A Xunta axudará a 35.000 autónomos galegos a facer fronte aos seus gastos diarios e os custos cderivados do envio de produtos

O Consello da Xunta ven de dar luz verde ao Cheque Autónomo Seguimos Adiante, un novo programa enmarcado no Plan de reactivación económica de Galicia e consensuado co sector que ten como obxectivo consolidar o emprego neste colectivo e apoialo para facer fronte aos gastos do día a día.

A medida conta cun orzamento de 16M€ e prevese apoiar a un total de 35.000 autónomos financiando o 100%, ata un límite de 1800 euros, do custo de determinados gastos correntes, como loxística e transporte de envíos (ata 3€ por envío); o pago por estar nunha plataforma de e-commerce local; o pago por licenza de uso de software de venda online; promoción en redes sociais; gastos correntes de seguridade motivados pola covid-19, entre os que se encontran os gastos en máscaras, guantes, desinfectante, limpeza, biombos e asesoramento en prevención de riscos laborais; e os gastos de subministracións e telecomunicacións.

Estas axudas prevén anticipos do 100% e cubrirán os gastos realizados desde a declaración do estado de alarma ata o 31 de decembro deste ano. O autónomo beneficiario deberá estar en activo e adquirir o compromiso de manter a actividade e o emprego durante tres meses.Con esta iniciativa preténdese favorecer a consolidación dun emprego autónomo estable e de calidade, xa que a actividade das empresas é vital para a recuperación do emprego e, neste caso, o autoemprego é unha vía eficaz para facilitar a incorporación ou reincorporación ao mercado laboral das persoas desempregadas.

O Cheque Autónomo enmárcase no Plan de reactivación económica de Galicia, onde este colectivo pode acceder a axudas que suman 122 M€. A nova medida tamén está en liña coa Estratexia do Autónomo de Galicia.
R.