Notas de prensa

Unha serie de vídeos formarán o alumnado de secundaria na 'loita contra a desinformación'

A través dunha serie de vídeos breves, unha streamer, interpretada por Carlota Mosquera, informa ao alumnado de secundaria sobre o fenómeno da desinformación e os seus efectos, amósalle que tipo de contidos se engloban nesta problemática e achégalles ferramentas que lles permitan verificar a información que reciben. Estas ideas articulan a serie de oito vídeos que o grupo Sepcom, da UVigo, prepara como parte dun recurso aberto de aprendizaxe dirixido a formar a mocidade “na loita contra a desinformación”.

Tras a súa rodaxe nas últimas semanas, estas pezas inseriranse nunha serie de unidades didácticas dirixidas a que o profesorado de secundaria poida traballar estes contidos nas aulas, que estarán a súa disposición no repositorio Procomún, do Instituto Nacional de Tecnologías Educativas de Formación del Profesorado (Intef).

Esta iniciativa insírese nas actividades do proxecto de investigación Narrativas digitales contra la desinformación. Estudio de redes, temas y formatos en los fact-checkers iberoamericanos, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, que tiña entre os seus obxectivos o desenvolvemento de recursos para a alfabetización mediática da cidadanía. Cos investigadores principais do proxecto, Dafonte e Mabel Míguez, como responsables da supervisión dos guións e dos contidos das pezas, e o tamén integrante do grupo Sepcom Oswaldo García como encargado da produción e realización, esta serie de vídeos buscaban combinar un “discurso próximo e atractivo” para o alumnado de secundaria cuns contidos “consistentes desde o punto de vista científico”.

De aí que, como explica García, optasen por trasladar esta mensaxe a través “dun formato recoñecible” para este público, como sería a retransmisión dun ou dunha streamer, valéndose do tipo de planos, dos recursos audiovisuais e visuais e do ritmo que caracteriza este tipo de contidos. Coa participación de David Hernández, de Adarme Visual, como director de fotografía; Iria Pinheiro, como directora de arte; e Marcos Mosquera, como responsable dos motion graphics, animación dixitais que “complementan o discurso e aclaran conceptos”, así como de Carlota Mosquera, buscábase xerar un contido que fose á vez “atractivo e crible” e que ofrecese “unha visión máis accesible” sobre o que representa a problemática da desinformación.

Un perfil de poboación exposto aos riscos da desinformación

Ainda que, como sinala Dafonte, “traballar sobre pensamento crítico é interesante a calquera idade”, estes vídeos e o recurso educativo no que se insiren oriéntanse a unha franxa de idade na que combínase “un certo inicio da madurez co auxe do consumo de redes sociais”. Isto, lembra Dafonte, fai que sexa “máis fácil que estean expostos a contidos nesgados ou parcialmente falsos”, tendo en conta ademais os seus “patróns de consumo de noticias”, baseados no uso destas redes.

Co obxectivo de contribuír á súa alfabetización mediática, estes vídeos buscan pór o foco en “por que é importante” coñecer a incidencia e os efectos da desinformación, así como amosarlles as diferentes tipoloxías de contidos que se engloban nesta problemática. “É moi importante deixarlles claro que a desinformación non é só mentir”, sinala Dafonte, que incide que alén das fake news, contidos con aparencia de noticia pero que non o son, existen “outras moitas maneiras de intentar manipular e de enganar”. Nese senso, as pezas tratan tamén outras tipoloxías de desinformación, desde o “contido inventado”, ao chamado “contido impostor”, a suplantación da identidade dunha persoa ou institución nas redes, pasando por aqueles que implican contar "só unha parte da realidade” co obxectivo de xerar confusión. Do mesmo xeito, esta proposta busca amosar aos mozos e mozas que facer “se lles chegan contidos dos que sospeiten”, e mostrarlles que “recursos tecnolóxicos básicos” teñen a súa disposición para verificar esa información.

Un recurso educativo aberto

Aínda que estes vídeos poidan usarse de xeito independente e se difundan a través da rede, trátase duns materiais dirixidos a completar un recurso aberto de aprendizaxe, que estará dispoñible no repositorio Procomún. Dirixido a que o profesorado de secundaria dispoña de ferramentas para traballar esta problemática nas aulas, este recurso englobará unidades didácticas sobre as temáticas que centran os vídeos, “unha guía docente e unha proposta de tarefas que poden realizar os estudantes”, explica Dafonte, así como o acceso a outra serie de recursos e documentos de referencia que permitan profundar en diferentes aspectos.

Universidade de Vigo, 2023-07-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (medio-ambiente.jpg) Os apoios, que poden chegar aos 3 millóns de euros por proxecto, son de ata o 45% do investimento subvencionable no caso dos proxectos de grandes empresas, mentres que no caso das pemes serán do 45% ou do 55% en función da porcentaxe de redución de emisións xustificada. Con estas axudas que xestiona o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) búscase incentivar a transformación ecolóxica da actividade industrial de cara a unha economía baixa en carbono e a súa competitividade nun mercado global, diminuíndo o consumo de enerxía e promovendo a introdución da mellor tecnoloxía dispoñible. Ao mesmo tempo, estas axudas que se enmarcan na Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 e na Axenda Enerxética de Galicia 2030 contribúen a reactivar e dinamizar a economía da provincia tras o peche das centrais térmicas.
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

Achegar á cidadanía o traballo do persoal investigador da Universidade e os beneficios dos seus estudos para o avance da sociedade, así como contribuír ao fomento de vocacións científicas. Estes son os obxectivos da expo-feira A ciencia que vén, que a UVigo organizará por primeira vez en Pontevedra o 31 de maio. A praza da Ferraría acollerá 14 carpas nas que grupos de investigación ofrecerán unha serie de obradoiros e actividades, dirixidas a un público familiar, que permitirán achegarse dun xeito lúdico e divertido ás aplicacións dos seus traballos en múltiples ámbitos.
A UDC inaugurou na Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas, o Congreso Internacional Emerging Trends in Applied Mathematics and Mechanics 2024. No programa figuran charlas de temas de especial interese e máxima actualidade como o derretemento das capas de xeo, que aborda un dos problemas ambientais máis críticos do noso tempo, vital para prever e mitigar os impactos do cambio climático.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES