Notas de prensa

O CIM da UVigo lidera un proxecto internacional de innovación e transferencia da biotecnoloxía azul financiado con 2,3 millóns de euros

A biotecnoloxía azul é aquela que promove a utilización sostible dos recursos mariños e costeiros para desenvolver solucións innovadoras en eidos como a acuicultura sostible, a conservación e restauración de ecosistemas mariños, a produción de alimentos mariños e a procura de compostos bioactivos con aplicacións na industria farmacéutica, cosmética e alimentaria.

Son actividades cun rol relevante no crecemento económico local que precisan dunha contorna de cooperación en I+D+I internacional que mellore a súa competitividade e a sustentabilidade do sector no espazo atlántico.

E este é, precisamente, o obxectivo do proxecto Marinnonet, unha iniciativa liderada polo Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) que acaba de ser seleccionada no marco do programa Interreg Atlantic Area cunha dotación de 2,3 millóns de euros.

A finalidade do proxecto é mellorar as capacidades de innovación e transferencia no eido da biotecnoloxía azul dos países do espazo atlántico e reúne actores da cuádrupla hélice (academia, administración, empresas e sociedade) de España, Francia, Portugal e Irlanda dedicados á I+D+i de biotecnoloxía mariña para crear unha rede de cooperación transnacional que impulse a capacidade de innovación do sector. Desta forma, lograrase a explotación conxunta das súas competencias e capacidades en beneficio da innovación azul para asegurar a súa competitividade na economía azul europea e mundial e o uso sostible dos recursos mariños, contribuíndo á adaptación ao cambio climático.

Marinnonet botará a andar en xaneiro de 2024 e terá tres anos de duración, nos que o obxectivo é crear unha rede transnacional de cooperación en I+D+i que permitirá potenciar a capacidade de innovación do sector da biotecnoloxía azul en tres campos de actuación: innovacións para unha acuicultura eficiente, sostible e resiliente; tecnoloxías ómicas de observación para preservar a biodiversidade mariña e restaurar a saúde do océano; e produtos mariños para aplicación industriais.

Cooperación internacional

O investigador principal do proxecto e catedrático do CIM, José Luis Soengas, destaca que “a cooperación transnacional é fundamental para alcanzar os obxectivos e resultados do proxecto, xa que as rexións da área atlántica enfrontan desafíos e oportunidades comúns no sector de biotecnoloxía azul”. Así, a través de Marinnonet “coordinaranse accións para compartir recursos e coñecementos e abordar as necesidades locais desde unha perspectiva sistémica. Ademais, o proxecto beneficiará a empresas de biotecnoloxía azul, estimulando a innovación e o desenvolvemento de novos produtos”, engade.

Soengas subliña que esta iniciativa “é de grande importancia para o CIM, xa que brinda a oportunidade de fortalecer e mellorar as capacidades de innovación e transferencia no campo da biotecnoloxía mariña” e asegura que “ao formar parte desta iniciativa conxunta, o centro poderá colaborar con outros actores relevantes da cuádrupla hélice en diferentes rexións da área atlántica, o que ampliará a súa rede de contactos e potenciará a transferencia de coñecemento e tecnoloxía”.

Ademais, o investigador principal tamén recalca que este proxecto axudará a fomentar “a creación de novos produtos, servizos e empresas no sector da biotecnoloxía azul. Isto pode xerar emprego e promover o desenvolvemento económico nas rexións costeiras e mariñas dos países implicados”.

Pola súa banda, o director do CIM, Daniel Rey, tamén considera que “a sinerxía entre equipos de investigación de diversas disciplinas é unha das grandes fortalezas do centro. Esta é fundamental para afrontar os grandes desafíos da nosa sociedade cun enfoque integral e innovador”. A través do liderado destes proxectos colaborativos e interdisciplinares, engade, “o CIM impulsa o desenvolvemento da economía azul, ofrecendo solucións innovadoras para a industria e aplicacións concretas en áreas como a acuicultura sostible, a conservación da biodiversidade mariña e a produción de novos produtos mariños”.

Socios da cuádrupla hélice

Xunto co CIM, forman parte do proxecto Marinnonet entidades académicas e de investigación como a Universidade de Las Palmas de Gran Canaria, a Universidad del País Vasco, o Instituto Español de Oceanografía do CSIC, a University of Galway (Irlanda), a Universidade do Minho (Portugal), Sorbonne Université (Francia), Munster Tecnological University (Irlanda) e o Centro Interdisciplinar de InvestigaÇao Marinha e Ambiental (CIIMAR) de Portugal. Ademais, no proxecto colaboran representantes da administración pública como a Axencia Galega de Innovación (GAIN), a Hazi Fundazioa, a Sociedad de Promoción Económica de Gran Canaria e a Irish Bioeconomy Foundation (Irlanda). Como representantes da sociedade están o grupo de acción costeira GALP Ría de Vigo e o grupo de acción local pesqueiro do país vasco Itsas Garpen Elkarta Flag. No eido empresarial, participan a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescados y Mariscos (Anfaco), a AsociaÇao Nacional para os Biorecursos Marinhos e Biotecnologia Azul (Portugal), o cluster Pôle Mer Bretagne Atlantique (Francia) e Blue Bioeconomy CoLAB (Portugal).

Tres campos de acción: acuicultura, tecnoloxías ómicas e materiais bioactivos

O proxecto arrancará cunha primeira fase na que se realizarán reunións de innovación aberta e co-creación para establecer as temáticas, desafíos e oportunidades comúns do territorio organizados arredor de tres campos de acción. O primeiro é a acuicultura eficiente, sostible e resiliente, para abordar os retos en fisioloxía, nutrición, xenética e reprodución dos organismos cultivados, así como o control das súas enfermidades, beneficiando ás actividades acuícolas, marisqueiras e pesqueiras.

Un segundo eido centrarase en como o uso de tecnoloxías ómicas contribuirá a descifrar a complexidade das interaccións biolóxicas e ambientais nos ecosistemas mariños, a súa biodiversidade e protección, proporcionando ás administracións públicas as ferramentas e coñecementos necesarios para predicir e adaptarse aos efectos do cambio climático global e salvagardando a saúde e o benestar humano.

Por último, no terceiro campo de acción desenvolveranse tecnoloxías para o illamento e procesamento de materiais bioactivos de organismos mariños, abordando en particular enfoques máis sostibles aplicados a subprodutos mariños ou recursos pouco explotados, co obxectivo de aplicalos de maneira sostible en biomedicina, farmacoloxía, cosméticos e alimentos.

A partir de aí, o proxecto lanzará convocatorias internas de proxectos piloto que ofrezan solucións prácticas a estes desafíos, dando lugar así á transferencia real deste coñecemento ao mundo empresarial e á sociedade.

Universidade de Vigo, 2023-07-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (medio-ambiente.jpg) Os apoios, que poden chegar aos 3 millóns de euros por proxecto, son de ata o 45% do investimento subvencionable no caso dos proxectos de grandes empresas, mentres que no caso das pemes serán do 45% ou do 55% en función da porcentaxe de redución de emisións xustificada. Con estas axudas que xestiona o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) búscase incentivar a transformación ecolóxica da actividade industrial de cara a unha economía baixa en carbono e a súa competitividade nun mercado global, diminuíndo o consumo de enerxía e promovendo a introdución da mellor tecnoloxía dispoñible. Ao mesmo tempo, estas axudas que se enmarcan na Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 e na Axenda Enerxética de Galicia 2030 contribúen a reactivar e dinamizar a economía da provincia tras o peche das centrais térmicas.
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

Achegar á cidadanía o traballo do persoal investigador da Universidade e os beneficios dos seus estudos para o avance da sociedade, así como contribuír ao fomento de vocacións científicas. Estes son os obxectivos da expo-feira A ciencia que vén, que a UVigo organizará por primeira vez en Pontevedra o 31 de maio. A praza da Ferraría acollerá 14 carpas nas que grupos de investigación ofrecerán unha serie de obradoiros e actividades, dirixidas a un público familiar, que permitirán achegarse dun xeito lúdico e divertido ás aplicacións dos seus traballos en múltiples ámbitos.
A UDC inaugurou na Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas, o Congreso Internacional Emerging Trends in Applied Mathematics and Mechanics 2024. No programa figuran charlas de temas de especial interese e máxima actualidade como o derretemento das capas de xeo, que aborda un dos problemas ambientais máis críticos do noso tempo, vital para prever e mitigar os impactos do cambio climático.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES