Notas de prensa

A décima edición de Pont-Up Store contará coa participación de 33 empresas “innovadoras, creativas e sostibles”

O encontro de emprendemento Pont-Up Store prepárase para regresar o 29 e 30 de setembro á cidade de Pontevedra cunha selección de emprendementos que, nunha alta porcentaxe, propoñen solucións “sostibles a diferentes retos e en sectores moi diversos”, segundo indican desde a súa organización.

En total, van participar nesta edición 33 startups galegas, 32 con postos e seis no talent show Pont-Up Exprés, ao que se sumarán outras iniciativas empresariais para completar un total de sete ideas de negocio que recibirán a retroalimentación do xurado.

Nesta edición, indican desde Pont-Up Store, destaca a porcentaxe de emprendementos liderados por mulleres, un 75% do total. En canto á distribución xeográfica, mantense a tendencia das últimas edicións cunha porcentaxe maior de iniciativas procedentes do rural, que alcanza o 55% fronte ao 45% que teñen a súa base nas cidades. Por provincias, un 60% proceden de Pontevedra e o resto repártense entre Lugo e A Coruña. En canto aos ámbitos das propostas, o compromiso ambiental está presente en case todas as iniciativas (como Aventura Plástica, Green Impact Soul e Luxsit). Tamén destaca nesta edición o ámbito das consultarías (coa presencia de Sisubvenciones, Insono e Nexus) , das enxeñarías (Fuocoair e Naboo Solutions), o coidado persoal (Alloa, Eco Siolaz e Miraki Home), o turismo (Barvantia, Brétema Studio e La Cuerda Floja) e a educación (Cousiñas, Donde Viven los Cuentos e Na Utopía). Ademais, o sector do téxtil, os complementos e a decoración volve contar con destacadas iniciativas (Tombo bags, Ana Freiría, Aow Surfskate, Bela Furtiva, 5special, Blaurtopías, Julia Vilariño, Néboa na ría Faísca, Sarai Lorenzo Ilustración e Vic Art Taller Creativo) e o sector da alimentación aparece como un dos máis innovadores (con iniciativas como Landratech, Outro Conto, Rural o Urbano e Zumiño).

Pont-Up Exprés

Dentro do encontro, Pont-Up Exprés perfílase, segundo indican desde a súa organización, “un ano máis como unha das actividades máis atractivas, que facilita o achegamento e o diálogo entre persoas emprendedoras e o tecido empresarial galego cun formato dinámico e áxil”, a través de presentacións de cinco minutos de duración. Ao final da exposición de cada proxecto, as persoas escoitantes farán unha valoración a partir dos criterios relacionados coa súa experiencia e sector de actividade. Como cada ano, este talent show permitirá a sete iniciativas empresariais presentar os seus proxectos a un xurado que nesta edición estará integrado por Luis Lopez-Boado, director xeral Pereira Productos del Mar; Xosé Lois Lamazares, coordinador xeral de Daveiga Producións; Maite Rodríguez, responsable de deseño en Finsa; e Ana Olveira, socia de Abeluria e presidenta da Unión de Cooperativas Espazocoop. As empresas seleccionadas nesta edición son: a marca galega de roupa e pezas de vehículos 5special, onde as viaxes, as motos e o surf son a base da inspiración; o espazo infantil Donde Viven los Cuentos, para nenas e nenos de cero a nove anos con actividades para toda a familia; o proxecto Landratech, que pon en valor o aproveitamento das landras ou belotas para consumo humano a través de produtos como fariñas, café e té fabricados a partir de landras; a empresa de desenvolvemento de software Lareira Digital, focalizada no software aberto e libre así como noutras áreas de desenvolvemento coma hardware, IoT, videoxogos, etc; a proposta de Luxsit, que crea espectáculos de luces personalizados con enxames de drons sostibles como alternativa aos fogos de artificio; os produtos de madeira creados por Néboa na Ría para un estilo de vida sinxelo e pausado; e as creacións de Tombo Bags, onde deseñan e confeccionan bolsos e complementos a partir de velas de barco reutilizadas.

Dez anos apoiando ideas emprendedoras

O Pont-Up Store, lembran desde a súa organización, xurdiu en 2014 no marco da Conferencia Ibérica para o Emprendemento que se celebrou en Pontevedra e que partía dunha iniciativa da Universidade de Vigo (Vicerreitoría do Campus de Pontevedra) e do grupo de investigación G4 Plus de Desenvolvemento Estratéxico: Organizacións e Territorios, no marco do Campus Crea da UVigo. “Concibiuse xa dende o principio como un evento multisectorial, aberto a toda a cidadanía e cuxo obxectivo é o apoio ao emprendemento e o incremento da cultura emprendedora na sociedade”, sinalan. Ao longo das nove edicións celebradas medrou e evolucionou ata converterse “no punto de referencia do novo emprendemento no noso territorio”, grazas á colaboración e o patrocinio de entidades como a Concellaría de Promoción Económica do Concello de Pontevedra como patrocinador principal; a Universidade de Vigo como impulsora do evento coa colaboración do seu Consello Social; e os apoios da Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia, Zona Franca de Vigo, Abanca e R, entre as máis de 50 entidades públicas e privadas que durante estes anos foron sumándose ao proxecto. Como resultado desa colaboración e das redes tecidas entre a comunidade emprendedora que foi participando nas distintas edicións, no ano 2022 creouse a Asociación para o Emprendemento e a Innovación: Pont-Up Store, responsable agora da dirección e organización do encontro e que agrupa a máis de 200 empresas co obxectivo de “aproveitar a experiencia e os valores promovidos polo encontro ao longo destas nove edicións, garantir a continuidade da celebración anual do evento e apoiar tanto aos novos emprendementos como a toda a comunidade de participantes, constituída por preto de 300 iniciativas procedentes de toda Galicia”.

Universidade de Vigo, 2023-07-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (al-majisti-festival.jpg) O festival Al–Majisti' vaise desenvolver os vindeiros 17,18 e 19 de maio neste concello da alta montaña galega. Trátase dun certame literario no rural de Galicia que propón un diálogo entre literatura, astronomía e música, con afán de converterse nunha das citas culturais máis importantes da provincia. O nome 'Al–Majisti' é o topónimo árabe traducido como 'o máis grande, o grande tratado' e empregado polos astrónomos ata a Alta Idade Media, incluídos os navegantes dos descubrimentos; por iso o festival ten a súa partida en dúas grandes estrelas da cultura astronómica, Claudio Ptolomeo e Afonso X O Sabio.
Foto de la tercera plana (20240509-uvigo.jpg) Catro traballos que versan sobre a liberdade vixiada, a crise dos pellets, a ocupación de vivendas e a intelixencia artificial foron galardoados este xoves co III Premio Xurídico de Investigación en lingua galega Xosé Luís Franco. Os catro gañadores, dúas estudantes da Universidade de Vigo, un de Santiago de Compostela e outra da Coruña, déronse a coñecer este xoves na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, impulsora destes premios, no transcurso dun acto co gallo do Día das Letras Galegas.

Notas

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Joseba Sarrionandia, escritor vasco, como Escritor Galego Universal en 2024, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade da súa obra, así como por defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional de Euskadi. Joseba Sarrionandía (Bizkaia, 1958), formou parte nos anos oitenta da banda literaria Pott, xunto con Bernardo Atxaga, Jon Juaristi e Ruper Ordorika.
Galiciencia, a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade, estase a desenvolver ata o venres no Parque Tecnolóxico de Galicia, baixo o lema 'Mellor, de Madeira'. A finalidade desta proposta é espertar as vocacións científicas entre o alumnado de Primaria, Secundaria, Educación Especial, FP e Bacharelato.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES