A Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal traballa na recuperación post-COVID

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe na reunión do Consello da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT), da Eurorrexión que tivo lugar en Vigo, e na que se aprobaron o Plano de actividades e o orzamento para o ano 2020.

Na súa intervención, Jesús Gamallo fixo balance dos 10 anos de funcionamento da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Gaicia-Norte de Portugal (GNP-AECT) e puxo en valor o seu traballo coma entidade que se ten configurado como o auténtico brazo executor das políticas da Eurorrexión, centrada na promoción das relacións transfronteirizas, na valorización e o fomento da concorrencia do tecido empresarial de Galicia e o norte de Portugal e no aumento da cohesión social.

Entre as decisións acadadas destaca a aprobación do Plan de Traballo da AECT para 2020, cunha nova convocatoria do Programa IACOBUS, para realizar novas estadías de docentes e investigadores galegos e portugueses en Universidades, intitutos politécnicos e centros tecnolóxicos da Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal. No próximo curso darase unha atención especial aos traballos que teñan como finanlidade mellorar o coñecemento e as actuacións para defendérmonos mellor de situacións como a pandemia que estamos a vivir. Ademais, prestarase unha atención especial á cultura da Eurorrexión, con actividades como o premio literario NORTEAR, para xoves escritores, ou as conversas e os intercambios expositivos entre artistas da Eurorrexión.

Os problemas laborais van ser atendidos cunha nova convocatoria dos JOB DAYS da Eurorrexión que nesta ocasión vanse celebrar íntegramente en formato virtual.A reunión do Consello e da Asamblea serviu para presentar dúas novas publicacións da AECT da Eurorrexión: o anuario correspondente a 2019 e un novo libre de "Os bolechas", dedicado desta volta ao patrimonio cultural da Eurorrexión, para achegar aos mais pequenos o coñecemento dos valores culturais do noso territorio.Con ocasión da celebración do décimo aniversario do funcionamento da AECT, decidíuse realizar unha publicación que recolla a evolución da Eurorrexión nestes dez anos.

A xuntanza tamén permitiu darlle un novo pulo ao Plan de Revitalización post-COVID da cooperación de proximidade, no que están a participar todos os axentes da cooperación transfronteiriza. O Plan centrarase en establecer estratexias que preparen á Eurorrexión para afrontar xuntos a nova realidade post-Covid-19, afianzando o seu papel e reforzando a súa visibilidade como “área segura e confiable”.Na mesma liña, outro dos obxectivos do Plan é maximizar os investimentos públicos, actuando conxuntamente para conseguir que os fondos achegados pola Unión Europea presten unha atención especial ás áreas de fronteira, co fin de minimizar o impacto do peche perante a loita contra a pandemia.

Conscientes de que esta crise supuxo un triplo desafío sanitario, económico e social, e constatando as enormes dificultades á cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal que provocou o peche das fronteiras, na reunión do Consello e a Asamblea da GNP-AECT tamén se discutiron os pormenores do futuro Plan de Investimentos Conxuntos, PIC, que pretende maximizar a utilización dos fondos europeos novo marco orzamentario plurianual da Unión Europea 2021-2027 na área da Eurorrexión, algo de particular trascendencia no momento actual. Neste senso, o traballo da AECT da Eurorrexión alinearase coas prioridades actuais da UE no eido dixital, ecolóxico, demográfico e social.
R.