Notas de prensa

Nace, con sede no CIM-UVigo, a Sociedad Española de Criobiología

Con sede no Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo e coa científica Estefanía Paredes como presidenta fundacional, nace a Sociedad Española de Criobiología (SECrio). Esta entidade pretende agrupar unha ampla diversidade de profesionais con intereses neste ámbito de coñecemento que estuda os efectos das baixas temperaturas en materiais ou sistemas biolóxicos.

Detrás do nacemento desta nova sociedade está un grupo de investigadores da Universidade de Vigo, Universitat Autònoma de Barcelona, Universitat de València, Universitat Politècnica de València, Universidad de Sevilla, Consejo Superior de Investigaciones Científicas, Instituto Valenciano de Investigaciones Agrarias e a empresa Overture Life. O obxectivo é que se converta nun foro de intercambio de coñecementos entre profesionais e estudantes de diversas áreas científicas, tecnolóxicas e industriais que estudan os sistemas biolóxicos a baixa temperatura ou empregan as técnicas de criobioloxía para o seu traballo. Estes intercambios e colaboracións entre expertos repercutirá tamén, explican dende a sociedade, “no aumento do coñecemento fundamental e o desenvolvemento aplicado da criobioloxía no noso país”.

A xuntanza fundacional tivo lugar este mes e nela nomeáronse os membros da directiva, que estará coordinada pola investigadora do CIM-UVigo Estefanía Paredes. A científica explica que “o nacemento desta sociedade é algo que persoalmente levaba xestándose na miña cabeza un tempo, era algo que tiña comentado con outros investigadores que era necesario desenvolver”. Finalmente, o ano pasado no marco do congreso da Society for Cryobiology, os investigadores españois participantes concretaron nunha xuntanza “os beneficios científicos de formar unha sociedade española e decidiron que me apoiarían se me lanzaba a dar os primeiros pasos, e así foi”. Sobre o equipo directivo, Paredes recalca que se trata dun “grupo fantástico de científicos con moita experiencia nacional e internacional”, sen cuxa disposición “non estaría hoxe aquí. Despois de tanto tempo, ver a Sociedade Española de Criobiología ser unha realidade é moi satisfactorio”.

Sede no CIM-UVigo

Esta sociedade nace intimamente ligada á Universidade de Vigo, xa que ademais de recaer a dirección en Estefanía Paredes, a súa sede estará no CIM-UVigo, concretamente nas instalacións da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, Ecimat. “Xa somos internacionalmente coñecidos coma autoridade de coñecemento en criobioloxía aplicada a organismos mariños”, recoñece Paredes, pero que a sede estea aquí “é moi positivo para a visualización do CIM a nivel nacional, para a atracción de talento para colaboracións e para facilitar o acceso a financiación”. Ademais, engade, o centro da Universidade de Vigo será “o nodo central para comunicación e interacción dos membros da sociedade e isto sempre enriquece a comunidade científica. Penso que vai ser moi positivo”.

Unha vez culminado o proceso de creación da sociedade e coa vista posta no curto e medio prazo, os seus impulsores agardan que esta entidade sirva para “crear comunidade, facilitar o contacto entre científicos e fomentar a posibilidade de colaboracións; vemos a sociedade coma unha plataforma que vai permitir a diferentes científicos cun interese común compartir os seus resultados, discutir retos e identificar novas oportunidades de investigación. Unha nova sociedade científica pode achegar a investigadores de diferentes disciplinas e facilitar a colaboración interdisciplinar e innovadora”. Ademais, explican, “queremos dar soporte aos investigadores novos de construír a súa rede de colaboradores, facilitar estancias ou publicitar emprego especializado. Finalmente, a sociedade tamén ten coma obxectivo visibilizar o noso traballo e a súa utilidade para a sociedade”.

Que é a criobioloxía?

Dentro do ámbito da criobioloxía inclúense tanto os estudos de sistemas sometidos a calquera temperatura entre 0 °C e o cero absoluto (-273,15ºC) como aqueles que se atopan por debaixo do seu rango fisiolóxico, dende a hipotermia moderada ata condicións de hibernación.

En criobioloxía realízanse estudos básicos de procesos biolóxicos ou fisicoquímicos asociados ás baixas temperaturas que contribúen á xeración de coñecemento, así como o desenvolvemento de aplicacións prácticas que contribúen á investigación e o desenvolvemento. Ademais, explican dende SECrio, existen técnicas criobiolóxicas como a criopreservación que son moi empregadas para a conservación de diversos materiais biolóxicos como espermatozoides, óvulos, embrións, sementes, esporas, bacterias, proteínas, etc. por períodos de tempo moi prolongados. Porén, dende a sociedade recalcan que exclúen do concepto de criobioloxía e do seu alcance “a crioxenia humana no sentido da crioconservación de seres humanos e animais despois do seu falecemento coa esperanza da súa resurrección futura”.

Universidade de Vigo, 2023-03-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ángel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES