VouDeSúperFeirón, unha campaña para animar á cidadanía a consumir produtos agroalimentarios galegos

Nesa liña, tamén se busca recoñecer o importante esforzo que se está a levar a cabo dende o agro galego, no que o complexo agrogandeiro desempeña un papel fundamental para asegurar o abastecemento de alimentos durante o estado de alarma.

Deste xeito, segundo explicou o conselleiro, a intención é animar á cidadanía a mercar nos supermercados sumados á iniciativa as producións que antes compraban nas feiras ou consumían nos restaurantes. Producións como froitas ou hortalizas, viños, produtos lácteos ou apícolas, e carne de vacún, porcino, ovino ou caprino, cuxas canles principais de comercialización agora están pechadas.

Tras enviar solicitude desde o pasado 15 de abril, máis de 370 produtores e industrias transformadoras adheríronse xa a Mercaproximidade. Unha vez se distribúan as súas producións, estarán perfectamente identificadas, deixando claros tanto a súa orixe como o seu vínculo coa iniciativa. A campaña de comunicación tamén irá actualizando a relación de entidades que colaboran con esta fórmula de venda alternativa, adquirindo estes produtos para a súa comercialización. Cabe lembrar que tamén ponde sumarse á rede as empresas que subministran a colectividades ou as plataformas de venda online.

Ata o momento, xa acordaron sumarse á rede as cadeas Gadis, Froiz, Vegalsa-Eroski -cos seus establecementos Eroski e Familia-, El Corte Inglés -cos establecementos Hipercor e Supercor-, Carrefour –cos seus centros Carrefour e Carrefour Market-, Grupo Cuevas -cos seus supermercados Plenus, Aquié e Aquí-, Lidl, Alcampo, Coviran e DIA. Con todo, a iniciativa segue aberta para que se incorporen todas as empresas interesadas en comercializar estes produtos de proximidade e calidade diferenciada.

José González subliñou que a campaña, que se fará visible tanto nos establecementos de alimentación participantes como nos medios de comunicación, poderá compartirse nas diferentes redes sociais empregando o cancelo #VouDeSúperFeirón.

Esta iniciativa enmarcada na rede Mercaproximidade ten como finalidade última frear a perda de ingresos das persoas agricultoras e gandeiras galegas para apoiar o futuro das súas explotacións e garantir así a supervivencia do motor principal da dinamización do rural.

O conselleiro engadiu que a Xunta está a mercar numerosos produtos agroalimentarios para ceder a hospitais, entidades e comedores sociais. Así, hoxe mesmo entrégalle 2.000 queixos ao Banco de Alimentos de Lugo e nos vindeiros días faralles chegar 2.000 tarros de mel. A maiores, destináronse a esa organización 100 toneladas de patacas para repartilas a través das sedes de Cáritas de toda España. A esta cantidade de tubérculo súmanselle outras 30 toneladas que cedeu de forma voluntaria un produtor da Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (Adegal).
R.