Noticias

  • As exportacións galegas acadaron nos primeiros once meses do pasado ano un volume total de vendas de 20.369 millóns de euros. As vendas ao exterior en novembro de 2019 subiron 6,6% con respecto ao mesmo mes de 2018, acadando un volume total de 2.110 millóns de euros. Galicia situouse así como a terceira comunidade na que máis medraron as vendas, despois das Illas Baleares e do País Vasco. De continuar esta tendencia, en 2019 o total das vendas no exterior superará por terceiro ano consecutivo os 21.000 millóns de euros, cifra que se acadou por vez primeira en 2017.
  • O comercio electrónico creceu en Galicia no último ano en todos os tramos empresariais. Tanto as empresas de máis de 10 traballadores como as microempresas realizaron vendas online por riba da media estatal en 2019. Tamén no uso das redes sociais o tecido empresarial galego supera a media do conxunto do Estado. Son datos recollidos no informe A Sociedade da Información nas Empresas de Galicia, correspondente ao ano 2019, publicado hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito Amtega. O estudo analiza a transformación dixital das empresas galegas, un total de 200.972, nas que o 96,3% son microempresas, de 0 a 9 traballadores.
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu esta maña en Vigo, xunto co viceconselleiro de Industria do Goberno vasco, Javier Zarraonandia, e a teniente deputada xeral de Álava e deputada foral de desenvolvemento económico e equilibrio territorial, Mª Pilar García de Salazar, ao encontro de traballo 'Desenvolvemento e fortalecemento do sector do automóbil', organizado por Ceaga para seguir impulsando a transformación dixital no sector da automoción e avanzar no coche autónomo, conectado e eléctrico.
  • A Xunta de Galicia activará nas próximas semanas dez programas que, cun total de preto de 67 millóns de euros, impulsarán a transformación dixital e o modelo da industria 4.0 no tecido empresarial galego. Entre os programas que se poñen en marcha por primeira vez, destaca o proxecto Maquinaria 4.0 que, cunha dotación de 2 millóns de euros, buscará xerar provedores fortes no eido da fabricación de maquinaria e outros bens de equipo que poidan servir ao tecido empresarial galego; e os apoios para o desenvolvemento de centros de fabricación avanzada, que contarán cunha dotación de 16 millóns de euros ata 2022.
  • Ábrese mañá o prazo de solicitude para as catro liñas do programa Galicia Emprega, cuxo obxectivo é favorecer a formación e a contratación de máis de 1100 mulleres, parados de longa duración, mozos e mozas, e persoas discapacitadas ou en risco de exclusión, para impulsar, deste xeito, o traballo nos colectivos con máis dificultades para atopar un emprego. Galicia Emprega conta cun orzamento global de 10,5 millóns de euros para fomentar o traballo na Comunidade. Trátase de favorecer os contratos asociados á posibilidade de mellorar a formación. Inclúe catro liñas de axudas -Emprega Muller, Emprega Persoas con Discapacidade ou en Risco de Exclusión Social, Emprega Parados de Longa Duración e Emprega Xuventude-.
  • O paro baixou no último ano en 3987 persoas, é dicir, un 2,36% menos que en decembro de 2018, o que sitúa á Comunidade como a quinta na que máis descende o desemprego, mellorando a media estatal, que foi de -1,21%. No que respecta ás afiliacións, medran por sexto ano consecutivo (2014-2019) e, ao igual que en 2018, péchase o exercicio por riba do millón de afiliados. A Comunidade Autónoma sitúase a niveis de paro inferiores aos de antes de 2008, sumando xa sete anos de baixadas consecutivas, desde decembro de 2013. Neste tempo a cifra de paro descendeu en máis de 113.000 desempregados, é dicir, 2 de cada 5 parados abandonaron as listas do paro neste período.
  • Entran en vigor as novas rebaixas de impostos incluídas nos Orzamentos Xerais de Galicia para o 2020, que entran hoxe en vigor. As contas deste ano inclúen novas rebaixas no Imposto de Transmisións Patrimoniais (ITP), no Imposto sobre Sucesións e unha novidosa ‘dedución verde’ no IRPF. Desde hoxe, en Galicia aplícase unha rebaixa no imposto pola compra dunha vivenda usada en 3.459 parroquias que teñen a cualificación de zonas pouco poboadas (ZPP) e que representan o 94% do territorio galego. En todas elas, redúcese o ITP do 7% ao 5% no caso de compra de vivenda habitual, e do 10 ao 6% para o resto de compras de vivenda, co obxectivo de fixar poboación no rural.
  • O número de empresas con sede social en Galicia ascende a 247.631, segundo indica o ‘Directorio de empresas e unidades locais’ do ano 2018 publicado hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Isto supón un incremento de 1.973 empresas respecto ao ano anterior, un 0,8% máis. Ao número de empresas con sede social en Galicia súmanse outras 4.359 empresas que teñen actividade na comunidade autónoma pero a súa sede social está fóra de Galicia. Isto significa que o 98,3% das empresas que operan en Galicia teñen a súa sede social nalgunha das catro provincias galegas. Precisamente, o incremento de empresas galegas a 1 de xaneiro de 2018 rexistrouse nas catro provincias.
  • Mulleres Protagonistas é unha iniciativa que, de xeito periódico, reúne a mulleres de distintos sectores -neste caso do mundo do cooperativismo, fundamentalmente no sector agroalimentario e o cultural- co obxectivo de establecer un diálogo aberto. Galicia conta con 1.422 cooperativas, nas que as mulleres representan catro de cada dez persoas socias (o 40,4% do total) nun importante sector que emprega a case 25.000 persoas. Galicia está amosando unha evolución favorable no paro feminino, que cae un 2,49% no último ano, coa cifra de desempregadas máis baixa dun mes de novembro rexistrada. Ademais, 7 de cada 10 asalariadas contan cun contrato indefinido e 8 de cada 10 a tempo completo.
  • Un total de 22 proxectos ou pemes conformarán a primeira selección de incubación de BioIncubatech, a incubadora de alta tecnoloxía da USC para o fomento da innovación e transferencia de biotecnoloxía no ámbito da saúde e as tecnoloxías alimentarias ás micropemes. De xeito practicamente inmediato iranse incorporando ás instalacións do Edificio Emprendia da USC. O proxecto, que conta coa colaboración de Uninova e a Cámara de Comercio de Santiago, está financiado pola Fundación Incyde na súa convocatoria 2018 de ‘Incubadoras de Alta Tecnoloxía para o fomento da Innovación e a transferencia de tecnoloxía a micropemes’ (Fondos FEDER) e cofinanciado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN).