Notas de prensa

Un equipo da USC busca novas terapias para a abordaxe de enfermidades propias do envellecemento

O estudo das modificacións químicas dos ARNs, presentes en todos os organismos, é esencial para avanzar no coñecemento das enfermidades asociadas ao envellecemento como é o caso da síndrome metabólica, problemas cardiovasculares ou a deterioración neuro-cognitiva, entre outras.

Agora, un equipo do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS), liderado por Diana Guallar, acaba de conseguir financiamento para examinar os ARNs cuxas modificacións son alteradas co envellecemento; e explorar a modulación farmacolóxica destas marcas reversibles como unha nova terapia para mellorar a calidade de vida durante esta etapa. A investigación conta con financiamento dunha bolsa da Fundación Ramón Areces.

O traballo da USC foi un dos 19 recoñecidos en toda España na última convocatoria do concurso de Axudas á Investigación en Ciencias da Vida e da Materia. En total, a entidade destina preto de 130.000 euros a esta investigación galega sobre as modificacións químicas dos ARNs asociadas á lonxevidade. “Aínda que en estudos recentes a regulación destas marcas químicas reversibles veu relacionándose coa idade noutros organismos, debido á súa complexidade, en mamíferos non se coñece con exactitude o papel que xogan. E é aquí onde se nos abre un horizonte prometedor cara a novas terapias”, asegura Diana Guallar.

Reescribir o ARN

Os ARNs modifícanse quimicamente (epitranscriptomicamente) en todos os organismos, dende os fermentos ata os humanos, e estas modificacións poden afectar a todas as etapas do metabolismo do ARN, dende a súa estabilidade ata a súa localización ou potencial de codificación de proteínas. Demostrouse que estas marcas desempeñan funcións chave no desenvolvemento embrionario, a adaptación ao estrés e as respostas inmunitarias innatas, entre outras. De feito, as modificacións de ARN están máis preto das nosas vidas do que podemos imaxinar, xa que un aspecto clave das vacinas de ARNm contra a COVID-19 foi a modificación química N1-metilpseudouridina (m1Ψ) nestes ARNs para aumentar a súa eficacia.

Debido ao continuo aumento da esperanza de vida nas sociedades occidentais, o envellecemento converteuse no maior factor de risco para a maioría das enfermidades humanas, como os trastornos cardiovasculares e metabólicos, o cancro e os procesos neurodexenerativos.

A pesar de que a regulación epitranscriptómica está a empezar a ser asociada coa lonxevidade e o envellecemento en vermes e fermentos, en mamíferos non se coñece con exactitude o papel que xogan estas modificacións químicas do ARN. Por iso, “o proxecto que levamos a cabo proponse examinar os ARNs cuxas modificacións son alteradas co envellecemento, e explorar a modulación farmacolóxica destas marcas reversibles como unha nova terapia para mellorar a calidade de vida durante o envellecemento”, sostén a investigadora da USC.

Nova era de investigación

Guallar admite que, a pesar da gran cantidade de estudos realizados ata a data sobre o envellecemento, “a súa complexidade intrínseca ten dificultado o desenvolvemento de estratexias clínicas de éxito para contrarrestalo. Dado que a metilación do ARN é reversible, propón levar a cabo a disección da “combinación mínima de moduladores epitranscriptómicos que poderían usarse para reverter as características do envellecemento”. Inmersos nunha nova era de investigación sobre modificacións do ARN, “este proxecto pretende dilucidar novos mecanismos subxacentes ao envellecemento, proporcionando novos biomarcadores e estratexias para abordar esta inevitable consecuencia da vida”, explica.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2023-05-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ãngel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES