Notas de prensa

Un proxecto ensina a escolares a ler as etiquetas dos produtos alimentarios para poder escoller os máis saudables

Desde hai máis de dúas décadas en España, como no resto de Europa, explican as profesoras e investigadoras do campus de Ourense Raquel Rial e Beatriz Cancho, as cifras da obesidade supoñen un serio problema e reto de saúde pública “especialmente grave” na poboación infantil (onde afecta a 4 de cada 10 nenos e nenas) e na poboación adolescente (afecta a 3 de cada 10).

Neste contexto, veñen de desenvolver un proxecto de aprendizaxe-servizo no que alumnado do Grao en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos da Facultade de Ciencias da UVigo explicou a escolares de Educación Primaria como ler as etiquetas dos produtos alimentarios para poder escoller os máis saudables.

Unha boa práctica alimentaria

A obesidade, comentan Raquel Rial e Beatriz Cancho, dificulta o crecemento saudable debido ás súas importantes consecuencias físicas, mentais e sociais para a súa saúde, que poden afectar tanto na infancia como na adolescencia e idade adulta. Segundo explican, no Plan Estratéxico Nacional para a Redución da Obesidade Infantil (2022-2030) apóstase por promover contornas máis saudables, con especial foco na contorna escolar. “Os centros educativos deberían ser centros promotores de saúde, xerando un ecosistema social promotor dunha alimentación saudable e creando un cambio cultural cara estilos de vida saudables”, afirman. A infancia e a adolescencia, engaden “representan, sen dúbida, unha xanela de oportunidades xa que é cando se aprenden e configuran os hábitos alimentarios e estilos de vida que persistirán en etapas posteriores da vida”.

As responsables do proxecto sinalan neste marco de consideración que unha boa práctica alimentaria é ler e entender toda a información recollida na etiquetaxe dos alimentos, prestando principalmente atención á listaxe de ingredientes menos saudables (azucres engadidos, graxas saturadas e sal) e como se declaran na información nutricional. “Só así se pode elixir correctamente os alimentos procesados envasados que ofrece a industria alimentaria”, afirman. Tendo en conta todos estes elementos, as profesoras Raquel Rial e Beatriz Cancho, responsables das materias de Bromatoloxía e Políticas Alimentarias de terceiro curso do Grao en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, puxeron en marcha este curso académico o proxecto de aprendizaxe-servizo de innovación docente da UVigo Lendo etiquetas para coidar da miña saúde. “Trátase dunha metodoloxía educativa innovadora que combina procesos de aprendizaxe e de servizo á comunidade. Con esta metodoloxía ofrécese ao alumnado universitario a oportunidade de aprender sendo útiles aos demais e promóvese desta maneira valores e actitudes como a empatía, o compromiso, o civismo e a solidariedade”, subliñan as investigadoras do grupo Food and Health Omics da Universidade de Vigo.

Talleres e xogos

No marco do proxecto seis alumnas e alumnos universitarios das citadas materias, con coñecementos en composición de alimentos e en etiquetaxes alimentarias, achegáronse este mes ao Colexio Divina Pastora de Ourense para ensinar a escolares de 2º, 4º e 6º de Educación Primaria a ler e comprender a información da etiquetaxe nutricional. Para apoiar esta actividade, deseñáronse trípticos, onde se recollen recomendacións alimentarias para unha vida saudable, e xogos e pequenos talleres prácticos que se impartiron nas aulas do colexio para concienciar do elevado consumo de azucres engadidos, graxas saturadas, sal e estimulantes (cafeína, taurina, ginseng, etc) nas bebidas enerxéticas.

Agradecendo a colaboración do centro e do seu profesorado, as responsables da iniciativa indican que as e os escolares de Primaria contaban “cunha boa formación en alimentación saudable, mostrando grande interese nos talleres”. Neles realizaron actividades como pesar as cantidades de azucres engadidos e graxas saturadas en doces e produtos de repostaría e pastelería industrial para interiorizar que moitos deles exceden as cantidades establecidas como inxestas diarias recomendadas. As e os escolares de maior idade tamén calcularon as cuncas de café que conteñen as bebidas estimulantes, cuxo consumo se dispara a partir desta idade, valorando os efectos negativos que xera o consumo elevado de estimulantes (taquicardia, desconcentración, falta de sono, etc). As e os rapaces aprenderon a localizar os ingredientes menos saudables nas etiquetas e as súas cantidades. Neste punto, desde a organización da actividadade poñen en valor o bo traballo realizado polo alumnado universitario participante nas sesións levadas a cabo.

“A experiencia foi moi enriquecedora para todos, tanto é así que o colexio Divina Pastora de Ourense xa manifestou o seu interese en volver repetir esta experiencia de cara ao próximo curso académico”, sinalan as profesoras, que apuntan a idea de darlle continuidade ao proxecto abríndoo a máis centros educativos. A iniciativa, indica, alén de beneficiar ás e aos participantes “pode indirectamente fomentar hábitos saudables nas súas contornas familiares”.

Universidade de Vigo, 2023-05-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ãngel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES