Notas de prensa

O CORNO, de Jaione Camborda, supera xa os 50 mil espectadores

O CORNO, a segunda longametraxe da directora e guionista Jaione Camborda, conseguiu superar os 50 mil espectadores na súa terceira semana en cines. Trátase tamén da película española gañadora da Cuncha de Ouro con maior recaudación en salas desde “Os luns ao sol”, de Fernando León de Aranoa, rodada en Vigo e estreada en 2002. O filme, que se estreou o 11 de outubro en versión orixinal galega en toda España, continúa esta semana en 45 salas de cine.

O CORNO foi a película gañadora da Cuncha de Ouro á mellor película no 71º Festival Internacional de Cine de San Sebastián, onde Camborda xa fixo historia ao ser a primeira directora muller española que acada co seu filme a Cuncha de Ouro, por primeira vez cun filme en galego.

A película, un drama rural ambientado na Galicia dos anos 70, está protagonizada pola bailarina Janet Novás (Premio ‘El Ojo Crítico’ de Danza 2021 de RNE), no que é o seu debut no cinema, e conta no seu reparto con Carla Rivas, Nuria Lestegás, María Lado, Siobhan Fernandes, Julia Gómez e Diego Anido, entre outros.

O CORNO está rodada en galego e en portugués en varias localizacións das comarcas de Arousa e Baixo Miño (Pontevedra) e Alto Minho (Portugal) e narra a historia de María, unha mariscadora e tamén parteira que, tras un terrible suceso, vese ve obrigada a fuxir a través dunha ruta de contrabandistas.

Sinopse

Illa de Arousa, 1971. María é unha muller que gaña a vida mariscando. Tamén é coñecida na illa por axudar outras mulleres nos seus partos con especial dedicación e coidado. Tras un inesperado suceso, vese obrigada a fuxir e comeza unha perigosa travesía que a fará loitar pola súa supervivencia. Buscando a súa liberdade, María decide cruzar a fronteira por unha das rutas de contrabando entre Galicia e Portugal.

JAIONE CAMBORDA (Donostia, 1983)

Cineasta donostiarra afincada en Galicia, cursa os seus estudos na Escola de Cinema de Praga (FAMU) e na Escola de Cinema de Múnich (HFF). É en Galicia onde desenvolve un recoñecido traballo como directora e guionista. A súa primeira longametraxe, Arima (2019), obtivo o premio á mellor dirección na sección Nuevas Olas do Festival de Cine Europeo de Sevilla, e á mellor película na sección Escáner do festival Márgenes, ademais de pasar pola sección Made in Spain do Festival de San Sebastián.

Previamente destaca o seu traballo dirixindo pezas curtas rodadas con material fílmico, como Proba de axilidade, Nimbos, Lilit ou Rapa das Bestas, todas elas coa súa produtora Esnatu Zinema, fundada en Santiago de Compostela. Participou ademais como guionista das longametraxes Os fenómenos e Ons, dirixidas por Alfonso Zarauza, e ten traballado como directora de arte en varias películas doutros cineastas.

Tamén foi seleccionada para participar en diferentes laboratorios e residencias como o TIFF Filmmaker Lab do Festival Internacional de Cinema de Toronto, no programa de desenvolvemento La Incubadora – The Screen da ECAM, no programa Ikusmira Berriak do Festival de San Sebastián, ademais de ser recentemente beneficiaria da bolsa TIFF Canada Goose.

Vinte Media, 2023-10-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (al-majisti-festival.jpg) O festival Al–Majisti' vaise desenvolver os vindeiros 17,18 e 19 de maio neste concello da alta montaña galega. Trátase dun certame literario no rural de Galicia que propón un diálogo entre literatura, astronomía e música, con afán de converterse nunha das citas culturais máis importantes da provincia. O nome 'Al–Majisti' é o topónimo árabe traducido como 'o máis grande, o grande tratado' e empregado polos astrónomos ata a Alta Idade Media, incluídos os navegantes dos descubrimentos; por iso o festival ten a súa partida en dúas grandes estrelas da cultura astronómica, Claudio Ptolomeo e Afonso X O Sabio.
Foto de la tercera plana (20240509-uvigo.jpg) Catro traballos que versan sobre a liberdade vixiada, a crise dos pellets, a ocupación de vivendas e a intelixencia artificial foron galardoados este xoves co III Premio Xurídico de Investigación en lingua galega Xosé Luís Franco. Os catro gañadores, dúas estudantes da Universidade de Vigo, un de Santiago de Compostela e outra da Coruña, déronse a coñecer este xoves na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, impulsora destes premios, no transcurso dun acto co gallo do Día das Letras Galegas.

Notas

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Joseba Sarrionandia, escritor vasco, como Escritor Galego Universal en 2024, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade da súa obra, así como por defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional de Euskadi. Joseba Sarrionandía (Bizkaia, 1958), formou parte nos anos oitenta da banda literaria Pott, xunto con Bernardo Atxaga, Jon Juaristi e Ruper Ordorika.
Galiciencia, a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade, estase a desenvolver ata o venres no Parque Tecnolóxico de Galicia, baixo o lema 'Mellor, de Madeira'. A finalidade desta proposta é espertar as vocacións científicas entre o alumnado de Primaria, Secundaria, Educación Especial, FP e Bacharelato.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES