Notas de prensa

A UVigo será punto de encontro para máis de 130 docentes de español de múltiples nacionalidades

Máis de 130 docentes chegados de todo o mundo -80 de xeito presencial e 50 a través do Campus Remoto- van participar a vindeira semana en Vigo no LVII Congreso Internacional AEPE, a Asociación Europea de Profesores de Español, un encontro que se celebrará do 24 ao 28 de xullo na Facultade de Filoloxía e Tradución e que, nesta ocasión, se centrará en analizar os principais retos e desafíos aos que se enfronta este idioma na era da pospandemia.

Entre estes retos están o ensino do español na infancia e adolescencia, a ensinanza-aprendizaxe de Español como Lingua Estranxeira no ámbito universitario, ou a presentación de múltiples estudos sobre lingüística computacional e forense, literatura e xénero, sostibilidade ou tradución automática.

“Para o noso centro organizar esta xuntanza é unha oportunidade magnífica e todo un desafío”, explica o decano José Montero, principal cabeza visible dun comité organizador do que tamén forman parte as profesoras Inmaculada Anaya, Helena Cortés e Montserrat Ribao, xunto co profesor Miguel Cuevas e a investigadora Rocío Hernández. “Ter reunidos a unha parte moi importante dos estudosos da ensinanza do español como lingua estranxeira na FFT supón que o noso centro poida ser coñecido por todo o mundo”, salientou Montero, quen se amosou convencido de que a celebración do congreso neste centro suporá unha difusión extraordinaria que pode ser de grande axuda para varias cousas: captación de alumnado internacional, contactos con outras universidades, apertura de convenios, etc. “Por outra banda, é un desafío no que amosaremos a nosa capacidade de organización e as nosas fortalezas como centro de referencia nos estudos de lingua e literatura españolas no mundo”, recalcou o decano, quen foi o principal enlace entre AEPE e a Universidade de Vigo. “Desde a asociación coñecían a miña traxectoria como docente e investigador, o meu percorrido por moitas universidades do estranxeiro e as colaboracións feitas para o Instituto Cervantes”, aclara o decano”.

Nove liñas temáticas e máis dun cento de comunicacións

O congreso, que o ano pasado se celebrou na cidade xienense de Úbeda, pretende ser un punto de encontro entre as persoas interesadas na ensinanza do español, investigadores, especialistas e académicos. Trátase, tal e como explican na web do encontro, de compartir experiencias e novas ideas, algunhas froito das prácticas durante a pandemia, así como os resultados das investigacións máis recentes en torno á lingua, a literatura, a cultura e a tradución da lingua española.

A cita está estruturada en nove liñas temáticas: estudos sobre lingüística e investigacións interdisciplinares; investigacións sobre cultura e literatura; tradución literaria e outras traducións; ensinanza da cultura, a historia, a literatura, a tradución na aula de español como L1/L2 o LE como lingua de herdanza; as TIC e a ensinanza da lingua; o docente de ELE na era dixital; o ensino de español para nenos e adolescentes; a ensinanza-aprendizaxede ELE no ámbito universitario e a ensinanza de español para fins específicos.

A apertura do encontro será o vindeiro luns ás 10.30 horas e contará coa participación da vicerreitora de Internacionalización, Maribel del Pozo; o alcalde Vigo, Abel Caballero; o presidente da AEPE, Pablo Deza, e o decano da facultade, José Montero. Será o arranque dun intenso programa no que se presentarán máis dun cento de comunicacións e cuxa conferencia inaugural correrá a cargo da profesora da Universidad de Extremadura Marisa Montero Curiel, que estará centrada na creatividade léxica como recurso de humor verbal.

Ao longo de toda a semana -á excepción do festivo, xornada na que hai prevista unha excursión polas Rías Baixas- celebraranse múltiples actividades nos diferentes espazos da facultade. As sesións plenarias serán no salón de actos e as aulas acollerán de xeito simultáneo as diferentes charlas e talleres. Contarase como conferenciantes plenarios, a maiores de Montero Curiel, coa profesora da Universidad de Sevilla Catalina Fuentes Rodríguez; Alexia Dotras Bravo, do Instituto Politécnico de Bragança, así como do profesor da Universidade de Vigo José Yuste.

Unha cita con máis de medio século de historia

O I Coloquio da AEPE celebrouse en Estrasburgo en outubro de 1969 e nel participaron arredor dun cento de socios. Desde entón pasou máis de medio século e a día de hoxe a asociación está composta por uns 400 docentes de español de arredor de 40 países de todo o mundo (Alemaña, Arxentina, Australia, Brasil, Canadá, China, Corea, Francia, India, Italia, Xapón...).

Nestes anos o encontro ten viaxado por medio mundo, desde múltiples cidades de España ata países tan diversos como México, Arxentina, Perú, Alemaña, Austria, Bélxica, Dinamarca, Estados Unidos, Finlandia, Francia, Guinea Ecuatorial, Italia, Xapón, Marrocos...

Universidade de Vigo, 2023-07-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (al-majisti-festival.jpg) O festival Al–Majisti' vaise desenvolver os vindeiros 17,18 e 19 de maio neste concello da alta montaña galega. Trátase dun certame literario no rural de Galicia que propón un diálogo entre literatura, astronomía e música, con afán de converterse nunha das citas culturais máis importantes da provincia. O nome 'Al–Majisti' é o topónimo árabe traducido como 'o máis grande, o grande tratado' e empregado polos astrónomos ata a Alta Idade Media, incluídos os navegantes dos descubrimentos; por iso o festival ten a súa partida en dúas grandes estrelas da cultura astronómica, Claudio Ptolomeo e Afonso X O Sabio.
Foto de la tercera plana (20240509-uvigo.jpg) Catro traballos que versan sobre a liberdade vixiada, a crise dos pellets, a ocupación de vivendas e a intelixencia artificial foron galardoados este xoves co III Premio Xurídico de Investigación en lingua galega Xosé Luís Franco. Os catro gañadores, dúas estudantes da Universidade de Vigo, un de Santiago de Compostela e outra da Coruña, déronse a coñecer este xoves na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, impulsora destes premios, no transcurso dun acto co gallo do Día das Letras Galegas.

Notas

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Joseba Sarrionandia, escritor vasco, como Escritor Galego Universal en 2024, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade da súa obra, así como por defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional de Euskadi. Joseba Sarrionandía (Bizkaia, 1958), formou parte nos anos oitenta da banda literaria Pott, xunto con Bernardo Atxaga, Jon Juaristi e Ruper Ordorika.
Galiciencia, a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade, estase a desenvolver ata o venres no Parque Tecnolóxico de Galicia, baixo o lema 'Mellor, de Madeira'. A finalidade desta proposta é espertar as vocacións científicas entre o alumnado de Primaria, Secundaria, Educación Especial, FP e Bacharelato.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES