostras previstas. Desde o pasado mes de setembro e ata mediados de novembro pode verse en Alterarte a exposición Clinamen. Catro propostas de abstracción radical, comisariada por Manolo Figueiras e con obras dos artistas ourensáns Alejandro Caporale, Antonio Fernández Seoane, María Puertas e Antonio Soria Rocafort. Seguiralle en novembro e decembro a exposición Resalire (Non nos xulgues, imaxes de rexeitamento aos esterotípos de mozos/as dos sistemas de protección), de Fuco Reyes e comisariada por Carlos Rosón, director de Igaxes. Xa en 2024, a programación da sala arrancará en xaneiro con Tótems, de NEG (Nova escultura galega), comisariada por Jorge Varela. En marzo será a quenda da exposición S/T, de Fernando Barreira e coa comisaria Tareixa Taboada. Por último, o curso rematará con De pictura, con obra de Juan Carlos Meana, falecido profesor e ex decano da Facultade de Belas Artes do campus de Pontevedra, e comisariada por Xosé Manuel Buxán, que foi director de Alterarte e decano de dita facultade da UVigo.

Universidade de Vigo, 2023-10-31

Actualidad

Foto del resto de noticias (al-majisti-festival.jpg) O festival Al–Majisti' vaise desenvolver os vindeiros 17,18 e 19 de maio neste concello da alta montaña galega. Trátase dun certame literario no rural de Galicia que propón un diálogo entre literatura, astronomía e música, con afán de converterse nunha das citas culturais máis importantes da provincia. O nome 'Al–Majisti' é o topónimo árabe traducido como 'o máis grande, o grande tratado' e empregado polos astrónomos ata a Alta Idade Media, incluídos os navegantes dos descubrimentos; por iso o festival ten a súa partida en dúas grandes estrelas da cultura astronómica, Claudio Ptolomeo e Afonso X O Sabio.
Foto de la tercera plana (20240509-uvigo.jpg) Catro traballos que versan sobre a liberdade vixiada, a crise dos pellets, a ocupación de vivendas e a intelixencia artificial foron galardoados este xoves co III Premio Xurídico de Investigación en lingua galega Xosé Luís Franco. Os catro gañadores, dúas estudantes da Universidade de Vigo, un de Santiago de Compostela e outra da Coruña, déronse a coñecer este xoves na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, impulsora destes premios, no transcurso dun acto co gallo do Día das Letras Galegas.

Notas

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Joseba Sarrionandia, escritor vasco, como Escritor Galego Universal en 2024, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade da súa obra, así como por defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional de Euskadi. Joseba Sarrionandía (Bizkaia, 1958), formou parte nos anos oitenta da banda literaria Pott, xunto con Bernardo Atxaga, Jon Juaristi e Ruper Ordorika.
Galiciencia, a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade, estase a desenvolver ata o venres no Parque Tecnolóxico de Galicia, baixo o lema 'Mellor, de Madeira'. A finalidade desta proposta é espertar as vocacións científicas entre o alumnado de Primaria, Secundaria, Educación Especial, FP e Bacharelato.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES