Notas de prensa

Os premios Egeria á inclusión da perspectiva de xénero cumpren unha década

Os Premios Egeria á inclusión da perspectiva de xénero cumpren dez anos e nesta edición tan especial presentan unha importante novidade: a inclusión das teses de doutoramento dentro do abano de traballos de investigación que se poden presentar. Esta ampliación era un dos obxectivos recollidos no III Plan de Igualdade entre mulleres e homes da UVigo e na nova convocatoria entregaranse distinción aos mellores traballos fin de grao, fin de mestrado e teses que inclúan a perspectiva de xénero e/ou feminista.

Impulsados pola Unidade de Igualdade da UVigo, estes galardóns teñen aberto o prazo de presentación de traballos ata o vindeiro 29 de setembro e poden participar todos os estudantes da Universidade de Vigo que teñan presentado o traballo fin de grao ou fin de mestrado no curso 2022/2023 cunha cualificación mínima de 9 ou que teñan defendido a tese de doutoramento no mesmo período obtendo a cualificación de “sobresaínte cum laude”.

En total convócanse tres premios para os TFG, que recoñecerán os mellores traballos das áreas das ciencias sociais e xurídicas; ciencias, ciencias da saúde e enxeñaría e arquitectura; e artes e humanidades. Cada unhas das persoas premiadas recibirá 500€. No que se refire aos TFM, tamén se outorgarán tres premios correspondentes aos mesmos eidos do coñecemento, pero desta volta cun premios 600€ para cada un. Na nova categorías que se inclúe este ano convócanse dous premios ás mellores teses sen distinguir por áreas de coñecemento. Cada un dos galardóns terá unha dotación de 1000 euros. En total, entre todas as distincións repartiranse 5300 euros.

A avaliación dos traballos correrá a cargo dunha comisión composta por Luis Xabier Martínez Rolán, profesor do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade como presidente; Elena Alonso Prieto, profesora do Departamento de Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio Ambiente e Teresa Caneda-Cabrera, profesora do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá.

A selección dos proxectos atenderá principalmente á calidade do traballo presentado (30 puntos), así como á relevancia da súa temática e metodoloxía (25 puntos). Tamén se terá en conta a aplicabilidade das achegas feitas polo estudo (15 puntos), o uso da linguaxe inclusiva (15 puntos), a referenciación bibliográfica e fontes (10 puntos) e o uso da lingua galega (5 puntos).

Premios da pasada edición

Na pasada edición destes galardóns entregáronse unicamente tres galardóns aos mellores TFG e tres aos mellores TFM con perspectiva de xénero, todos eles para alumas. No que se refire aos traballos fin de grao, o xurado decidiu premiar no eido das ciencias sociais e xurídicas a Lorena Reboredo Rivas pola súa investigación sobre a violencia vicaria e a instrumentalización de fillos e fillas para danar as nais. No eido das ciencias da saúde e rama enxeñaría e arquitectura o premio foi para un traballo titulado Retraso na reperfusión coronaria en pacientes con infarto agudo de miocardio con elevación do segmento ST: unha cuestión de xénero. No ámbito da artes e as humanidades concedéronse dous premios, un para Claudia Pineda Mesquida, por Mulleres errantes. Reescribindo a miña xenealoxía feminina a través do álbum de viaxe familiar, e outro para María Belén Ãlvarez Mosquera, por Comentario e proposta de tradución ao galego de La mujer de su casa e La educación de la mujer de Concepción Arenal.

No que atinxe aos traballos fin de mestrado, no eido das ciencias sociais e xurídicas, o premio Egeria foi para Rebeca López Villar, que presentou unha proposta de dicionario feminista de termos cinematográficos para o profesorado de bacharelato, mentres que o ámbito das artes e as humanidades a galardoada foi Lidia López-Briñas Pérez-Vico, que se centrou na análise do uso da linguaxe non sexista nunha Resolución de Nacións Unidas e a súa tradución ao español.

Universidade de Vigo, 2023-07-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (al-majisti-festival.jpg) O festival Al–Majisti' vaise desenvolver os vindeiros 17,18 e 19 de maio neste concello da alta montaña galega. Trátase dun certame literario no rural de Galicia que propón un diálogo entre literatura, astronomía e música, con afán de converterse nunha das citas culturais máis importantes da provincia. O nome 'Al–Majisti' é o topónimo árabe traducido como 'o máis grande, o grande tratado' e empregado polos astrónomos ata a Alta Idade Media, incluídos os navegantes dos descubrimentos; por iso o festival ten a súa partida en dúas grandes estrelas da cultura astronómica, Claudio Ptolomeo e Afonso X O Sabio.
Foto de la tercera plana (20240509-uvigo.jpg) Catro traballos que versan sobre a liberdade vixiada, a crise dos pellets, a ocupación de vivendas e a intelixencia artificial foron galardoados este xoves co III Premio Xurídico de Investigación en lingua galega Xosé Luís Franco. Os catro gañadores, dúas estudantes da Universidade de Vigo, un de Santiago de Compostela e outra da Coruña, déronse a coñecer este xoves na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, impulsora destes premios, no transcurso dun acto co gallo do Día das Letras Galegas.

Notas

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Joseba Sarrionandia, escritor vasco, como Escritor Galego Universal en 2024, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade da súa obra, así como por defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional de Euskadi. Joseba Sarrionandía (Bizkaia, 1958), formou parte nos anos oitenta da banda literaria Pott, xunto con Bernardo Atxaga, Jon Juaristi e Ruper Ordorika.
Galiciencia, a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade, estase a desenvolver ata o venres no Parque Tecnolóxico de Galicia, baixo o lema 'Mellor, de Madeira'. A finalidade desta proposta é espertar as vocacións científicas entre o alumnado de Primaria, Secundaria, Educación Especial, FP e Bacharelato.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES