Notas de prensa

Un seminario internacional abordará en Ourense o mantemento e a recuperación do emprego no novo paradigma produtivo

A Facultade de Dereito do campus de Ourense acollerá os días 15 e 16 de xuño un seminario internacional centrado no mantemento e recuperación do emprego no que se dedicará especial atención aos colectivos de atención prioritaria neste eido por razón de xénero, idade ou diversidade funcional.

Nel abordarase, desde un punto de vista principalmente xurídico pero tamén desde disciplinas como a económica, a análise crítica das políticas de empregabilidade no contexto de implantación dun novo paradigma de sistema produtivo e económico marcado polo dixital.

O comité organizador deste Seminario Internacional Mantemento e recuperación do emprego. Colectivos de atención prioritaria está formado por Jaime Cabeza e Marta Fernández, respectivamente catedrático e profesora do Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Vigo. O comité científico fórmao Gilles Auzero, da Université de Bordeaux; Lara Lazzeroni, da Università di Siena; Achim Seifert, da Friedrich-Schiller-Universität Jena, e M.ª Belén Fernández e Francisca Fernández Prol, da UVigo. A iniciativa é o primeiro dos seminarios científicos que se desenvolven no marco do proxecto da convocatoria Generación de Conocimiento Adaptación e mantemento do emprego no novo ecosistema produtivo, financiado pola Agencia Estatal de Investigación e o Ministerio de Ciencia e Innovación. Este proxecto, que ten como investigadores principais aos propios Jaime Cabeza e Marta Fernández, está integrado por profesorado do Dereito do Traballo e da Seguridade Social, Economía Aplicada e Organización de Empresas, na súa maior parte da Universidade de Vigo.

Segundo explican desde a organización da actividade, a aprobación da Lei 3/2023, de 28 de febreiro, de Emprego, conforma “un novo marco normativo que pretende impulsar as políticas de activación e mantemento do emprego e dotar ao sistema das ferramentas axeitadas para mellorar a empregabilidade das persoas demandantes de emprego durante situacións de tránsito, desemprego ou cesamento de actividade”. O seminario proposto, detallan, focalízase “na análise crítica das políticas públicas e público-privadas de activación e nas expectativas da nova lei, a través do máis novo concepto de empregabilidade (que pasa a constituír un elemento central da política de emprego) e dos demais mecanismos de activación do emprego”.

Reducir as fendas sociais, territoriais, dixitais e de xénero

O seminario está estreitamente conectado con varios dos obxectivos do propio proxecto e así pretende “analizar o alcance do concepto de empregabilidade na nova lei, tendo en conta as necesidades dunha novo paradigma de sistema produtivo, caracterizado pola transición cara a unha economía dixital, sostible, xusta e competitiva, que debe integrar a perspectiva de xénero e facilitar a inclusión de colectivos singularmente vulnerables por razón de idade ou diversidade funcional”. Esta cita internacional tamén centrará a súa atención na intermediación laboral, a ordenación de accións formativas e de reciclaxe profesional e noutros mecanismos de mantemento e recuperación do emprego, que pretenden reducir as fendas sociais, territoriais, dixitais e de xénero. Precisamente, en relación cos colectivos prioritarios, preténdese examinar o impacto da nova lei no acceso e mantemento do emprego en relación cos traballadores de máis idade, as mulleres e as persoas con diversidade funcional.

A programación contará cunha análise do dereito interno, a través da citada Lei 3/2023, que correrá a cargo de especialistas de referencia. Igualmente, incorpora un panel de especialistas internacionais, algúns deles membros do equipo de traballo do proxecto no que xorde este seminario, que achegarán unha visión de dereito comparado que permitirá coñecer as políticas activas de mantemento e recuperación do emprego de países da contorna, tamén en relación con colectivos prioritarios, así como as súas boas prácticas e mecanismos efectivos de inserción o reciclaxe. Entre as persoas convidadas estarán os catedráticos de Dereito do Traballo e da Seguridade Social María Emilia Casas (da Universidad Complutense de Madrid e expresidenta do Tribunal Constitucional), Eduardo Rojo (Universitat Autònoma de Barcelona) e Gloria Rojas (Universidad de La Laguna). Entre os membros do proxecto que participarán estarán Philippe Martin (de Comptrasec), Belén Cardona (Universitat de Valencia) e os coordinadores da cita. Complementará a análise de experiencias comparadas Giulia Bandelloni, da Università di Genova. Haberá tamén comunicacións a cargo de membros do proxecto nas que o estudo xurídico complementarase cunha perspectiva económico-empresarial e de organización de empresas. A clausura do seminario correrá a cargo de Joaquín Pérez, secretario de Estado de Empleo y Economía Social e profesor da Universidad de Castilla-La Mancha.

Por tratarse dun seminario científico, a cita está dirixida fundamentalmente a persoal investigador dos ámbitos xurídico e económico, a interlocutores sociais e a técnicos e profesionais, en especial das administracións públicas competentes en materia de emprego e de entidades do ámbito privado que poidan tamén actuar no ámbito da intermediación, a formación e o emprego.

Universidade de Vigo, 2023-05-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ãngel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES