Notas de prensa

Vigo acollerá en xuño o principal encontro nacional de investigación en ciberseguridade

As VIII Jornadas Nacionales de Investigación en Ciberseguridad, JNIC, principal referencia en xeración de coñecemento e innovación de ciberseguridade a nivel estatal, celebraranse este ano en Vigo. Serán do 21 ao 23 de xuño organizadas polo Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, e o centro tecnolóxico Gradiant, co apoio do Instituto Nacional de Ciberseguridade, Incibe.

Trátase da primeira vez que este encontro se celebra en Galicia desde a súa posta en marcha no 2015, tras o seu paso por León, Granada, Madrid, San Sebastián, Cáceres e Bilbao. Pensadas para o intercambio de coñecemento e experiencias no ámbito da ciberseguridade entre académicos, investigadores e empresas, as xornadas centraranse nesta ocasión en tres eixes: investigación, transferencia e formación en ciberseguridade.

Máis de 70 proxectos sobre ciberseguridade con selo vigués

“A ciberseguridade constituiuse como unha das sinais de identidade de atlanTTic desde a súa fundación no 2010”, afirma o director de atlanTTic, Martín Llamas Nistal, quen explica que desde este centro de investigación se teñen desenvolvido 27 proxectos, oito deles europeos, neste ámbito, “ademais transferiuse o coñecemento xerado ao tecido económico, impulsando a súa competitividade e levado con éxito os seus resultados ao mercado, posicionándose como referentes internacionais nas últimas tecnoloxías en ciberseguridade”.

No caso de Gradiant, o seu director, Luis Pérez-Freire, fai fincapé en que nos últimos anos desenvolveron máis de 45 proxectos no ámbito da ciberseguridade. “Hoxe 30 dos nosos 160 profesionais están dedicados a xerar innovacións e solucións de ciberseguridade. Para nós organizar estas xornadas é un impulso para seguir medrando neste ámbito”, afirma Pérez-Freire.

Poranse en valor os mellores retos prácticos sobre ciberseguridade

Desde o seu lanzamento, este encontro consolidouse como o foro científico-técnico para a presentación das principais contribucións no ámbito da ciberseguridade. Nesta edición, ademais da valoración dos traballos de investigación máis destacados, púxose en marcha unha iniciativa para poñer en valor os mellores retos en ciberseguridade desde un punto de vista práctico. O envío de artigos para valoración pode facerse ata o día 31 de marzo e ata o 31 de abril en caso dos retos. Por outra banda, as persoas interesadas en inscribirse poderán facelo a partir do 10 de abril.

Ademais do apoio do Instituto Nacional de Ciberseguridade, a organización das xornadas conta tamén coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, o Nodo Galego de Ciberseguridade Ciber.gal, a Rede de Excelencia Nacional de Investigación en Ciberseguridade (RENIC), Optar Solutions, ViewNext e a Cátedra R en Ciberseguridade

Universidade de Vigo, 2023-03-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ãngel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES