Notas de prensa

A II edición dos Premios ETIV-UVigo á localización de videoxogos converterá este venres a Vigo na capital do sector

“Un encontro especial no que se recoñecerá o traballo e o talento dos profesionais dedicados á localización dos videoxogos”. Así será segundo os seus impulsores a cerimonia de entrega de galardóns da II edición dos Premios ETIV-UVigo á localización de videoxogos, un acto que, por segundo ano consecutivo, volverá converter a Vigo en capital da industria do entretemento dixital.

Será o venres ás 17.00 horas no edificio Redeiras, coa asistencia, entre outras autoridades, do reitor, Manuel Reigosa; o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, José Montero.

Entregaranse galardóns en sete categorías: mellor localización de videoxogo sen dobraxe, mellor localización de videoxogo con dobraxe, videoxogo máis accesible e mellor localización de videxogo en galego, catalán e éuscaro. “Cada ano entran a concurso todos os videoxogos lanzados durante o ano natural anterior, neste caso o 2022. Primeiro faise unha fase de votación pública na que a xente pode votar os seus traballos favoritos. De aí saen dez nominados por categoría que, na segunda fase, un xurado composto por alumnado do ETIV reduce a tres finalistas”, explica Emmanuel Bourgoin, codirector, xunto con Óscar Ferreiro, Ramón Méndez e José Yuste do Título propio de Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo, ETIV, e equipo impulsor destes premios. Por último, un xurado profesional composto por docentes universitarios e xornalistas de prensa especializada, escolle aos traballos gañadores en cada unha das categorías. “É un proceso claro e xusto, con moito traballo e cariño par parte das persoas involucradas”, explica Ramón Méndez, ao que engade que na fase pública recibíronse centos de votos, “o que demostra o interese que hai por este ámbito”.

21 traballos finalistas

Xa son públicos os 21 traballos finalistas, 21 propostas de entre as que sairán as sete propostas gañadoras que se darán a coñecer nesta gala final. “O xurado das tres categorías principais xa nos comentaron que este ano o nivel de todas as producións é moi elevado e que calquera dos finalistas podería levar o galardón”, recalca Méndez.

Na categoría de mellor localización de xogo con dobraxe os finalistas son: Horizon Forbidden West, Tiny Tina's Wonderlands e Marvel's Midnight Suns; en xogo sen dobraxe o galardón final disputarase entre Pokémon escarlata e Pokémon púrpura, Elden Ring e Return to Monkey Island. No caso do mellor xogo indie, é dicir, xogos de estudos de desenvolvemento medianos ou pequenos, o xurado decidirá entre Cuphead: The Delicious Last Course, Eastward e Cult of the Lamb. En xogo máis accesible os finalistas son God of War, The last of us (parte 1) e As Dusk Falls.

Os premios ETIV-UVigo recoñecen tamén aos mellores videoxogos en cada unha das linguas propias das comunidades históricas. No caso do galego o xurado elixirá entre Grand Prix Turbotalina, desenvolto por Caramelo Videoxogos, ambientado no Gran Premio das Carrilanas de Esteiro; Barista: Take Away, do estudio galego Digital Monster Collective e no que se pon a proba a habilidade do xogador ou xogadora e a súa rapidez para preparar cafés personalizados e perfectos e Avani, desenvolto por DigiPen Institute of Technology, un xogo de acción e aventura que compite nas tres categorías idiomáticas dos premios -catalán, éuscaro e galego-.

En mellor xogo en catalán a disputa será entre Avani, Veggie Menace e Han’Yo, desenvoltos todos por DigiPen Institute of Technology. No caso do éuscaro o xurado decidirá entre Sus lágrimas eran mi luz, Veggie Menace e Avani.

“Promete ser unha tarde chea de emoción”

“Promete ser unha tarde chea de emoción, recoñecemento e celebración para os profesionais e entusiastas da localización de videoxogos”, subliña o profesor José Yuste, quen fai fincapé en que agardan que esta segunda gala sexa todo un éxito, como o foi tamén a primeira. “Cabe destacar a participación de Iago Gordillo, Aída Escudero e Arturo Pérez, alumnado do ETIV, con vídeos musicais da súa propia creación artística que serán os encargados de amenizar a cerimonia en diferentes intres”, explica o docente.

O formato da gala será similar a do ano pasado. Tal e como explica Óscar Ferreioro, nun primeiro momento terán a palabra as autoridades e, posteriormente, será o alumnado das diversas promoción do ETIV os que abran os sobres coas propostas gañadoras. “Ao longo da gala tamén teremos algunha que outra actuación musical e, por suposto, aos gañadores e gañadoras dos premios recollendo os galardóns”. Pola súa banda, José Yuste engade que xa iniciaron conversacións coa Vicerreitoría de Investigación para que na edición de 2024 se inclúa un Premio ao mellor traballo de investigación en localización de videoxogos.

Universidade de Vigo, 2023-05-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (medio-ambiente.jpg) Os apoios, que poden chegar aos 3 millóns de euros por proxecto, son de ata o 45% do investimento subvencionable no caso dos proxectos de grandes empresas, mentres que no caso das pemes serán do 45% ou do 55% en función da porcentaxe de redución de emisións xustificada. Con estas axudas que xestiona o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) búscase incentivar a transformación ecolóxica da actividade industrial de cara a unha economía baixa en carbono e a súa competitividade nun mercado global, diminuíndo o consumo de enerxía e promovendo a introdución da mellor tecnoloxía dispoñible. Ao mesmo tempo, estas axudas que se enmarcan na Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 e na Axenda Enerxética de Galicia 2030 contribúen a reactivar e dinamizar a economía da provincia tras o peche das centrais térmicas.
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

Achegar á cidadanía o traballo do persoal investigador da Universidade e os beneficios dos seus estudos para o avance da sociedade, así como contribuír ao fomento de vocacións científicas. Estes son os obxectivos da expo-feira A ciencia que vén, que a UVigo organizará por primeira vez en Pontevedra o 31 de maio. A praza da Ferraría acollerá 14 carpas nas que grupos de investigación ofrecerán unha serie de obradoiros e actividades, dirixidas a un público familiar, que permitirán achegarse dun xeito lúdico e divertido ás aplicacións dos seus traballos en múltiples ámbitos.
A UDC inaugurou na Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas, o Congreso Internacional Emerging Trends in Applied Mathematics and Mechanics 2024. No programa figuran charlas de temas de especial interese e máxima actualidade como o derretemento das capas de xeo, que aborda un dos problemas ambientais máis críticos do noso tempo, vital para prever e mitigar os impactos do cambio climático.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES