Noticias

  • O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cualificou hoxe de “inaceptable” que Galicia teña o peor presuposto do Estado desde hai 17 anos, cun investimento que baixa un 30% na comunidade, fronte a unha suba do 57% en Cataluña. E aseverou que son igualmente inaceptables as explicacións do Goberno central de que o déficit máis grande de infraestruturas está en Cataluña. Diante desta situación, avanzou que a Xunta instará a presentar nas Cortes as emendas aos PXE “para poñer, como mínimo, o que estaba previsto nas anualidades de 2019, nos presupostos anteriores do ano 2018”.
  • Coa próxima apertura de estes novos recursos a prol da conciliación, Galicia contará con 61 casas niño situadas en distintos concellos de menos de 5000 habitantes. Respecto ao emprazamento das novas unidades, 7 delas se situarán na provincia da Coruña, concretamente nos municipios da Capela, Aranga, Irixoa, Monfero, Santiso, Vilarmaior e Vilasantar. Tres na provincia de Lugo, en O Paramo, Rábade e Triacastela e, as outras cinco restantes, nos concellos de Petín, Sarreaus, Taboadela, Trasmiras e Vilardevós na provincia de Ourense. Non houbo solicitudes por parte dos tres concellos de Pontevedra que podían optar a este recurso.
  • Galicia, Asturias e Castela e León solicitarán ao Goberno central un programa de actuacións e a demanda de financiamento comunitario para transformar o Corredor Atlántico de Mercadorías en sinónimo de competitividade, progreso económico e emprego; para transformar liñas ferroviarias deseñadas no século XIX, nun ferrocarril de mercadorías que lle permita ao Noroeste competir na Europa do século XXI. Unhas actuacións que se cifran nun investimento de preto de 3.000 millóns de euros para optar ao cofinanciamento con fondos europeos.
  • O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, cualificou o novo acordo de concertación social do Emprego Público de Galicia de “histórico”, precisando que non só restitúe dereitos, senón que crea outros novos como a funcionarización do persoal laboral ou a instauración da carreira profesional. “Non estamos a falar só de restituír dereitos que se perderon durante a crise, senón de que crear outros que non existían no momento de bonanza económica, como a posibilidade de funcionarizar aos laborais da comunidade e de establecer unha carreira profesional para todos os funcionarios, o que comporta o incremento de retribucións”, aseverou.
  • As iniciativas están dirixidas á contratación de perceptores da Risga e de desempregados en xeral para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social. Nos dous casos, o prazo de solicitude rematará o próximo 11 de febreiro. Os apoios dirixidos aos concellos galegos para a contratación de perceptores da Renda de Integración Social de Galicia (Risga) inclúen un orzamento de 7,7 millóns de euros para empregar a 700 persoas en situación ou risco de exclusión social. Como novidade para 2019, a duración dos contratos amplíase de 7 a 9 meses.
  • O programa Principio está destinado a impulsar a contratación de persoal mozo e cualificado por parte de empresas e organismos de investigación, para abordar actuacións de investigación, desenvolvemento e innovación. O obxectivo é conseguir que os centros tecnolóxicos poidan incorporar talento e novos investigadores ao seu cadro de persoal, mediante a contratación de 110 persoas durante un período mínimo dun ano, para o que se outorgarán axudas de 10.000 euros por contrato. O desenvolvemento de proxectos de I+D permitiu que Galicia fora en 2017 a segunda Comunidade Autónoma de España onde máis creceu o gasto de I+D no eido empresarial.
  • O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a autorización no Consello da Xunta dun acordo cos sindicatos UGT e CC.OO que cualificou de “histórico” e “moi ambicioso” para a mellora da función pública. A este respecto, Feijóo aseverou que se trata do acordo máis importante acadado no ámbito do emprego público na historia de Galicia. Ábrese así, dixo, unha nova etapa na que o obxectivo será acadar un emprego público de calidade, estable e ben retribuído, que ofreza as mesmas condicións para os profesionais que desempeñen iguais funcións e que recoñeza o esforzo laboral e motive a mellora constante da formación co conseguinte beneficio para a cidadanía.
  • O edificio administrativo do Sergas acolleu as primeiras xuntanzas dos grupos específicos de traballo propostos polo Sergas para adoptar decisións compartidas cos profesionais na reformulación do modelo de atención primaria. Máis de sesenta profesionais, de distintas categorías e de todas as áreas sanitarias, comezaron hoxe a traballar nos distintos grupos co obxectivo de abordar propostas a curto, medio e longo prazo coas que afrontar o reto do envellecemento poboacional e as dificultades para dispoñer de profesionais que afectan ao conxunto do Sistema Nacional de Saúde.
  • A poboación ocupada na pesca extractiva en Galicia aumentou un 7% entre 2015 e 2017, co que a comunidade rompe coa tendencia de perda de emprego no sector rexistrada nos últimos exercicios, especialmente coa crise económica. A comunidade galega pasou de contar con 10.635 profesionais embarcados nas distintas frotas ao remate de 2015 a alcanzar os 11.377 a finais de 2017, co que o sector sumou 742 traballadores neses dous anos. Estes datos de emprego da frota pesqueira galega aparecen recollidos na enquisa Ocupesca, elaborada pola Consellería do Mar cada dous anos e da que acaba de publicarse a súa cuarta edición.
  • O número de fogares galegos que chega con moita dificultade a fin de mes diminuíu 2,69 puntos porcentuais no cuarto trimestre deste ano en relación co trimestre anterior, pasando do 8,56% ao 5,87%, segundo a última Enquisa Conxuntural da Fogares do Instituto Galego de Estatística (IGE). En termos interanuais, nos fogares con dificultades a fin de mes, prodúcese unha diminución de 5,13 puntos, pasando do 45,38% do último trimestre de 2017 ao 40,25% ao peche de 2018. Pola súa parte, neste período, a porcentaxe de fogares que chega con facilidade ou moita facilitade a fin de mes aumenta 6,23 puntos (do 47,64% ao 53,87%), mentres que a porcentaxe dos que chegan con moita dificultade decrece 1,11 puntos (do 6,98% ao 5,87%).