A Axenda Industria 4.0 destinará 350 millóns de euros ata 2022 para impulsar o tecido empresarial galego

A comunidade galega e unha das líderes estatais no desenvolvemento da dixitalización, a nova industria e a fábrica conectada, e pretende seguir séndoo, mediante a xeración dunha industria intelixente, baseada nun capital humano que se anticipe aos cambios e aproveite as vantaxes das novas tecnoloxías. Todo isto a través da innovación, da internacionalización e a diversificación, promovidas pola Axenda 4.0, que traballa en catro áreas de acción: estratexia, asesoramento, talento e financiamento.

Para conseguir estes obxectivos, no período 2019-2020 hanse desenvolver catro medidas clave para transformar o tecido produtivo e levalo á Industria 4.0:

- Prestación de servizos ás pemes (Servizos 4.0): Lanzamento de business factories e desenvolvemento de Hubs de innovación dixital xa existentes, orientados a sectores estratéxicos. Inclúense tamén tecnoloxías emerxentes, como IoT (Internet das Cousas), Big Data e analítica.
- Desenvolvemento de centros de fabricación avanzada (Solucións 4.0): Estes centros validarán e demostrarán recursos dixitais made in Galicia. Ademais, a iniciativa Maquinaria 4.0 buscará a colaboración entre empresas complementarias para xerar sinerxías no desenvolvemento de bens de equipo.
- Creación dun Observatorio da Industria (Plataforma 4.0): Plataforma de xeración de coñecemento mutuo entre axentes implicados e de procura de proxectos de colaboración entre eles.
- Programa de financiamento para as empresas (Financiamento 4.0): Este programa permitirá o fortalecemento da competitividade empresarial, favorecendo iniciativas de cooperación en I+D e o avance en investimentos tecnolóxicos e estranxeiros.

A Gobernanza 4.0 é o paraugas baixo o que se desenvolverán todas estas iniciativas, un órgano onde estarán representados empresarios e sindicatos para liderar o desenvolvemento desta nova etapa, e que permitirá integrar as capacidades individuais, favorecer a especialización das empresas galegas e crear polos de actividade en torno ás novas tecnoloxías.

Impulsando a Industria 4.0 desde 2015

A Axenda 4.0 naceu en 2015 da man de 120 axentes sociais, que chegaron a un consenso sobre o que desenvolveron o traballo posterior a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, e a Amtega (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia). Nos seus catro primeiros anos (2015-2018), mobilizáronse 935,6 millóns de euros en Galicia, que permitiron a 8.925 empresas crear un total de 14.500 novos empregos industriais. A Fábrica 4.0 obtivo un 60% dos investimentos realizados, e está previsto que nos vindeiros dous anos esa porcentaxe sexa aínda maior.

Galicia converteuse así nunha das comunidades de referencia en España no impulso á nova industria, por diante da maior parte das rexións europeas no tocante ó impulso á transformación e modernización do tecido industrial. As accións desenvolvidas pola Xunta (Business Factory Auto, Unidades Mixtas de Investigación, proxectos Industria 4.0, axudas á dixitalización e o Polo Aeroespacial de Galicia) figuran por dereito propio entre as mellores prácticas neste eido en toda España.

O programa Profesionais 4.0

O programa Profesionais 4.0 é unha iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Igape, que ten como obxectivo impulsar a especialización e acceso ao mundo laboral de 140 mozos e mozas, e facilitar así a mellora na competitividade do tecido empresarial galego. Empresas, autónomos, asociacións fundacións ou clústeres poden obter axudas para contratar a titulados universitarios e técnicos superiores en FP de ata 35 anos.

Os profesionais interesados en participar neste programa deben inscribirse na base de candidatos do Igape antes da resolución da convocatoria, prevista para finais deste 2019. Así, as empresas e asociacións solicitantes poderán atopar aos candidatos axeitados por medio da Oficina Virtual do Instituto.

A convocatoria actual mobiliza dous millóns de euros para a contratación e formación de profesionais que garantan o seu avance competitivo na Industria 4.0, a través de proxectos que incidan en sectores como a optimización financeira, a profesionalización da produción e a cadea loxística, o desenvolvemento de procesos e sistemas de xestión da calidade, a identificación e posta en marcha de redes de cooperación e socios, a aposta polo capital humano, o asesoramento integral ao proceso emprendedor, a dixitalización ou creación de contidos dixitais e a incorporación efectiva de tecnoloxía.

Profesionais 4.0 está cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e é unha iniciativa da Xunta de Galicia que pretende reter o talento na nosa comunidade, mediante o desenvolvemento das carreiras profesionais de mozos e mozas e a mellora da súa competitividade, o que sen dúbida impulsará a súa incorporación ao tecido empresarial. Outra iniciativa destas características é o programa Principia, que xa chegou á súa cuarta convocatoria promovido pola Axencia Galega de Innovación (Gain), e que apoia a contratación de 110 persoas mozas cualificadas de ata 35 anos de idade para a realización de actividades de I+D+i en 77 empresas e organismos de investigación de Galicia.
R.