Ponse en marcha o proxecto do Centro de Intelixencia Artificial de Ourense

Manuel Baltar amosou a súa satisfacción por participar nesta xuntanza. “Coñezo o proxecto do concello, unha entidade que achega un plus e que visibiliza á cidade e á provincia, e que vai na liña da innovación e da vangarda que desde a Deputación estamos apoiando”. Asemade, remarcou que este proxecto “tamén está en consonancia co dito pasados polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, quen mesmo falou do Centro de Intelixencia Artificial en Ourense como unha proposta para os próximos tempos, e onte mesmo se referiu a unha estratexia de Intelixencia Artificial para Galicia, e aí estamos apoiando”, destacou Baltar.

O presidente do goberno provincial salientou tamén o feito de que participasen na reunión os máximos responsables da Universidade de Vigo e da UNED en Ourense, “o que significa que é un proxecto que interesa e no que debemos involucrarnos todos para que sexa unha realidade no prazo máis breve posible”, augurando que terá “un incremento constante de apoio e fundamentalmente de talento, que é o que esta cidade e esta provincia necesitan”, comentou Manuel Baltar.

Gonzalo Pérez Jácome destacou que foi unha reunión “moi frutífera, na que quedou clara a folla de ruta para empezar a incorporar os primeiros científicos”, salientando “o éxito total que xa ten este proxecto”. Neste sentido, dixo que para coordinar o labor administrativo “estúdase contar cunha figura xurídica que transcenda ao concello, xa que o concello lidera este proxecto para que non haxa atrasos, pero en vistas do éxito que xa ten esta iniciativa, concordamos que debe haber unha administración supramunicipal”. Neste sentido, concretou que a vindeira semana “un comité comezará as reunións para que unha administración mixta, integrada por concello, deputación, Xunta de Galicia e ás distintas universidades, elabore un convenio multilateral que recolla estes aspectos”.

Pérez Jácome agarda que sexa inminente a transformación da Molinera no Centro de Intelixencia Artificial. “O futuro vai encamiñado nesa dirección”, dixo, e estimou que a posta en marcha desta nova infraestrutura investigadora suporía un investimento de dez millóns de euros e que comezaría a súa actividade en agosto ou setembro deste ano, avanzando que a contratación do director do centro “vaise concretar en cuestión dun mes, e as convocatorias de prazas para os primeiros enxeñeiros informáticos ou de telecomunicación tamén se plasmarán xa, aínda que a súa incorporación será en agosto ou setembro”.

Pola súa banda, o reitor da Universidade de Vigo afirmou que isto “semella unha aposta gañadora que pode traer moitos beneficios para a cidade e para a provincia de Ourense, e a Universidade de Vigo non pode facer outra cousa que aliñarse co que pensamos é unha política acertada”. “Nos faremos o posible –dixo- para participar neste proxecto dentro das nosas capacidades para algo que é bo para Galicia pero moi especialmente para a cidade e a provincia de Ourense”. Neste sentido, Reigosa avanzou que a cooperación da Universidade de Vigo podería estar en consonancia con axudas desde o punto de vista das capacidades humanas e do coñecemento.
R.