A Xunta suspende os prazos para a presentación de tres impostos autonómicos e activa un plan para mellorar a liquidez da tesourería da Comunidade con 1.800 M€ adicionais

En todo caso, matizou que os contribuíntes que así o desexen poden presentar as autoliquidacións de xeito telemático a través da oficina virtual da Axencia Tributaria.

Non obstante, a suspensión de prazos non afecta ao resto dos impostos autonómicos relacionados co impacto ambiental –como o canon eólico, o imposto sobre as augas encoradas ou o imposto sobre contaminación atmosférica– dado que estes temas proseguen. “Iso si, páganse de acordo coas emisións. Loxicamente, se baixan as emisións pagarán menos”, matizou.

Plan específico para dotar de liquidez á tesourería da Comunidade

Ademais de aprobar esta suspensión dos prazos para autoliquidar os principais impostos que xestiona Galicia, Feijóo reiterou a posta en marcha dun plan específico para mellorar a liquidez da tesourería da Comunidade Autónoma, co fin de compensar o descenso da recadación como consecuencia do aprazamento destes impostos autonómicos; e axilizar os pagamentos de facturas a todos os provedores que traballan coa Administración galega, clave para os autónomos e as pemes.

“Hai case 5.000 provedores da Xunta de Galicia e teñen que ter a seguridade de que a Xunta vai pagar coa maior rapidez posible”, engadiu.

Para garantir todo isto, a Tesourería da Comunidade acaba de dispoñer de 1.800 millóns de euros adicionais aos que xa vén dispoñendo mensualmente como consecuencia da recadación dos impostos da renda e do IVE. Con esta cantidade adicional, o Goberno galego afrontará os pagamentos ordinarios, como as nóminas dos empregados públicos ou as cotizacións á Seguridade Social; o pagamento ás farmacias; axilizar o pagamento das facturas aos provedores da Xunta; e afrontar gastos extraordinarios, como os que se están a afrontar no ámbito dos servizos sociais e da sanidade.

Así pois, o Goberno galego contará cunha potencia de liquidez superior a un período normal de actividade.

Feijóo aseverou que con este plan de liquidez, o obxectivo da Xunta é pechar o mes de marzo cun tempo medio de pago de facturas nun máximo de 15 días, mantendo así a Galicia entre as comunidades autónomas con menor tempo para o pagamento de facturas.

En concreto, o número de provedores actual da Administración autonómica oscila entre os 4.478 e os 4.642, dos que: máis de 2.300 son pemes; 953 autónomos; 611 sociedades anónimas; e 232 entidades sociais sen ánimo de lucro, maioritariamente do ámbito da discapacidade e das persoas maiores. Ademais, a través dos catro colexios farmacéuticos provincias canalízase o pago a máis de 1.300 oficinas de farmacia.
R.