Notas de prensa

A banda deseñada reivindícase como arte en Pontevedra

As obras de dez antigos alumnos da Facultade de Belas Artes, que hoxe son profesionais da banda deseñada e da ilustración, reúnense na Sala Manuel Moldes, que acolle a exposición '9 narrativas gráficas e unha animación desesperada'. Comisariada polo autor e editor de cómics Kiko da Silva, esta mostra permite achegarse ao traballo de Brais Rodríguez, Jano, José Domingo, Julia Lago, Martín Romero, Miguel Cuba, Miguel Porto e Miguel Iglesias, así como do propio comisario.

A exposición, que poderá visitarse ata o 29 de xuño e que conta coa colaboración do Concello de Pontevedra, presenta tamén unha animación e unha serie de bocexos que o tamén exalumno e gañador de catro premios Goya Alberto Vázquez realizou para o seu filme de animación Psiconautas.

“Que, por primeira vez, teñamos a sorte de traer banda deseñada á facultade creo que non é simplemente un feito momentáneo, creo que é un cambio”, salientou Da Silva neste acto, no que lembrou que ao cómic “custoulle moito ser recoñecido dentro do que é o ámbito artístico”. De aí que definise como un “acto de xustiza” a idea do novo coordinador da sala, Ignacio Pérez-Jofre, de dedicar unha exposición a creadores de banda deseñada formados na facultade. A través das obras dunha serie de artistas de diferentes xeracións, a exposición achega “unha pequena pincelada” do que representa na actualidade o panorama da banda deseñada en Galicia. Neste punto, Da Silva incidiu en como a ausencia dunha industria do cómic na comunidade e a formación en Belas Artes de boa parte dos seus profesionais contribúen a que na banda deseñada galega convivan “gran cantidade de estéticas e de procesos creativos”, reflectidos tamén nesta exposición.

Xunto ao comisario e o responsable da sala, este acto inaugural contou coa participación da vicerreitora do campus, Eva María Lantarón; a concelleira de Cultura, Carmen Fouces; o decano de Belas Artes, Xosé Manuel Buxán, e o director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres. Na súa intervención, a vicerreitora puxo o foco na importancia que teñen para a Universidade actos como esta mostra, que supoñen un “recoñecemento aos nosos alumni”, que poden servir “como referente para as novas xeracións”, á vez que destacou o papel que xoga a facultade á hora de achegar innovación e creatividade ao campus.

Nova etapa na sala

Previamente, Buxán sinalou que a apertura desta exposición supón tamén “a inauguración dunha nova etapa” na Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes, con Pérez-Jofre, que recentemente asumía o vicedecanato de Cultura, como novo responsable. De feito, lembrou o decano, a facultade traballa actualmente na elaboración dun catálogo que faga balance das exposicións realizadas ao longo dos últimos tres anos, baixo a coordinación da profesora Chelo Matesanz. “O único que estou facendo é prolongar algo que xa se viña realizando desde moitos anos atrás”, sinalou nese senso Pérez-Jofre, que incidiu en que o seu obxectivo é tratar de continuar un traballo que permitiu situar a Sala Manuel Moldes como “un referente” da arte contemporánea en Galicia. Ese labor, engadiu o novo coordinador, implica o traballo con “tres liñas simultáneas”, representadas, lembrou, nesta exposición. Non en van, esta mostra responde á idea de dar visibilidade “ao traballo producido na facultade, tanto por docentes e investigadores, como por alumnos, egresados e egresadas”. Pero tamén, engadiu, permite “ter unha mirada no contexto cultural” tanto da cidade como de Galicia, á vez que responde ao propósito de levar a este espazo obras de artistas que “poden ser un estímulo para o noso proceso de investigación e creación”.

Universidade de Vigo, 2023-05-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ãngel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES