Notas de prensa

Unha investigación abre camiño a modelos produtivos máis eficientes e sostibles con recursos renovables

A suma de factores como o consumo excesivo de recursos fósiles, o incremento da poboación mundial e o aumento de residuos que esta xera, así como a súa incorrecta xestión, demanda novos modelos de produción baseados en recursos renovables. Poder transitar cara ao establecemento de modelos alternativos baseados en procesos biotecnolóxicos a gran escala pasa por demostrar a súa capacidade produtiva, viabilidade económica e potencial sostible.

Velaí a premisa de partida da tese doutoral de Ana Arias Calvo, investigadora do Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) da USC, que demostra que o emprego de recursos biolóxicos como alternativa aos fósiles é factible, supón un menor impacto ambiental que os modelos produtivos convencionais e que favorece a circularidade.

Realizada baixo a dirección de Maria Teresa Moreira e Gumersindo Feijoo Costa, e ao abeiro do Grupo de Biotecnoloxía Ambiental (BIOGROUP) do CRETUS, a tese de doutoramento propón o desenvolvemento de procesos biotecnolóxicos baseados no aproveitamento de recursos derivados das actividades de explotación madeireira e do sector agroalimentario. Avalíanse estratexias de produción biotecnolóxica para a valorización de recursos en produtos de alto valor engadido mediante metodoloxías de circularidade, sustentabilidade e análise de ciclo de vida para estudar as súas principais vantaxes e impactos.

Metodoloxía e conclusións

Na súa investigación, Ana Arias Calvo proporciona diversos casos de estudo nos que analiza residuos procedentes da industria de papel, do sector agroalimentario e o sector forestal en termos de sustentabilidade e circularidade. Cara a este fin, desenvolve a modelaxe dos procesos a gran escala (a través de ferramentas como o SuperPro Designer ou Aspen Hysys), para así obter os balances de materia e enerxía precisos na aplicación das metodoloxías de avaliación ambiental e tecnoeconómica. Entre outras probas, a súa avaliación contempla a análise do ciclo de vida dos produtos, o cumprimento dos principios da química verde ou sostible e exames de eco-eficiencia, así como de viabilidade económica. Este compendio de metodoloxías permitiu medir a produtividade e a potencialidade dos procesos biolóxicos e establecer comparativas cos procesos tradicionais baseados en recursos fósiles e posibilitou identificar as principais vantaxes e os retos esenciais cara a súa inclusión no mercado e na cadea de valor.

A tese constata a posibilidade de usar integramente residuos procedentes de varios sectores produtivos (alimentario, agrícola e forestal, principalmente) para propor modelos de produción máis circulares e sostibles. Ao tempo, a investigación proporciona novos enfoques de biorrefinería que van máis alá do aproveitamento enerxético dos recursos para producir biocombustibles e mesmo para obter biocompost, os métodos de tratamento máis empregados na xestión sostible dos residuos na actualidade. A través da modelaxe a gran escala, nunha capacidade produtiva análoga aos modelos de produción tradicional, obsérvase que a maior parte dos esquemas de valorización presentados son viables economicamente e que, ademais, teñen uns impactos ambientais asociados inferiores aos modelos de produción lineais. Finalmente, e xa cara ao futuro, identifica a optimización no uso da enerxía e o uso de enerxías renovables como aspectos clave para incrementar a potencialidade económica e ambiental dos procesos de biorrefinería e biotecnolóxicos

Tribunal de tese e difusión

A profesora Maria Paula Baptista da Costa Antunes, da Universidade Nova de Lisboa, presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese, no que tamén tomaron parte o profesor da Universidade de Delft John Alexander Posada Duque, en calidade de secretario e a investigadora da Universidade Partenope de Nápoles Patrizia Ghisellini, en calidade de vogal. O traballo recibiu a cualificación de Cum Laude e a Mención Internacional.

No proceso de realización da tese, Ana Arias Calvo completou tres estancias de investigación: na Universidade Agrícola de Atenas baixo a dirección do profesor Apostolis Koutinas, na Universidade Brunel de Londres, coa profesora Evina Katsou, e na Universidade do Minho, coa profesora Lucília Domingues e ao abeiro do programa IACOBUS.

Un total de once publicacións, todas elas de alto impacto, conforman esta tese por compendio de artigos que se enmarcan, principalmente, en dous proxectos de investigación: ‘WoodBAdh (PCI2018-092866)’, financiado polo programa ERA-CoBioTech e baseado no desenvolvemento de bioadhesivos para evitar o uso de formaldehido; e ‘iFermenter (790507)’, financiado pola Bio Based Industries Joint Undertaken ao abeiro do programa Horizonte 2020 e polo consorcio Bio Based Industries, e no que se trataba de empregar licor procedente da polpa de papel para a obtención de antimicrobianos como a nisina. Ademais, e grazas as estancias de investigación mencionadas, a investigadora participou noutros proxectos, como o 'BL2F (Black-Liquor-To-Fuel)', en colaboración coa Universidade de Brunel, e no proxecto 'Innovaguas 4 (2022-CP060)' financiado pola Xunta de Galicia.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2023-08-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (al-majisti-festival.jpg) O festival Al–Majisti' vaise desenvolver os vindeiros 17,18 e 19 de maio neste concello da alta montaña galega. Trátase dun certame literario no rural de Galicia que propón un diálogo entre literatura, astronomía e música, con afán de converterse nunha das citas culturais máis importantes da provincia. O nome 'Al–Majisti' é o topónimo árabe traducido como 'o máis grande, o grande tratado' e empregado polos astrónomos ata a Alta Idade Media, incluídos os navegantes dos descubrimentos; por iso o festival ten a súa partida en dúas grandes estrelas da cultura astronómica, Claudio Ptolomeo e Afonso X O Sabio.
Foto de la tercera plana (20240509-uvigo.jpg) Catro traballos que versan sobre a liberdade vixiada, a crise dos pellets, a ocupación de vivendas e a intelixencia artificial foron galardoados este xoves co III Premio Xurídico de Investigación en lingua galega Xosé Luís Franco. Os catro gañadores, dúas estudantes da Universidade de Vigo, un de Santiago de Compostela e outra da Coruña, déronse a coñecer este xoves na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, impulsora destes premios, no transcurso dun acto co gallo do Día das Letras Galegas.

Notas

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Joseba Sarrionandia, escritor vasco, como Escritor Galego Universal en 2024, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade da súa obra, así como por defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional de Euskadi. Joseba Sarrionandía (Bizkaia, 1958), formou parte nos anos oitenta da banda literaria Pott, xunto con Bernardo Atxaga, Jon Juaristi e Ruper Ordorika.
Galiciencia, a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade, estase a desenvolver ata o venres no Parque Tecnolóxico de Galicia, baixo o lema 'Mellor, de Madeira'. A finalidade desta proposta é espertar as vocacións científicas entre o alumnado de Primaria, Secundaria, Educación Especial, FP e Bacharelato.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES