Entran en vigor as novas rebaixas de impostos incluídas nos orzamentos para 2020

Tamén entra en vigor hoxe a rebaixa no Imposto de Sucesións pola que todas as herdanzas de ata un millón de euros por herdeiro –sen contar a vivenda habitual- quedan libres de tributación. Isto permite que máis do 99,9% dos galegos non terán que pagar este imposto cando reciben unha herdanza dun familiar directo (ascendente, descendente ou cónxuxe). Ademais, amplíase o acceso ás reducións xa existentes para favorecer a sucesión das empresas que permanecen dentro do ámbito familiar.

Finalmente incorpórase unha novidosa ‘dedución verde’ no IRPF que permite bonificar ata o 15% das actuacións en vivendas para mellorar a eficiencia enerxética. En total, calquera particular pode bonificarse ata 1.350 euros, máis 150 euros para cubrir os custes da emisión do certificado de eficiencia enerxética.

Normalidade no ciclo orzamentario

Galicia mantén un ano máis a normalidade do seu ciclo orzamentario, fronte á situación do Goberno central –que comeza este exercicio 2020 coas contas de 2018– e doutras comunidades que teñen que prorrogar os seus presupostos. Coas contas que hoxe entran en vigor, son 40 os anos consecutivos nos que Galicia consegue aprobar uns Orzamentos.

Os Orzamentos de Galicia para o ano 2020 medran un 3% e ascenden a 10.149 millóns, 300 millóns máis que no 2019. Ademais, inclúen o maior gasto social da historia da Autonomía
-7.400 millóns de euros- e un incremento dos investimentos ata acadar os 1.691 millóns.
R.