Galicia acada a maior converxencia en renda con España da serie histórica, un 90,9%

Ademais, en termos constantes a variación de volume do PIB de Galicia en 2019 foi do 1,93%, o sexto maior incremento de España tras Navarra (2,83%), Madrid (2,46%), Valencia (2,29%), Murcia (2,25%) e Andalucía (2,14%). Pola contra, outras 11 comunidades rexistraron unha variación interanual do PIB inferior a Galicia, que se situou cinco centésimas por baixo da media española (1,98%) e máis de 4 décimas por riba da media de UE-28 (1,5%). En prezos correntes, o PIB de Galicia medrou o pasado ano un 3,67%, oito centésimas por riba de media española (3,59%) e o quinto maior incremento de España.

Os datos da Contabilidade Rexional publicados hoxe polo INE indican tamén que Galicia é a comunidade autónoma onde máis aumentou o PIB per cápita neste século. De feito, o incremento do PIB per cápita desde o ano 2000 en Galicia é do 93,8%, case 30 puntos máis que a media española, que medrou un 65,5% neste mesmo período.

Tendo en conta a última década, Galicia é a segunda comunidade con maior incremento do PIB per cápita, cun crecemento do 18,2% respecto a 2009. Este aumento só é superado por Extremadura (19,6%) e está por riba da media das comunidades autónomas (14,6%).
R.