Notas de prensa

AI Song Contest 2023, a Eurovisión mundial da intelixencia artificial, o 4 de novembro na Coruña

Song Contest, coñecido coma a "Eurovisión" mundial da intelixencia artificial, celebrará a súa edición 2023 na cidade da Coruña o 4 de novembro. A cita deste ano, presentada na Sede Afundación A Coruña, leva por lema "Walking With AI" (O Camiño da IA), e celebra a diversidade de xeitos de traballar a intelixencia artificial na música no eido internacional, cos artistas no centro do proceso de composición.

Esta cuarta edición contará cunha cerimonia de inauguración, que terá lugar o venres 3 de novembro á noite, antes do grande día, no CSA da Cidade das TIC, o mesmo recinto que acollerá o congreso "AI & Creation Day" durante a mañá e tarde do sábado, cunha programación de charlas e mesas de debate académicas arredor da música xerada con intelixencia artificial e sobre os dereitos de propiedade intelectual.

Expertos na materia tamén achegarán luz sobre as estratexias creativas empregadas polos equipos finalistas, proporcionando información sobre os procesos innovadores que hai detrás das súas composicións xeradas por IA. Ademais, o público presencial e en liña terán a oportunidade de descubrir como se está a traballar en Galicia a intelixencia artificial e, especialmente, como se aproveita a IA para preservar e contribuír á lingua galega.

Despois da xornada divulgativa, os asistentes gozarán da espectacular Grande Final en Studio Follow, ubicado na Grela, cun programa de televisión en directo para celebrar a música co-creada entre individuos e máquinas, e onde a cultura galega estará moi presente. Rematarase cunha festa posterior no mesmo estudio. A primeira serie de entradas porase á venda a partir deste venres 7 de xullo ás 12:00 horas a través da plataforma Ticket Hoy.

Con este certame, A Coruña convértese na capital mundial da música escrita con intelixencia artificial, aproveitando a acollida da futura AESIA. Así, a organización tamén recoñece o título de anfitrión do equipo PAMP!, subcampión o ano pasado con "AI-Lalelo" e gañador da residencia artística do concurso en Sony CSL París, polo que terá a oportunidade de volver representar a Galicia, clasificada directamente á final.

Aberto o prazo de candidaturas

Dende hoxe e ata o 4 de setembro, convídase a artistas, afeccionados da intelixencia artificial e outros perfís vencellados á innovación cultural de todo o mundo a presentar a súa composición co-creada con IA. Deste xeito, os organizadores agardan recibir composicións musicais de todos os xéneros, desenvoltas por equipos compostos por músicos, técnicos e enxeñeiros con axuda da intelixencia artificial.

O público e un xurado de profesionais da IA e da industria musical xulgarán non só a calidade das cancións, tamén a calidade e a innovación na interacción entre artistas e algoritmos. A competición deste ano tamén fai fincapé na responsabilidade dos creadores e a transparencia no uso da intelixencia artificial, polo que premiará os grupos que poidan demostrar principios éticos sólidos con respecto aos datos de adestramento e participación dos artistas.

Todos os detalles e actualizacións sobre o evento poden revisarse na páxina web oficial do AI Song Contest (www.aisongcontest.com) e nas redes sociais (@aisongcontest).

Sobre o AI Song Contest

AI Song Contest é un concurso internacional que mostra o potencial creativo da música xerada por IA. Está organizado por AI Song Contest Foundation. Dende a súa creación en 2020, AI Song Contest está na vangarda da IA e a música, fomentando a innovación e promovendo o diálogo entre artistas, científicos e o público. Os gañadores do ano pasado recibiron premios en metálico e a oportunidade dunha residencia artística dunha semana en Sony CSL París.

A edición 2023 está patrocinada pola Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia, o Centro de Supercomputación de Galicia e Clúster TIC Galicia. O evento está producido por Follow. Tamén conta co apoio de Afundación, Cidade das TIC, Amsterdam Music Lab, Infinite Album, DIHGIGAL, Balidea, Data Spartan e AGASOL. Ten o soporte do CITIUS, CITIC, Consello da Cultura Galega, AIHUB CSIC, Goldsmiths University of London, OdiseIA e Microsoft. Artificia, Parque Empresarial da Grela e Confederación de Empresarios da Coruña promocionan e Nós Televisión, Quincemil, Código Cero e GCiencia son medios colaboradores.

AI Song Contest 2023, 2023-07-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (medio-ambiente.jpg) Os apoios, que poden chegar aos 3 millóns de euros por proxecto, son de ata o 45% do investimento subvencionable no caso dos proxectos de grandes empresas, mentres que no caso das pemes serán do 45% ou do 55% en función da porcentaxe de redución de emisións xustificada. Con estas axudas que xestiona o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) búscase incentivar a transformación ecolóxica da actividade industrial de cara a unha economía baixa en carbono e a súa competitividade nun mercado global, diminuíndo o consumo de enerxía e promovendo a introdución da mellor tecnoloxía dispoñible. Ao mesmo tempo, estas axudas que se enmarcan na Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 e na Axenda Enerxética de Galicia 2030 contribúen a reactivar e dinamizar a economía da provincia tras o peche das centrais térmicas.
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

Achegar á cidadanía o traballo do persoal investigador da Universidade e os beneficios dos seus estudos para o avance da sociedade, así como contribuír ao fomento de vocacións científicas. Estes son os obxectivos da expo-feira A ciencia que vén, que a UVigo organizará por primeira vez en Pontevedra o 31 de maio. A praza da Ferraría acollerá 14 carpas nas que grupos de investigación ofrecerán unha serie de obradoiros e actividades, dirixidas a un público familiar, que permitirán achegarse dun xeito lúdico e divertido ás aplicacións dos seus traballos en múltiples ámbitos.
A UDC inaugurou na Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas, o Congreso Internacional Emerging Trends in Applied Mathematics and Mechanics 2024. No programa figuran charlas de temas de especial interese e máxima actualidade como o derretemento das capas de xeo, que aborda un dos problemas ambientais máis críticos do noso tempo, vital para prever e mitigar os impactos do cambio climático.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES