O programa Galicia Emprega impulsará a formación e contratación de máis de 1100 mulleres, parados de longa duración, mozos e persoas discapacitadas

Impúlsase, deste xeito, a contratación dual en catro dos colectivos prioritarios da Xunta á hora de acceder ao mercado laboral.

Por unha banda, apóiase cun bono formación aos traballadores e traballadoras para que poidan responder ás necesidades formativas do tecido empresarial e, por outra, ofrécense incentivos á contratación ás empresas impulsando a contratación indefinida ou inicial cunha duración mínima de 12 meses a xornada completa.

Con respecto ao bono formación, nos catro programas incentívase con 2000 euros a cualificación dos traballadores que son contratados de xeito inicial por 12 meses para que reciban unha formación mínima de 50 horas. Se o contrato é indefinido, o bono increméntase ata os 4000 euros e a formación mínima terá que acadar as 70 horas.

En canto aos incentivos á contratación, as contías varían segundo o programa e poden alcanzar os 16.000 euros. Ademais, aumentan nun 25%, segundo a liña, para aquelas empresas de máis de 50 traballadores e traballadoras pertencentes a sectores estratéxicos que teñan unha taxa de estabilidade nos seus cadros de persoal do 70%; no caso de que o centro de traballo estea situado nun concello rural; ou se as persoas incorporadas son mulleres; maiores de 45 anos; ou emigrantes retornados.

Catro liñas

Emprega Muller é a liña dotada cun maior orzamento dentro do Galicia Emprega, con 4,3 millóns de euros -un millón máis que na pasada edición- para impulsar a formación e a contratación de 405 persoas. As axudas mínimas para os contratos indefinidos son de 12.000 euros.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria activará Emprega Persoas con Discapacidade ou en Risco de Exclusión Social con incentivos de 8000 euros para a contratación inicial deste colectivo e de 16.000 euros para os contratos indefinidos. A previsión de beneficiarios é de 185 persoas. O orzamento deste programa ascende a máis de 2,2 millóns de euros.

No caso de Emprega Parados de Longa Duración (2M€), as axudas para a contratación de 12 meses suman como mínimo 5000 euros, incrementándose ata os 10.000 euros se se trata dun contrato indefinido. O obxectivo é contratar a 175 persoas.

En Emprega Xuventude (2M€), as contías para os contratos dun ano de duración serán de 3000 euros e acadarán o dobre (6000€) no caso de contratos indefinidos. Estímase un número de beneficiarios de 365 menores de 30 anos.

Os incentivos á contratación constitúen un dos mecanismos da Administración autonómica para estimular a incorporación de novas persoas traballadoras aos cadros de persoal das empresas galegas. Galicia Emprega enmárcase dentro da Axenda 20, a folla de ruta que está impulsando na Comunidade o emprego estable e de calidade con medidas, como este programa, que favorecen o incremento das oportunidades laborais e a redución do desemprego. Desde o ano 2015, este tipo de medidas permitiron apoiar a contratación de máis de 7300 traballadores destes catro colectivos prioritarios cun investimento de 29,3M€.
R.