Notas de prensa

A idade, un factor de vulnerabilidade nas relacións laborais

Cumprida unha certa idade, e dados os estereotipos negativos asociados a ela, a ou o traballador 'maduro', explica a xurista Ana María Martín, 'enfróntase á modulación ou degradación de certas condicións laborais' que incluso poden conducir á perda do emprego. Xa no paro, engade, 'a idade eríxese no obstáculo, en non poucas ocasións insalvable, para a súa reinserción, o que deriva en desemprego de longa duración a unha idade tardía, xerando vulnerabilidade económica e, en ocasións, pobreza'.

Este impacto individual deriva no plano colectivo “nun gran reto social e económico: as elevadas taxas de paro en determinadas cohortes de idade, sinaladamente maiores de 55 anos, e o impacto negativo no sistema de Seguridade Social, fortemente lastrado pola expulsión prematura destas persoas da vida laboral activa”. Tendo en conta esta situación, na súa tese de doutoramento, esta investigadora analizou a idade como un factor de vulnerabilidade nas relacións laborais.

A tese, realizada no Programa de Doutoramento Ordenación Xurídica do Mercado, tivo como directoras ás profesoras da Facultade de Dereito do campus de Ourense, onde foi defendida, Marta Fernández Prieto e Francisca Fernández Prol e foi realizada cun contrato predoutoral FPU15 na Ãrea de Dereito do Traballo e da Seguridade Social e no Grupo de Investigación Dereito Mercantil e do Traballo da UVigo. “O dereito á igualdade e non discriminación é consubstancial ao dereito do traballo. Con todo, tal dereito fundamental non sempre resulta garantido. Por iso, este traballo pretende abordar, desde unha perspectiva holística, a vulnerabilidade padecida polas e polos traballadores maduros no mercado laboral e no ámbito do contrato de traballo”, comenta a xa doutora, aclarando que nos textos legais e programáticos en materia de emprego considérase traballador maior a aquel que ten cumprido 45 anos. O estudo realizado, indica a súa autora, é fundamentalmente de carácter xurídico-laboral e para o seu desenvolvemento procedeuse, entre outros aspectos, á análise das normas que nos ámbitos internacional, europeo e interno abordan o status xurídico laboral das persoas traballadoras maduras.

Colectivo con especiais dificultades

Froito da análise realizada, Ana María Martín conclúe que as e os “traballadores de idade madura conforman un colectivo con especiais dificultades de inserción laboral, e mesmo, xa empregados, para manter a súa actividade profesional”. Segundo explica a egresada da Facultade de Dereito ourensá, “estas persoas a miúdo ven dificultado o seu dereito ao traballo ou limitado o seu exercicio, revelándose a idade como a causa dunha posible exclusión do mercado de traballo, o que os converte en vulnerables desde o punto de vista da tutela do dereito constitucional ao traballo”. O carácter transversal da idade, engade, “propicia a súa xustaposición con outros factores discriminatorios” e neste senso indica que “merecen especial atención as mulleres maduras, pois nelas concorren, ademais da idade, o sexo feminino: dúas causas de discriminación poden orixinar situacións de discriminación múltiple”.

As políticas activas para o emprego destes traballadores e traballadoras, afirma Ana María Martín, “deben tratar de asegurar a súa permanencia no mesmo” sinalando que “en concreto, por unha banda, hai que proporcionarlles a formación necesaria que lles capacite para afrontar os cambios tecnolóxicos e do mercado de traballo, e, por outro, deben promoverse novas prácticas empresariais que xestionen a maior idade”. Para iso, recalca, “é imprescindible o compromiso dos interlocutores sociais para acordar as medidas que garantan a flexibilidade na organización do traballo ou a formación continua para a recualificación profesional”. Ademais, para combater o desemprego, “as políticas pasivas de emprego non deben basearse exclusivamente en garantir unha renda substitutoria, senón que deben de combinarse con políticas activas enfocadas á reinserción”, engade. Polo que se refire ao Sistema Estatal de Emprego, a investigadora comenta que as distintas estruturas administrativas que o conforman deben coordinarse para impulsar as accións que contribúan a eliminar a discriminación por estereotipos e a reducir a fenda dixital xeracional. “Podería resultar positivo estender o contrato de formación en alternancia, regulado polo art. 11 do Estatuto, a traballadoras e traballadores maduros desactualizados ou con escaso nivel de formación”, afirma.

Ao longo da tese abórdanse numerosos aspectos de dereito positivo que, indica autora “debe garantir que, ante determinados riscos derivados da maior idade, as e os traballadores poidan realizar a súa prestación de maneira saudable, favorecendo, deste xeito, a continuación da vida laboral activa”. En materia de prevención, recolle o estudo entre as súas conclusións, o carácter aberto do art. 25 da Lei de Prevención de Riscos Laborais permite albergar como “traballadores especialmente sensibles a determinados riscos a aqueles de maior idade que puidesen requirir de atención específica preventiva fronte aos riscos derivados do traballo”. Ademais, engádese no documento, “cabería incorporar ás e aos traballadores maduros á lista de excepcións subxectivas á obrigación de realizar horas extraordinarias”. Desde unha perspectiva metodolóxica, comenta Ana María Martín, “o convenio colectivo, pola súa flexibilidade, conforma o instrumento adecuado para instaurar este tipo de medidas”.

Igualmente, no estudo realizado afóndase en que a discriminación por razón da idade do traballador ou traballadora ás veces “maniféstase con condutas de acoso laboral que, non sempre son fáciles de demostrar” e que a “suposta voluntariedade dos acordos de prexubilación, en ocasións, poderían cualificarse como perversos despedimentos indirectos”. Finalmente, na tese analízase a xubilación desde dúas diferentes ópticas: a do envellecemento activo e a da suficiencia, dignidade e sustentabilidade das pensións. “É necesario abordar as políticas que contribúen a garantir a suficiencia económica dos cidadáns na terceira idade e a dignidade das pensións, cuxa garantía é un mandato constitucional irrenunciable”, sinala por último a xurista.

Universidade de Vigo, 2023-01-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (camino-cunchas.jpg) O Camiño de Santiago bateu un novo récord ao recibir ao peregrino número 100.000 antes que calquera outro ano, que adoita ser a principios de xuño. A homenaxe recaeu en Milagros, unha muller de 60 anos e procedente de Florida, que percorreu o Camiño Portugués da Costa co seu marido. Esta cifra enmárcase dentro da boa tendencia desta ruta de peregrinación, que en 2023 xa bateu os rexistros históricos a pesar de non ser Ano Santo. Cómpre destacar que esta ruta de peregrinación está cada vez máis desestacionalizada e diversificada. De esta maneira, a afluencia de peregrinos segue medrando fóra de tempada alta; e que cada vez hai un reparto máis equilibrado de camiñantes entre as distintas rutas. Así, se en 2004 o resto de rutas que non eran o Camiño Francés representaban só o 24% dos peregrinos, agora esa cifra incrementouse ata o 53%.
Foto de la tercera plana (videnda-igvs-02.jpg) A Xunta de Galicia vén apostando durante os últimos anos pola rehabilitación de inmobles residenciais, ofrecendo medidas directas para reforzar o parque público de vivendas, pero tamén concedendo diversas axudas económicas, tanto a particulares como a comunidades de veciños e entidades promotoras. Dentro destas liñas de actuación, en abril de 2019 aprobouse a que foi a primeira Lei de rehabilitación e rexeneración e renovación urbanas de Galicia, que promovía a recuperación e rehabilitación do patrimonio xa construído.

Notas

A resolución de problemas asociados á alta xeración de residuos agrícolas e forestais, que se acumulan cada vez en maior medida debido ao abandono do medio rural e que causan unha gran cantidade de incendios. Con este obxectivo lanzouse na Facultade de Ciencias do campus de Ourense o proxecto europeo Valorización integral de residuos agroforestais: novas biorrefinerías multiproduto escalables (Newpower). Liderado desde a Universidade de Vigo e cun orzamento total de 1,3 millóns de euros, aúna once socios de Portugal, Francia e España.
A Xornada Power Up Videoxogos Aplicados e Persuasivos, organizada polo Campus Industrial da Universidade da Coruña xunto coa Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, a través do Máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, amosou múltiples aplicacións que se abren co uso dos videoxogos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES