Galicia pecha 2019 cumprindo os obxectivos de déficit e débeda fixados no orzamento

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe na rolda de prensa do Consello que Galicia volveu cumprir en 2019 os obxectivos de déficit e débeda fixados no orzamento e pagou aos provedores na metade de tempo que a media autonómica.

Logo de avaliar o informe presentado pola Consellería de Facenda, sobre o avance do peche do exercicio 2019, Feijóo trasladou a conclusión de que, un ano máis, Galicia cumpriu o tope de déficit autorizado e o tope de débeda autorizada, e fíxoo pagando sempre en prazo aos nosos provedores, pese aos retrasos e aos impagos do Goberno central e situándose entre as CC.AA. con maior capacidade investidora.

En primeiro lugar, no informe consta que Galicia de novo cumpriu o obxectivo de déficit previsto, que era do 0,1% e quedou no entorno do 0,09%, executando o orzamento aprobado polo Parlamento de Galicia, que incluíu como ingresos os preto de 200 millóns de euros da mensualidade do IVE do ano 2017.

Logo de recordar que o Goberno central non ingresou un terzo dos 334 millóns de euros das entregas a conta ata o 30 de decembro do ano pasado, o último día hábil do ano, Feijóo aseverou que, pese a iso, a Xunta cumpriu.

No que atinxe ao endebedamento, cómpre salientar que a comunidade tamén volveu cumprir en 2019 o seu tope máximo autorizado e baixou a débeda. Así, o presidente do Executivo galego que cos cálculos do avance do peche do exercicio, 2019 pechouse cunha ratio de débeda/PIB do entorno do 17,5%, sensiblemente por debaixo do tope autorizado do 17,9%. E con estas primeiras estimacións, destacou que o pasado ano será o primeiro en que non só baixe a ratio débeda/PIB, senón tamén o endebedamento absoluto.

Así mesmo, Feijóo explicou que a Administración galega presentou en 2019 un período de pago, de media, de 18,3 días, a metade que a media de comunidades, que superou os 37.

Por último, e en relación ao esforzo investidor, cómpre salientar que Galicia atópase entre as autonomías con maior esforzo investidor, dedicando o dobre de porcentaxe que a media a investimentos. Así, o peso do gasto de capital sobre o gasto non financeiro foi do 11,4%, fronte ao 5,8% de media.

O titular da Xunta concluíu aseverando ademais que o Goberno galego seguirá reclamando os 170 millóns de euros dos incentivos por ser unha comunidade cumpridora en todos os parámetros fiscais durante os exercicios 2017 e 2018.
R.