Notas de prensa

O Galician Freaky Film Festival convoca o concurso de banda deseñada Neo-Vigo

O certame de cinema e cultura underground Galician Freaky Film Festival lanza o seu primeiro concurso de banda deseñada. Tomando como referencia Neo-Tokyo, a cidade futurista na que ten lugar Akira, o filme homenaxeado este ano; os traballos presentados deberán estar ambientados en Neo-Vigo. Este Vigo ulterior, distópico e futurista deberá estar presente en todas as obras presentadas.

O prazo de recepción de traballos ábrese o 13 de abril e péchase o 24 de xullo ás 24 h. Pódense presentar obras tanto en galego como en castelán, de entre dúas e catro páxinas, en cor ou branco e negro e sen máximo de autores por obra. Este concurso creativo está restrinxido a traballos autoconclusivos e inéditos, nos que tanto a historia como os personaxes non foran publicados con anterioridade.

Os gañadores serán elixidos por un xurado composto por tres profesionais do mundo do cómic que elixirán os tres traballos que retraten con máis orixinalidade e calidade o Vigo do futuro. Outorgarán un primeiro premio, que recibirá 300 €, e dous finalistas, que recibirán 100 €. Ademais, tanto os tres traballos premiados como outros que a organización considere de interese serán incluídos nun libro producido polo GFFF.

Os membros do xurado especializado son Fernando Llor, guionista de cómics desde 2014 con máis de 15 traballos publicados en España, Estados Unidos, Francia e Portugal, gañador do Premio a Mejor Guionista Español en los Premios José Sanchis Grau (en 2019) e profesor de guión; Melo, dono da libraría viguesa especializada en cómic Banda Deseñada; e Alicia Jaraba, guionista e ilustradora viguesa que traballa no mercado francés, autora de Soy La Malinche e a serie Les detectives du surnaturel.

Galician Freaky Film Festival, 2023-05-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (al-majisti-festival.jpg) O festival Al–Majisti' vaise desenvolver os vindeiros 17,18 e 19 de maio neste concello da alta montaña galega. Trátase dun certame literario no rural de Galicia que propón un diálogo entre literatura, astronomía e música, con afán de converterse nunha das citas culturais máis importantes da provincia. O nome 'Al–Majisti' é o topónimo árabe traducido como 'o máis grande, o grande tratado' e empregado polos astrónomos ata a Alta Idade Media, incluídos os navegantes dos descubrimentos; por iso o festival ten a súa partida en dúas grandes estrelas da cultura astronómica, Claudio Ptolomeo e Afonso X O Sabio.
Foto de la tercera plana (20240509-uvigo.jpg) Catro traballos que versan sobre a liberdade vixiada, a crise dos pellets, a ocupación de vivendas e a intelixencia artificial foron galardoados este xoves co III Premio Xurídico de Investigación en lingua galega Xosé Luís Franco. Os catro gañadores, dúas estudantes da Universidade de Vigo, un de Santiago de Compostela e outra da Coruña, déronse a coñecer este xoves na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, impulsora destes premios, no transcurso dun acto co gallo do Día das Letras Galegas.

Notas

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Joseba Sarrionandia, escritor vasco, como Escritor Galego Universal en 2024, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade da súa obra, así como por defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional de Euskadi. Joseba Sarrionandía (Bizkaia, 1958), formou parte nos anos oitenta da banda literaria Pott, xunto con Bernardo Atxaga, Jon Juaristi e Ruper Ordorika.
Galiciencia, a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade, estase a desenvolver ata o venres no Parque Tecnolóxico de Galicia, baixo o lema 'Mellor, de Madeira'. A finalidade desta proposta é espertar as vocacións científicas entre o alumnado de Primaria, Secundaria, Educación Especial, FP e Bacharelato.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES